A desaparición de Caixa Geral supón un chanzo máis na alarmante concentración bancaria

Galiza é o sistema financeiro máis concentrado de Europa

Nacional -

A adquisición por parte de Abanca do negocio da Caixa Geral no Estado español, ten un impacto moi significativo sobre o sistema financeiro galego, do que xa os propios informes da Xunta de Galiza alertaban pola excesiva concentración bancaria no país.

Finalmente Abanca Corporación Bancaria, S.A. foi a adxudicataria da rede comercial de Caixa Geral de Depósitos no Estado español. Unha rede que en gran parte tivo a súa orixe no Banco Simeón. Deste xeito, o Goberno de Portugal, malia que no prego de condicións da poxa pública incluíu, a efectos de valoración das ofertas, o impacto sobre o emprego, decidiuse pola opción que pode ter un maior custe laboral debido tanto ás duplicidades existentes en Galiza, coma ao réxime laboral que impera en Abanca.

Caixa Geral ten 35 oficinas repartidas polas 4 provincias, todas elas coincidentes con oficinas de Abanca, polo que dadas con estas circunstancias e coñecendo as políticas do sector, cabe prognosticar que a Dirección de Abanca optará por “achatarrar” a maior parte desas oficinas, cando non todas.

Independentemente da negociación laboral, esta operación terá un novo impacto sobre o emprego no sector da banca en Galiza, que arrastra unha década de reconversión.

Inacción da Xunta de Galiza

A CIG-Banca critica a falta de actuación por parte da Xunta de Galiza, toda vez que os seus propios informes alertaban do excesivo grado de concentración do sistema financeiro galego, con índices de concentración moi superiores aos de calquera Eurorrexión.

Reclama da Xunta que examine de novo o sistema financeiro galego e que faga público o índice de Herfindahl (que mide a concentración de calquera mercado), e que poña en marcha medidas correctoras cara ao futuro.

Dende a CIG consideran que máis alá do beneficio para o accionariado de Abanca, esta nova concentración é negativa dende o punto de vista do emprego, da competencia e polo tanto para a economía galega.

Privatización das caixas

A compra de Caixa Geral, pola que Abanca pagou 364 millóns de euros, suporá un incremento do negocio do 9% para a Entidade. A operación realizada polo Goberno de Portugal, que obterá un 65% do valor contable (un nivel semellante á cotización nos mercados da banca mediana), deixa tamén en evidencia o proceso de privatización das Caixas Galegas levado adiante polo Partido Popular, que se saldou con perdas para o erario público.

A concentración e centralización do sistema financeiro impulsada dende Madrid, polos sucesivos gobernos e organismos públicos e de supervisión, é cada vez máis alarmante, recoñecida incluso polo Banco de España. Pero seguen favorecendo este proceso de concentración.

Do punto de vista laboral, as Seccións Sindicais da CIG na Caixa Geral e en Abanca, viñan facendo un seguimento conxunto e onte mesmo pola tarde tiveron a primeira reunión para analizar o traballo que deberán afrontar nos vindeiros meses.

Haberá un proceso de negociación obrigatorio segundo a lexislación laboral, no que a CIG se compromete a defender con firmeza todos e cada un dos postos de traballo e as condicións laborais. Non se agocha que este proceso implicará unha reestruturación que a CIG esixirá que sexa por vías non traumáticas, e implicará tamén un cambio de Convenio Colectivo: Caixa Geral aplicaba o Convenio da Banca Privada e Abanca o Convenio das antigas Caixas de Aforros.

Volver