A Deputación de Ourense non poderá manter as designacións do concurso anulado por enchufismo

O Xulgado desestimou a inexecución da sentenza condenatoria a raíz dunha denuncia da CIG
Ourense - 07 Mai 2020

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense vén de desestimar a solicitude de inexecución de sentenza solicitada pola Deputación e Ourense a raíz da denuncia presentada pola CIG por enchufismo no concurso derivado da Relación de Postos de Traballo (RPT). En consecuencia, o ente provincial non poderá manter as 66 designacións e os ascensos ilegais coas que pretendía burlar a decisión xudicial que anulou o proceso.

Segundo explican dende os servizos xurídicos da CIG de Ourense, “a sentenza sinala moi claramente que o que é nulo non existe e condena a Deputación a pagar os custes, sumando con esta cinco condenas en custes que pagará a veciñanza”. 

É a quinta vez que o ente provincial é condenado neste proceso xudicial

Lembran que a institución provincial perdeu no Xulgado CA número 2 de Ourense, na Sala do CA do TSXG, na Sala do CA do Tribunal Supremo e, de novo, na Sala de Casación do TSXG todos os recursos relativos ao proceso xudicial interposto pola CIG contra o concurso ordinario derivado da RPT de 2016.

“Mais o presidente da Deputación, Xosé Manuel Baltar, tentou, nun último caneo xudicial, manter vixentes as 66 designacións e ascensos ilegais nacidos da norma anulada, solicitando a inexecución da sentenza ou, subsidiariamente, o mantemento dos ascensos efectuados ao considerar que as persoas adxudicatarias dos dedocráticos ascensos foron beneficiarias de boa fe”.

Asunción de responsabilidades

Fronte a isto, a propia sentenza establece que «en definitiva, lo que es nulo no produce ningún efecto, debe considerase que nunca ha existido, por lo que no puede pretenderse mantener la validez ni de actos particulares dictados al amparo del acto declarado nulo ni, mucho menos, los nombramientos efectuados con base en él».

En consecuencia, dende a CIG animan a Baltar, “nun momento tan difícil para a sociedade como o actual”, a deixar de “revirar” as decisións da xustiza, a cumprilas e a dar contas públicas deste asunto “por medio das canles democráticas que temos: a asunción de responsabilidades, a actuación en consecuencia por ter sido condenado cinco veces por todos os tribunais do Estado español e mesmo a dimisión”.