A CTC cubana celebra o seu XXII Congreso baixo o lema “Por Cuba, xuntos creamos”

A CIG trasladou o seu apoio ante o endurecemento do bloqueo e reiterou o seu compromiso coa denuncia desta agresión imperialista que se estende por máis de 60 anos
Internacional - 28 Xun 2026

Durante as xornadas do venres 26 e do sábado 7 de xuño a Central de Trabajadores de Cuba celebrou o seu XXII Congreso baixo o lema “Por Cuba juntos creamos”, nun contexto marcado polo asedio imperialista e polo agravamento do bloqueo imposto polos EUA. Como parte do diálogo con organizacións internacionais e ante a imposibilidade de acoller delegacións na illa, o mércores 24 estas foron convocadas ao Foro Sindical Internacional de Solidariedade, onde a CIG e outras organizacións sindicais e sociais puideron dirixir o seu saúdo ao congreso da central cubana.

Tal e como manifestou a propia comisión organizadora, a CIG recoñeceu o apoio e solidariedade en coherencia cos lazos históricos que unen o pobo galego e o cubano, así como o valor social central da organización da clase traballadora en Cuba e no triunfo da Revolución, que foi, sen dúbida, o que permitiu organizar e desenvolver un evento tan importante para a organización como é o seu congreso.

Desta maneira, este desenvolveuse por videoconferencia, conectando La Habana coas 15 provincias, para culminar os debates xa iniciados en xaneiro de 2024 centrados no reforzo da representación sindical, na consolidación da negociación colectiva, na reorientación laboral e nas posíbeis melloras do tecido empresarial cubano.

Cómpre salientar que este é o primeiro encontro dun axente social propio que ratifica a implementación das 176 medidas de transformación económica impulsadas polo goberno de Díaz-Canel, fronte ao que a propaganda contra o goberno sinala como concesións ao imperialismo.

Os documentos a debate estiveron principalmente centrados, alén do contexto de cerco económico e enerxético instigado polo imperialismo estadounidense e a organización da resistencia, no papel da central sindical ante as problemáticas máis agudas que afectan a clase traballadora, como a capacidade adquisitiva das persoas xubiladas, a deterioración salarial e o incumprimento das políticas salariais por parte das empresas, a participación das persoas traballadoras nas decisións empresariais, as novas dinámicas laborais que veñen definidas por novas formas de traballo e polo contexto de bloqueo que afecta as infraestruturas fundamentais, entre outros.

Renovación dos organismos de dirección

Así mesmo, renováronse os organismos de dirección, como o secretariado executivo, integrado por 13 representantes, e o Consello Nacional, ratificado por un 99,5% das persoas delegadas presentes. Alén disto, elixiuse como novo Secretario Nacional a Osnay Miguel Colina.

A CIG transmitiu no seu saúdo o seu apoio ao pobo cubano e á CTC, así como ás novas persoas representantes nos organismos e ao seu Secretario Nacional, ante o endurecemento do bloqueo, e manifestou o compromiso coa denuncia persistente desta agresión imperialista que se estende por máis de 60 anos por atentar contra o dereito á soberanía dos pobos e dos valores de paz; en coherencia coa loita pola xustiza social, polo dereito á autodeterminación e polo socialismo como obxectivos comúns de ambas organizacións sindicais.

Cuba non está soa! Galiza con Cuba! Contra o bloqueo criminal! Contra o asedio imperialista! Até a vitoria sempre!