A dez anos do crac financeiro

Albert Recio Andreu - 18 Set 2018

En 2008 puxéronse de manifesto moitos dos peores aspectos do capitalismo neoliberal. Dez anos máis tarde, estamos máis ou menos na mesma situación, pero en moitas partes do mundo os problemas sociais e ecolóxicos agraváronse. E existen novas ameazas que conducen á barbarie

I Hai dez anos, o sistema financeiro abalou. E con el, tremeu a complexa andamiaxe da economía capitalista mundial. A crise dos grandes bancos mundiais provocou unha recesión sen precedentes desde a Segunda Guerra Mundial, e os seus efectos estendéronse paulatinamente a moitos espazos do planeta. O que comezou poñendo en evidencia as fraxilidades, as irresponsabilidades e a criminalidade inherentes ao modelo neoliberal, acabouse convertendo nun axuste que debilitou as condicións de vida de moita xente, os dereitos laborais e os servizos públicos en moitos países. As elites capitalistas conseguiron externalizar gran parte dos custos do mal que eles xeraran cara ao conxunto da poboación, e tiveron éxito en conseguir que as políticas económicas desenvolvidas polos Estados e os organismos internacionais non supuxesen unha viraxe profunda na dinámica iniciada a metade da década de 1970.

 As crises, os auxes e recesións, son inherentes á historia do capitalismo. Que as crises se manifesten en primeiro lugar na esfera financeira tamén é habitual. O sector financeiro constitúe o segmento máis especulativo, inestábel e volátil da economía capitalista, e é alí onde se manifestan con maior intensidade as convulsións sísmicas da economía mercantil. Un sector financeiro, por certo, cuxo xigantismo se desenvolvese á calor das políticas neoliberais, as potencialidades das novas tecnoloxías da información, e a globalización. Un sector que propiciara, á vez, unha alarmante situación de endebedamento global e un enorme potencial para o desenvolvemento de enriquecemento das rendas das elites mundiais. O endebedamento era en parte un propio subproduto da liberalización financeira. Mais era tamén o resultado das contradicións postas en marcha polo modelo neoliberal: a necesidade de promover o crecemento do consumo nun contexto de salarios conxelados (ou á baixa), a necesidade de manter vivo o comercio internacional nun mundo con países con balanzas comerciais permanentemente deficitarias, a necesidade de manter un sector público enfrontado a demandas crecentes e recortes de impostos…

 E, malia iso, a crise colleu por sorpresa os grandes líderes económicos. E á meirande parte da “academia universitaria”, máis atenta a desenvolver unha análise formalista que a analizar o funcionamento do capitalismo real. Un capitalismo que, máis que confiar na capacidade autorreguladora do mercado para saír da crise, optou por unha intervención pública masiva para evitar o colapso. Abondou cunha creba bancaria -a saída normal nunha sociedade de mercado- para forzar os gobernos a financiaren masivamente ao sistema financeiro e evitar a súa creba sistémica. Confundir o capitalismo moderno co mercado é un erro. O capitalismo real é unha complexa combinación de mercados, empresas (en moitos casos enormes organizacións verticais que expanden o seu poder máis aló dos límites formais da propia empresa a través de complexas redes interempresariais) e un sector público impoñente. Sen este terceiro factor, a crise de 2008 posibelmente sería un proceso moito máis caótico do que realmente resultou.

II A crise, que puxo en evidencia as debilidades e defectos das políticas neoliberais e os gravísimos problemas xerados pola financeirización económica, non serviu para reorientar o funcionamento global do sistema. Máis ben ao contrario. O sistema financeiro foi salvado a custo da sociedade (e aumentou a concentración bancaria). O nivel de endebedamento global seguiu medrando (aínda que nalgúns países parte do endebedamento privado se endosou ao sector público). O proceso de financeirización viuse favorecido polas heterodoxas políticas monetarias adoptadas pola Reserva Federal e o Banco Central Europeo co pretexto de evitar o colapso económico. Seguíronse implementando reformas laborais orientadas a desmantelar normas que no pasado operaban como garantías de dereitos sociais e acoutaban o poder do capital. Nalgúns países impuxéronse políticas de austeridade que implicaron graves custos sociais e un desmantelamento dos servizos sociais.

 Aumentaron as desigualdades de renda e a minoría do 1% (ou o 5%) acumulou riqueza a expensas do resto. Nunha visión mundial este dato cómpre matizalo. Como explica o detallado traballo de Branko Milanovic (Global Inequality, Harvard University Press 2016), no seu conxunto, a desigualdade de renda mundial entre individuos diminuíu, fundamentalmente por efecto do crecemento da economía chinesa, que mellorou a renda de millóns de persoas. Pero este mesmo autor sinala dous feitos cruciais. Dunha banda, o estancamento absoluto e a perda relativa da renda da maioría da poboación dos países desenvolvidos. Da outra, que malia a mellora da poboación chinesa (e parte da India), a renda media dos países ricos (mesmo a da maioría dos seus pobres) segue sendo moito maior que a destas novas capas emerxentes de asiáticos beneficiados pola globalización. Os impactos da crise tiveron dimensións de xénero, clase e país.

 A crise, en suma, non xerou nin unha “refundación do capitalismo· nin unha reorientación substancial. Máis ben serviu para desenvolver políticas que reforzaron as tendencias anteriores. Introducíronse solucións de urxencia, que serviron para esfarelar e afortalar unha economía chea de contradicións. O sistema non se derrubou, pero as solucións adoptadas prometen a reaparición de moitos problemas graves no futuro próximo. Algúns, como o aumento da pobreza, xa son visíbeis.

 Se á crise económica en termos convencionais sumamos as cuestións relativas á crise ecolóxica a situación é aínda máis dramática. Mentres proliferan as evidencias dos efectos do cambio climático, os dez últimos anos non achegaron cambios substanciais na organización da actividade económica. O único cambio palpábel é o crecemento das enerxías renovábeis a custo das tradicionais na produción de electricidade. Trátase dunha das adaptacións teoricamente máis doadas de realizar para as economías capitalistas. Á fin e ao cabo, o cambio técnico e a substitución de materiais formou sempre parte da dinámica de acumulación. E diso xa tomaron boa nota os grandes grupos enerxéticos, que xa están focalizando os seus investimentos cara ás “novas enerxías”. A idea de que abonda con substituír unha enerxía por outra non só é atractiva para as empresas capitalistas, senón tamén para a maioría da poboación rica á que se lle promete que poderá manter as mesmas pautas de consumo (e ademais sen contaminar) simplemente cambiando o mix enerxético. Algo que é máis que dubidoso se se considera a crise ecolóxica no seu conxunto. Nin está claro que as enerxías renovábeis poidan garantir o mesmo fluxo de enerxía barata que o petróleo e o carbón (sobre todo se se ten en conta o ciclo completo de consumo enerxético que inclúe a produción de equipos e infraestruturas renovábeis), nin moito menos se pode reducir o problema ambiental a unha soa cuestión. Aínda que tivésemos unha subministración ilimitada de enerxía, o impacto sobre os ciclos vitais da maioría de especies, sobre os chans fértiles, sobre os ciclos do auga, o uso do espazo ou a crecente demanda de minerais acabarían por xerar (se non o están facendo xa) outro tipo de tensións. As sociedades capitalistas que experimentaron niveis de consumo impensábeis noutras épocas son como unha especie de praga que devora todo o que considera necesario para a súa continuidade e, a diferenza doutras especies, utiliza o cambio técnico como mecanismo de mutación cando esgotou algún dos seus inputs esenciais. O problema é que as dimensións do planeta son as que son, e non parece racional pensar que este movemento non terá fin.

 A crise xerou moito sufrimento e, nos países desenvolvidos, acelerou as tendencias á degradación das condicións de vida e traballo de gran parte da poboación. As respostas á crise reforzaron o poder das elites dominantes sen abrir vías sólidas para afrontar os problemas endémicos de inestabilidade ou desigualdade, nin para afrontar en serio os retos que xera a crise ecolóxica.

III Todo o anterior non ten nada de orixinal. É un resumo apresurado do ocorrido na última década, sen entrar en moita profundidade. A pregunta verdadeiramente relevante é por que ante tamaña desfeita non se configurou unha proposta minimamente sólida para, cando menos, propiciar algunha política nova. Hai un baleiro enorme entre a evidencia (mesmo nos medios convencionais) do tamaño das desigualdades e os perigos da crise ambiental e a inexistencia de propostas de cambio mobilizadoras. O auxe das propostas dereitistas e o repregamento cara ao nacional-identitario en case todos os países desenvolvidos ten unha das súas bases nesta falta de alternativas á hexemonía capitalista. Unha hexemonía que se consolidou menos por méritos propios que polo fracaso dos seus presuntos opoñentes. Este debería ser o núcleo de traballo de calquera persoa interesada en afrontar en serio os problemas da sociedade actual, especialmente daquela xente que leva anos pelexando en mil e unha resistencias aos impactos do capitalismo. E, máis especialmente, entre a xente con capacidade técnica e intelectual para o enfrontar.

 Hai que comezar por recoñecer os problemas básicos que impiden pensar alternativas. Considero polo menos tres tipos de cuestións.

 En primeiro lugar, está o dilema entre crecemento e axuste ecolóxico. Tradicionalmente, a esquerda situábase en lado do crecemento. E, aínda agora, moitas das propostas dos partidos de esquerda sitúanse nunha óptica poskeynesiana. O problema das políticas expansivas deste tipo choca non só coa necesidade de levar a cabo unha reconversión ecolóxica, senón tamén cunha cuestión máis inmediata: o suxeito público que as pode levar a cabo. No contexto de globalización actual, as políticas expansivas de corte nacional están expostas a múltiples problemas. E, neste momento, a esquerda non ten capacidade de intervir con éxito en estruturas supranacionais onde estas políticas serían realizábeis. E a crecente consciencia ecolóxica dunha parte da esquerda fixo que perdesen o seu atractivo. Hai que recoñecelo estamos atrapados nunha trampa sinistra: se se acelera o crecemento, agrávanse os problemas ecolóxicos; se a economía se contrae, no contexto actual, xérase un grave problema social. Un dilema que non se pode resolver con eslóganes simples, senón que esixe a elaboración de propostas que combinen unha política seria de axuste ecolóxico, de redución das desigualdades e de reforma institucional.

 En segundo lugar, está a cuestión do suxeito. A formulación clásica baseábase no que agora se coñece como o problema do 1% (a elite capitalista) enfrontado ao 99% (a clase obreira). A realidade é por desgraza máis complexa. As sociedades capitalistas desenvolvidas teñen maior diversificación social, na que existen estratos diferenciados por motivos de posición laboral, nivel educativo, renda, etc. Aínda que a crise freou expectativas e debilitou estatus, as diferenzas persisten e impiden establecer alianzas maioritarias en temas como os impostos, a estrutura salarial ou as regulacións ambientais. Ademais as enormes diferenzas existentes entre os distintos países en temas como a renda, os servizos públicos, ou o sistema fiscal, operan como outro elemento de diferenciación e abren un espazo ás políticas reaccionarias. Construír unha alternativa esixe entender esta estrutura social e analizar cales son as mediacións que poden permitir acumular un maior número de forzas.

 A terceira cuestión é a de que tipo de modelo propugnar tras as erradas experiencias soviéticas. Marx e Engels opuxéronse con boas razóns ao socialismo utópico que propugnaba a construción dunha sociedade ideal baseada nas ideas de pensadores benintencionados. Unha sociedade non se crea da nada, independente das dinámicas sociais imperantes. Centráronse máis ben en desenvolver a crítica da sociedade capitalista, aínda que non rexeitaron facer propostas concretas (o mesmo Manifesto Comunista introduce un programa reformista bastante concreto). Cando os bolxeviques tomaron o poder tampouco tiñan unha idea clara de como organizar a economía, aínda que xa se pensaba nalgún tipo de planificación para combater a tendencia ao descontrol da economía capitalista. O debate dos anos posteriores á revolución, os vaivéns entre a economía de guerra, e a NEP indican a complexidade da cuestión. Aínda que finalmente se saldou coa desfeita stalinista por todos coñecida. Tampouco a experiencia chinesa se salvou de desastres e vaivéns para culminar nunha variante peculiar de capitalismo cunha importante presenza estatal. Seguramente era inevitábel que os intentos de instaurar un modelo alternativo ao capitalismo experimentasen enormes dificultades e vías mortas (aínda que posibelmente as cousas terían ido mellor se non se impuxesen opcións autoritarias que bloquearon a posibilidade dun debate racional). Pero tanto estas experiencias como as que coñecemos da diversidade das economías capitalistas reais poden constituír un importante punto de partida para repensar unha alternativa social. Os utopistas decimonónicos tiñan só a referencia das súas propias elucubracións mentais. Pero hoxe, en cambio, contamos cunha panoplia de experiencias económicas, dunha enorme diversidade de institucións e regulacións que poden servir de base para elaborar non un novo proxecto utópico, pero si un marco de referencia no que situar a transformación social. A loita contra o capitalismo non serve de nada se se limita á denuncia dos seus males. Require propoñer formas diferentes de organización social. E estas deben partir do coñecemento das experiencias sociais dos dous últimos séculos, dos éxitos e os fracasos. Pero esixe un esforzo colectivo de construción de propostas transformadoras.

IV En 2008 puxéronse de manifesto moitos dos peores aspectos do capitalismo neoliberal. Dez anos máis tarde, estamos máis ou menos na mesma situación, pero en moitas partes do mundo os problemas sociais e ecolóxicos agraváronse. E existen novas ameazas que conducen á barbarie. Por iso é tan necesario contar con algunha folla de ruta que nos permita saír desta situación. Non a tivemos no momento da crise (o que facilitou que se acabase impoñendo a saída neoliberal). E seguimos sen tela, demasiado absortos en cultivar as diferenzas. Demasiado incapaces de construír un mínimo esquema a partir das cousas que coñecemos ou deberiamos coñecer. Urxe unha reconstrución do pensamento crítico que vaia máis aló da denuncia. Que achegue respostas que nos afasten do mundo da desigualdade insoportábel, a catástrofe ambiental, a exclusión social e o autoritarismo que dominan o ambiente.

 

[Artigo tirado do sitio web Mientras Tanto, setembro de 2018]