A degradación de Europa e os Estados Unidos de América
Os Estados Unidos queren explotar ao máximo o seu poder económico e para iso apóianse no dólar como principal moeda de reserva do mundo, no seu control do sistema financeiro mundial a través de institucións como o FMI e o Banco Mundial, na supremacía das empresas tecnolóxicas e o software estadounidenses, e na súa influencia cultural a través de Hollywood e plataformas como Netflix
Esquézanse da verborrea sobre “democracia” e “valores”: Washington amosa agora abertamente a súa axenda. Os Estados Unidos queren seguir sendo o máis poderoso e dividen sistematicamente o mundo en esferas de influencia e patios traseiros económicos.
Seguir sendo o máis poderoso
O Goberno dos Estados Unidos acaba de publicar unha nova Estratexia de Seguridade Nacional (NSS), que sinala cambios importantes na política de seguridade e exterior do país.
O núcleo do informe é que os EUA deben seguir sendo “a nación máis forte, rica e poderosa da historia humana”, coas “forzas armadas máis letais e tecnoloxicamente avanzadas”. Noutras palabras, Washington quere preservar, custar o que custar, a súa dominación económica e militar mundial.
Cualifícase China como o principal “adversario de nivel similar” (near-peer adversary), é dicir, o único rival que se lle achega en termos económicos, tecnolóxicos e militares. Pero, entrementres, os estrategos de Washington aprenderon unha dolorosa lección.
A guerra comercial que Trump desatou a partir de 2025 buscaba pór a China de xeonllos cuns aranceis de até máis do 140%. O daquela ministro de Finanzas, o multimillonario de fondos de cobertura Scott Bessant, afirmaba que os EUA tiñan “todas as cartas” na man.
Mais China contraatacou. Limitou a exportación de terras raras, cruciais para a alta tecnoloxía, o armamento e o complexo militar-industrial dos EUA. De súpeto, quedou claro quen dependía de quen.
En simulacións de guerra sobre un conflito ao redor de Taiwán, as cousas non van mellor: segundo centros de pensamento estadounidenses, os EUA perden en moitos escenarios ou gañan só unha vitoria pírrica na que ambos os bandos quedan devastados.
A conclusión de Washington é que é demasiado arriscado empezar unha gran guerra con China neste momento. Primeiro hai que reducir a dependencia económica. Os EUA dificilmente poden confiar en cadeas de fornecemento chinesas para producir armamento en preparación dunha guerra con China. Por iso é esencial o control sobre América Latina.
“Doutrina Donroe”
O núcleo da nova estratexia é a desvinculación económica de China. Dado que os empregos nas fábricas non regresan aos EUA como tal, Washington quere trasladar as cadeas de fornecemento ao seu “propio” hemisferio: Norteamérica e, sobre todo, América Latina.
As palabras de moda son “nearshoring” e “friendshoring”. As fábricas trasládanse de China e o Leste de Asia a México, Brasil, Arxentina, Colombia… Non para crear empregos dignos, senón para explotar man de obra barata e materias primas, baixo o control de empresas estadounidenses.
A estratexia reduce a América Latina a fornecedora de materias primas (petróleo, terras raras) a beneficio dos EUA en preparación dun futuro conflito con China. O obxectivo é eliminar toda influencia doutras potencias (como China, Rusia e Europa) na rexión e bloquear o comercio con outros países.
Isto explica a recente incautación ilegal dun petroleiro venezolano en tránsito cara a Cuba e tamén explica por que Trump quere colonizar Grenlandia, coas súas enormes reservas de recursos naturais.
Todo isto recibe un envoltorio ideolóxico: o relanzamento da Doutrina Monroe de 200 anos de antigüidade. Vólvese a declarar América Latina “o noso hemisferio”.
Iso significa dúas cousas en concreto. En primeiro lugar, Washington quere traballar con vasalos rexionais, o que inclúe líderes de extrema dereita dispostos a abrir a súa propia economía ás empresas estadounidenses. O informe di abertamente que tales gobernos, partidos e movementos serán “recompensados e alentados”. Á inversa, os gobernos de esquerda serán socavados na maior medida posíbel, con Venezuela, Cuba e Nicaragua en primeira fila.
En segundo lugar, a CIA e o resto dos servizos de intelixencia deben “cartografar os puntos e recursos estratéxicos” da rexión. Petróleo en Venezuela, mineral de ferro en Brasil, litio en Arxentina, Bolivia, agricultura e reservas de auga: todos son considerados recursos que “non deben caer en mans de potencias competidoras”.
Está claro que significa iso: os EUA reclaman as riquezas naturais do continente como o seu propio patio traseiro económico.
Rubio, emperador na sombra
Un actor central nesta historia é Marco Rubio, ministro de Asuntos Exteriores e tamén Asesor de Seguridade Nacional.
Rubio, orixinario de Miami, dedicou toda a súa carreira a combater os gobernos de esquerda en América Latina, centrado de maneira obsesiva en Cuba, Nicaragua e Venezuela. Durante o primeiro mandato de Trump, mesmo presionou a favor dunha invasión militar de Venezuela.
Agora ocupa dous postos de máximo nivel ao mesmo tempo, unha combinación que antes só tivera Henry Kissinger baixo Nixon. Rubio é así a segunda figura máis poderosa en Washington. Ademais, é un falcón declarado respecto de China. Aos seus ollos, o Partido Comunista de China é “o adversario máis perigoso que os Estados Unidos tivo endexamais” e a loita polo poder entre os Estados Unidos e China determinará toda a historia do século XXI.
Nova Guerra Fría
A Estratexia de Seguridade Nacional tira unha conclusión clara: o inimigo principal é China, xa non Rusia. Estados Unidos quere mesmo restabelecer a “estabilidade estratéxica” con Moscova, o que significa reducir tensións, ir desescalando a guerra en Ucraína e deixar que Europa resolva os seus “propios problemas de seguridade”.
O obxectivo non é a paz pola paz. Washington espera romper o estreito vínculo entre China e Rusia e afastar a Moscova do eixo informal antihexemónico con Pequín e outros países do Sur.
Os europeos interprétano sobre todo como que Trump abandona a Europa, aínda que no propio documento se trata principalmente dunha reorganización de prioridades. O hemisferio occidental e o Indo-Pacífico adiántanse claramente como as dúas rexións chave, mentres que Europa e Oriente Medio quedan degradados a frontes secundarias.
Economicamente Europa segue sendo importante, pero sobre todo como mercado de venda para as exportacións e a tecnoloxía estadounidenses, xa non como socio pleno con intereses propios.
Dólares, datos e dominación
Os Estados Unidos queren explotar ao máximo o seu poder económico e para iso apóianse no dólar como principal moeda de reserva do mundo, no seu control do sistema financeiro mundial a través de institucións como o FMI e o Banco Mundial, na supremacía das empresas tecnolóxicas e o software estadounidenses, e na súa influencia cultural a través de Hollywood e plataformas como Netflix.
Trump mesmo ameaza a países dentro dos BRICS con aranceis de importación do 100% só porque se atreven a falar de alternativas ao dólar. Nas súas palabras: “BRICS morreu no minuto en que dixen iso”.
O obxectivo é un mundo que “sexa dirixido polos EUA”: formúlase así literalmente. Os países deben ver os EUA como “socio de primeira elección”, e quen non o faga serán desalentado “mediante distintos medios” de cooperar con outras potencias, sobre todo China.
A guerra cultural como cortina de fume
Un elemento distingue esta estratexia de documentos anteriores: unha guerra cultural explícita. O texto está cheo de diatribas contra a migración, a diversidade, a igualdade e a “subversión cultural”. O goberno anuncia “a fin da era da migración masiva” e promete combater as políticas Diversity, Equity, Inclusion (DEI. Diversidade, igualdade, inclusión).
Isto serve sobre todo como distracción. Mentres a atención se dirixe a cuestións simbólicos, non se di nin unha palabra sobre o papel de Wall Street na desindustrialización dos EUA nin sobre o poder das grandes tecnolóxicas (Big Tech) e dos multimillonarios que dominan o sistema político.
Entrementres, a política exterior segue a ser clasicamente imperialista: guerras, sancións, intentos de golpe de estado e cambio de réxime onde se considere necesario.
Indo-Pacífico: campos de batalla económicos do futuro
O Indo-Pacífico ocupa o segundo lugar tras o hemisferio occidental. Os EUA recoñecen que esta rexión xa constitúe o centro de gravidade político e económico do mundo, con case a metade da economía global. Só China representa case unha quinta parte da economía mundial, máis que os EUA.
Washington considera as próximas décadas “campos de batalla económicos” con China. O obxectivo é manter o status dos EUA como “economía líder”, facer retroceder as empresas tecnolóxicas chinesas e montar proxectos de infraestrutura alternativos fronte á Iniciativa da Franxa e a Ruta de China, o proxecto global de infraestrutura e investimentos co que China constrúe ou financia portos, liñas ferroviarias, estradas e fornecementos de enerxía.
Neste contexto considérase a India un socio importante no Quad (EUA, Xapón, Australia, India). Ao mesmo tempo, o texto recoñece que Nova Deli segue o seu propio rumbo e non se converterá simplemente nun vasalo obediente.
Taiwán e o cinto militar ao redor de China
Un potencial punto de explosión é Taiwán. A illa é crucial para Washington por tres razóns: garante a dominación en semicondutores a través do xigante de chips TSMC, constitúe un elo na “primeira cadea de illas” coa que EUA pode cercar militarmente a China e atópase ao longo de rutas marítimas moi transitadas no mar da China Meridional.
No informe fálase, por tanto, de manter a “superioridade militar” para disuadir a China. Concretamente: máis bases, máis armamento e máis presión sobre os aliados na “primeira cadea de illas”, como Filipinas, Xapón e Corea do Sur, para que aumenten os seus gastos militares e abran os seus portos e infraestruturas.
O feito histórico de que Taiwán formase parte de China durante séculos e mesmo fose colonizada por Xapón desaparece completamente da vista. O que conta é a utilidade da illa na loita polo poder con Pequín.
África e Oriente Medio
Só se dedican uns poucos parágrafos a África. A mensaxe é humillantemente claro: África é interesante como fonte de “abundantes riquezas naturais”, como mercado para produtos estadounidenses e como terreo para a loita polos minerais críticos con China.
A ollos de Washington Oriente Medio perde a súa importancia agora que os propios EUA son o maior produtor de petróleo e gas. O foco desprázase da seguridade do petróleo a impedir que “potencias inimigas” –léase: sobre todo China– se apoderen da enerxía do Golfo.
O Imperio en declive recorre á machada roma
A Estratexia de Seguridade Nacional 2025 non rompe co pasado, senón que é unha versión intensificada do que xa se puxo en marcha baixo Obama e Biden: o “pivot to Asia”, a reafirmación da hexemonía mundial estadounidense e a guerra económica aberta contra países que queren seguir o seu propio rumbo.
O novo é, sobre todo, a forma descarada de plasmalo agora en papel. Xa non hai palabras bonitas acerca da “difusión da democracia”, senón dunha axenda sen andrómenas: dividir o mundo en esferas de influencia, tratar América Latina e África como reservas de materias primas e man de obra, reducir Europa a mercado de venda, illar e debilitar China e, se é preciso, incorporar Rusia como socio menor.
A estratexia é, en esencia, unha visión global na que se subordina o mundo enteiro aos intereses estadounidenses (MAGA).
Este informe é moi esclarecedor para quen queira entender onde se van producir os próximos conflitos, golpes de estado e guerras económicas. Describe un imperio que tenta salvar o seu minguante poder apertando aínda máis as parafusos ao resto do mundo.
_____________________________________________________________________________
Nota:
(1) A “Doutrina Donroe” é un novo alcume para a actual política exterior de Trump nas Américas, un xogo de palabras coa Doutrina Monroe + “Don” (Donald Trump).
Considera toda América do Norte e Sur esfera de influencia dos EUA. Xustifica medios duros —intervencións militares, buques de guerra no Caribe, sancións e presión económica— para frear a migración, o narcotráfico e, sobre todo, a influencia chinesa e rusa en América Latina.
A diferenza da doutrina Monroe orixinal (1823), que sobre todo dicía “Europa, mantente fóra do hemisferio occidental”, a doutrina Donroe vai moito máis lonxe ao tratar a rexión como unha especie de fronte interna estadounidense ampliada.
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: https://www.dewereldmorgen.be/artikel/2025/12/11/europa-gedegradeerd-washington-ziet-continent-alleen-nog-als-afzetmarkt
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 16 de decembro de 2025]