A débeda: un mecanismo infernal no centro da feminización da migración

Christine Vanden Daelen - 09 Mar 2021

Impulsando por todas as partes unha crise de reprodución social ao seu paso, é dicir, impulsando a desposesión dos medios necesarios para a reprodución da vida, a débeda desempeña un papel central nos percorridos migratorios das mulleres. Provoca a súa partida ao mesmo tempo que condiciona os seus empregos nos países de acollida

A débeda ao servizo dunha economía feminizada e racializada

 O capitalismo globalizado, dentro do que o «sistema da débeda» é esencial, exacerba as desigualdades sociais. Alimenta e acentúa as desigualdades relacionadas coa clase, o xénero e a «raza». De feito, o capitalismo é estruturalmente patriarcal. E non podería funcionar sen a explotación do traballo reprodutivo[1] das mulleres, un traballo que está totalmente desvalorizado, subestimado, invisíbel e, xa que logo, moi mal pago ou, directamente, non pago (gratuíto). Ademais, baséase nunha lóxica racial que establece un principio de xerarquía entre as persoas «brancas» e as «non brancas». Estas últimas asignadas ao fondo da escala social e da división do traballo, o que favorece a súa explotación desmedida. Así, o capitalismo, o patriarcado e o racismo están entrelazados e reforzan mutuamente as súas opresións. A débeda, unha das principais ferramentas para a consolidación deste capitalismo patriarcal e racializado, ataca as poboacións máis vulnerábeis e marxinadas, das que sen dúbida forman parte as mulleres precarias, migrantes e racializadas. Por iso, a elas atínxenlles especificamente as medidas esixidas no seu nome, que acentúan a división sexual e racial do traballo e as violencias sexistas e machistas.

O exilio forzado das mulleres como consecuencia do “sistema débeda”

 A débeda non é neutral en canto ao xénero. A desestruturación que xera ten impactos específicos de xénero, levando cada vez máis mulleres a abandonaren as súas familias, as súas comunidades, as súas cidades, os seus pobos e países, non para se involucraren nun proxecto con perspectivas emancipadoras, senón para tentaren sobrevivir e asegurar a súa subsistencia e a dos seus seres queridos.

 O desmantelamento do Estado social que está no centro das esixencias de austeridade ten múltiplas implicacións para as mulleres. A privatización e os recortes orzamentarios impostos aos servizos públicos e sociais aféctanlles especificamente como traballadoras[2], usuarias e beneficiarias destes sectores, mais tamén como nais, compañeiras e fillas que terán que «compensar» a perda ou inaccesibilidade destes servizos. De feito, para levar a cabo as tarefas de coidado e educación desatendidas pola administración pública, non teñen máis remedio que reducir a súa xornada laboral remunerada ou coller dos seus escasos recursos os fondos necesarios para o coidado das súas fillas e fillos e familiares dependentes. Asistimos así a unha auténtica substitución das funcións e responsabilidades esenciais do Estado cara á esfera familiar e, xa que logo, cara ás mulleres. En nome da débeda pública, o concepto de «Estado social» está sendo substituído polo da «nai social». Asumir esta carga adicional significa para moitas mulleres integrar de xeito forzado os fluxos migratorios.

 O «todo para a exportación», medida emblemática do axuste estrutural, sitúa as mulleres, sobre todo as mulleres rurais, principais produtoras e agricultoras do mundo, nunha posición de total precariedade. Baseado nun extractivismo ilimitado dos recursos naturais, de xeito progresivo, a intensificación dos monocultivos para a exportación que están, xeralmente, en mans de homes, están substituíndo os cultivos de subsistencia, nos que hai unha gran maioría de mulleres, que se ven obrigadas a retirarse a terras marxinais. O «todo para a exportación» tamén significa o acaparamento e a explotación intensiva e extensiva da terra, os ríos, os lagos, etc., por parte das empresas multinacionais co aval dos gobernos e as IFI (Institucións Financeiras Internacionais). Privadas dos medios de produción necesarios para a reprodución as vidas, arrincadas das súas formas de vida non mercantís que garantían a súa soberanía alimentaria e a das súas familias, cada vez máis mulleres rurais do Sur se ven obrigadas a emigrar ás cidades ou aos países do Norte.

 Como principais fornecedoras das necesidades básicas da familia, as mulleres sofren as consecuencias do aumento dos prezos dos bens de consumo cotián resultantes da depreciación das moedas locais, o aumento do IVE ou a fin dos subsidios nos produtos básicos, o paquete básico de políticas prescritas para garantir o pago da débeda. Para seguir cubrindo as necesidades básicas das súas familias, deben, habitualmente a custa da súa saúde física e mental, aumentar cada vez máis o seu traballo gratuíto e/ou recorrer ao endebedamento privado. Non é casualidade que o microcrédito, que ten como obxectivo principal as mulleres, medr enormemente nas economías máis “axustadas”[3]. Para escapar dos seus acredores, algunhas delas abandonarán os seus fogares e comunidades.

 Os megaproxectos extractivistas apoiados polas IFI (por exemplo, agroalimentarios, de explotación mineira ou enerxética a grande escala, etc.) non dubidan en recorrer a grupos armados para «protexer» as zonas que acaparan. Estes «homes armados» adoitan exercer violencia sexual contra as mulleres para empurralas a elas e ás súas familias a abandonar os territorios e os recursos cobizados. Con frecuencia, son as mulleres as que están na vangarda da resistencia a estes megaproxectos, e enfróntanse a altos niveis de violencia represiva. O aumento do gasto militar financiado pola débeda tamén acentúa a violencia específica contra as mulleres, moitas veces utilizadas como «botín de guerra». Para estas mulleres, a migración é habitualmente o único xeito de escaparen desta violencia multifacética e de salvaren a vida.

Rutas da emigración bloqueadas pola débeda

 Nun capitalismo cada vez máis globalizado, as mulleres migrantes (documentadas ou indocumentadas) son as principais traballadoras en sectores laborais cuxo desenvolvemento está intrinsecamente ligado ás políticas de endebedamento. Vou centrarme en dous deles.

Área de libre comercio ou de libre explotación de mulleres

 A proliferación destas áreas de libre comercio (tamén chamadas «zonas francas») é unha das consecuencias directas da disolución de todos os dereitos laborais, da regulación, promovida polas IFI. Atraen masivamente as multinacionais que se aproveitan dunha man de obra mal paga, esencialmente feminina e «que se deixa explotar voluntariamente». Nestas fábricas de exportación (de produción téxtil e electrónica principalmente) cara ao Norte Global, as condicións de traballo aseméllanse á escravitude moderna[4], con traballadores e traballadoras que poñen en perigo a súa saúde por salarios que apenas lles permiten sobrevivir. Cando se organizan e demandan, as empresas despídenos e/ou trasládanse a novas zonas (deslocalízanse), deixando atrás a millóns de persoas. O feito de que estes empregos, con obsolescencia programada e pésimas condicións laborais, xeren grandes fluxos de migración feminina rural e internacional é indicativo da magnitude da miseria da que foxen ou tratan de compensar.

As mulleres ao servizo da reprodución social

 A destrución do Estado social alí onde existía, cos recortes orzamentarios, a mercantilización e a privatización dos servizos públicos necesarios para a reprodución da vida (sanidade, educación, atención á primeira infancia, sectores sociais) implica tamén un chamamento ás traballadoras do Sur para garantir e manter a reprodución social. Os traballos[5] (formais ou non) que sosteñen a reprodución social e o mantemento da vida son sistematicamente desvalorizados, entendidos como naturalmente «femininos», non son considerados como un «traballo real» e, polo tanto, están moi mal remunerados, son flexíbeis e precarios. Moi pouco atractivos para as traballadoras nacionais, son o nicho de traballo para as mulleres que se sitúan na imbricación das opresións de clase, xénero e «raza»: as mulleres migrantes.

 Na esfera privada, ante a escaseza ou a inaccesibilidade aos servizos públicos e de protección social, ante o rexeitamento persistente dos homes a compartir as tarefas domésticas e ante o rápido avellentamento da poboación, as mulleres que poden permitirllo economicamente (e para salvagardar tamén o seu acceso ao traballo remunerado) externalizan o excedente de traballo de reprodución social ás mulleres migrantes. Estas últimas, á súa vez, confían a mulleres máis pobres e/ou vulnerábeis que elas o traballo reprodutivo que xa non poden realizar no seo das súas familias. Asistimos así ao que as feministas chamaron a «cadea global de coidados» que mantén a toda velocidade a orde de dominación e a estrutura capitalista patriarcal e racial á que serve.

 En conclusión, constatar que o cinismo do «sistema da débeda» non ten límites: As mulleres que emigran para paliar a crise da reprodución social provocada polo axuste estrutural, cuxa explotación se converteu en crucial para salvagardar o mantemento da vida no Norte, son provedoras netas de divisas para os seus países de orixe, parte das cales se destina á devolución da débeda ou á contratación de novos empréstitos... A espiral infernal da débeda chega así ao seu paroxismo e mostra o moito que gaña calquera estratexia de emancipación ao incluír a abolición das débedas ilexítimas entre as súas demandas.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] O traballo reprodutivo abrangue todo o traballo realizado para reproducir a vida humana. Desde unha perspectiva capitalista, refírese aos coidados necesarios para proporcionar a unha persoa a capacidade de traballar. Este traballo de (re)produción de forza de traballo é indispensábel para o capitalismo: sen el non hai produción nin reprodución de mercadorías e, xa que logo, non hai acumulación capitalista.

[2] As mulleres representan dous terzos das traballadoras no sector da sanidade, a educación e os servizos sociais, esencialmente en postos «subalternos».

[3] Por unha análise crítica das microfinanzas : https://www.cadtm.org/microcredit-1538?lang=fr

[4] Xornadas de traballo de máis de 12 horas sen descanso real, que normalmente se prolongan até a noite, con horas extraordinarias impostas, en condicións de ruído, insalubridade e escasa iluminación, regulamentos moi estritos, multas, rexistros corporais, probas de embarazo obrigatorias, etc.

[5] Reunindo os sectores de servizos de coidado, traballo doméstico e de traballo sexual.

_______________________________________________________________________________________

 

 

[Artigo tirado do sitio web CADTM, do 4 de marzo de 2021]