A desfeita do modelo liberal en sanidade: O caso dos Estados Unidos

Vicenç Navarro - 26 Dec 2016

Cando un traballador é despedido (e o despedimento en EUA é doado), este ou esta perde non só o seu salario, senón tamén a súa atención médica (e a da súa familia). Esta medida ten un impacto disciplinario enorme sobre o mundo do traballo, o cal explica que EUA teña o menor número de días perdidos por folgas no mundo capitalista desenvolvido

 No mundo capitalista desenvolvido hai basicamente tres formas de financiar e prover os servizos médicos á poboación a nivel de todo o Estado. Un, que se coñece como o Servizo Nacional de Saúde (National Health Service), onde a maioría do financiamento é público e a provisión dos servizos é tamén pública. O segundo modelo é o Seguro Nacional de Saúde (National Health Insurance), onde o financiamento é público (a través dun sistema de aseguramento público) e a provisión de servizos é privada. E, finalmente, o terceiro sistema é o que é financiado privadamente (que se realiza predominantemente a través de aseguramento privado, sendo as compañías de seguro privadas as que xestionan o sistema sanitario), e no que a provisión de servizos é tamén privada. Neste modelo, a diferenza dos dous anteriores, a acumulación de beneficios empresariais de carácter privado xoga un papel determinante na configuración do sistema sanitario.

 Este modelo, que foi promovido activamente polo capital financeiro (a banca e as compañías de seguros), tanto a nivel de cada país como a nivel internacional (co apoio activo do Banco Mundial e da Organización Mundial da Saúde, altamente influenciada polo goberno federal de EUA), é o modelo liberal (en terminoloxía económica, neoliberal). É tamén este modelo o que está sendo promovido por un gran número de economistas en temas sanitarios (de clara sensibilidade liberal) no Estado español, moitos deles próximos á banca. Este modelo é o que existe en EUA, e é, de xeito evidente, o sistema máis caro (EUA é o país que gasta máis en sanidade no mundo, un 17% do PIB), máis impopular (o 64% está insatisfeito co xeito como se financia e organiza o sistema sanitario), máis ineficiente (o 40% de histerectomías, o 48% de operacións de cateterismo cardíaco e bypass, o 28% de anxiografías, o 40% de anxioplastias e o 12% de intervencións de cataratas son innecesarias) e máis inhumano (o 32% de persoas que están morrendo, é dicir, que teñen enfermidades terminais, indican estar preocupadas de como elas ou os seus familiares pagarán as facturas médicas).

As causas políticas do dominio do modelo liberal

 Como sempre ocorre, detrás de calquera problema económico (e o sistema sanitario en EUA é un problema económico enorme) hai unha causa política: o enorme poder, non só económico e financeiro, senón tamén político e mediático, do que en EUA se coñece como a Corporate Class (clase corporativa) (é dicir, os propietarios e xestores das grandes empresas financeiras, industriais e de servizos que configuran a vida económica do país). Este poder foi o que presionou para que o sistema de financiamento da sanidade non fose público (como na maioría de países de Europa), senón privado, a base dos pagamentos dos traballadores e empregados dunha empresa e dos seus empregadores ás compañías de seguros privadas que, á súa vez, contratan cos provedores (tales como médicos, hospitais, etc.) a provisión de servizos. Así quedou fixado na lei Taft-Harley (que o presidente Truman vetou pero que o Congreso -controlado polas dereitas- aprobou). O mundo financeiro, e moi en particular as compañías de seguros, favoreceu esta lei que facilitou e fixo posíbel a súa gran expansión. E o mundo empresarial tamén a apoiou, pois fixaba que o modo de financiar os servizos sanitarios era a través dos convenios colectivos (asinados polos representantes dos traballadores e polos empresarios), que definen as achegas de traballadores e empresarios ás compañías de seguro privadas, que son as que xgestionan o sistema sanitario. Este sistema garantía un control por parte dos empresarios sobre a súa forza de traballo, debido a que non só os salarios, senón tamén a asistencia médica do traballador e da súa familia, dependían do seu traballo. Cando a un traballador é despedido (e o despedimento en EUA é dodado), este ou esta perde non só o seu salario, senón tamén a súa atención médica (e a da súa familia). Esta medida ten un impacto disciplinario enorme sobre o mundo do traballo, o cal explica que EUA teña o menor número de días perdidos por folgas no mundo capitalista desenvolvido.

 Neste esquema, o nivel de cobertura dun traballador depende da forza que o sindicato poida ter nos altamente descentralizados convenios colectivos. Naquelas empresas onde os sindicatos son fortes, é probábel que os seus traballadores teñan unha cobertura das súas necesidades asistenciais sanitarias relativamente boa (aínda que nunca comparábel ao que calquera cidadán ten nos sistemas nacionais de saúde ou nos seguros nacionais de saúde). Mais se os sindicatos son débiles ou non existen, a cobertura sanitaria é menor ou inexistente. De aí a enorme diversidade nos niveis de cobertura sanitaria en EUA. E para complicar aínda máis a situación, para aqueles que non traballan, o aseguramento privado individual é sumamente caro, e prohibitivo no caso de que teñan unha enfermidade crónica.

Que fixo o Obamacare?

 O primeiro intento de reforma apareceu nas campañas de Jesse Jackson (ao cal tiven o pracer de asesorar) en 1984 e en 1988, dirixente do movemento Arco Iris (Rainbow Coalition, que era a alianza das forzas progresistas, sindicatos, movementos de dereitos civís, ecoloxistas e feministas dentro do Partido Demócrata), apoiado polos partidos socialista e comunista. Tal movemento esixiu e conseguiu que se establecese un Seguro Nacional de Saúde, semellante ao sistema sanitario canadense, que orixinalmente tivera un sistema parecido ao existente en EUA até que nos anos 60 se cambiou nunha provincia canadense (Saskatchewan), gobernada polo Partido Socialista canadense, prohibindo o aseguramento privado, pasando este aseguramento a ser público.

 Máis tarde, o presidente Clinton (que copiou extensamente elementos importantes do programa de Jackson) incorporou tal demanda no seu programa (co cambio substancial, sobre o programa de Jesse Jackson, de manter e non substituír as compañías de seguros privadas), establecendo un grupo de traballo na Casa Branca, dirixido pola súa esposa, Hillary Clinton, no cal a Rainbow Coalition pediume que lles representase, como científico da súa confianza.

 A proposta Clinton, que foi incorporada posteriormente polo candidato, e máis tarde presidente, Obama, no seu programa, tiña como obxectivo intentar reducir o elevadísimo número de estadounidenses que non tiñan ningunha cobertura sanitaria (causando máis mortes que as producidas pola SIDA). Agora ben, malia que o título do programa promovido polo presidente Obama se chama Universal Health Care, o feito é que mesmo co pleno desenvolvemento do seu programa, aínda permanecerían 27 millóns de cidadáns e residentes sen ningunha cobertura, e o dobre deste número con cobertura insuficiente.

 A lei do Obamacare esixe que todo cidadán ou residente teña que ter unha póliza de aseguramento sanitario (da mesma xeito que todo propietario dun coche debe ter seguro do coche), sen regular, con todo, o prezo da póliza. E tamén esixe a todos os empresarios que provean aseguramento privado aos seus traballadores e empregados. Pero o nivel de cobertura obrigatorio é moi insuficiente para cubrir as necesidades da poboación. O problema maior é que Obama non se atreveu a enfrontarse coas compañías de seguros (que financiaron gran parte das campañas dos políticos, incluíndo a do Sr. Obama e a da Sra. Clinton). Estas adquirirán mesmo máis poder baixo o mandato do presidente Trump, o cal nomeou como Secretary of Health (equivalente a Ministro de Sanidade) a unha persoa coñecida pola súa oposición ás reformas realizadas pola Administración Obama, empeorando aínda máis os problemas creados pola aplicación do modelo liberal na sanidade dun país, un modelo que os economistas liberais intentan aplicar no Estado español tamén, promovido por grandes intereses financeiros, incluídas compañías de seguros sanitarios privadas que están adquirindo máis e máis protagonismo na sanidade española, expansión facilitada predominantemente polos partidos conservadores de persuasión liberal que dominaron os gobernos españois (incluídos os cataláns) nos anos da Gran Recesión.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 23 de decembro de 2016]