A dirección de Elinco confirma a súa intención de aplicar un ERE de extinción e liquidar a empresa

O persoal volveuse concentrar hoxe diante de Navantia para esixir garantías do pago dos salarios

Ferrol -

Os traballadores de Elinco continúan a mobilizarse esta mañá diante das portas de Navantia para esixir solucións e garantías do pago dos salarios de xuño e da paga extraordinaria, que fican pendentes da liberación das facturas que Navantia aínda ten que abonar para dotar de liquidez a empresa. A protesta prodúcese un día despois de que a dirección de Elinco confirmara a súa intención de aplicar un ERE de extinción para o todo cadro de persoal e ir á liquidación da empresa.

Na reunión do período de consultas celebrada o mércores pola tarde a empresa, a empresa comunicou que os contactos entre Navantia e o posíbel inversor resultaron infrutuosos, xa que, segundo explicaron, neste intre o único interese desa sociedade sería facerse cos contratos que a compañía naval pública lle rescindiu á propia Elinco a raíz da súas débedas coa Seguridade Social, mais sen participar nunha operación de reflotamento desta.

Ramón Fernández Alfonzo, da CIG-Industria de Ferrol, lamenta que se dea esta situación cando hai tan só tres semanas ese grupo inversor amosara interese por adquirir algunha das áreas de negocio de Elinco.  Pola súa banda, apunta, Navantia desbotou a posibilidade de adxudicar os contratos retirados a Elinco a esta nova compañía, pois nestas circunstancias prefire contar con outras empresas que xa veñan prestando servizos de maneira habitual nos estaleiros. De feito, segundo puideron saber, os contratos que a empresa tiña nos buques loxísticos colleraos PINE.

Dúbidas sobre as causas e intencións da empresa

A consecuencia disto, sinala Fernández, na reunión de onte pola tarde, "a empresa trasladoulle ao comité que se ratifica na proposta de ERE extintivo para todo o cadro de persoal"; unha opción que os traballadores/as rexeitan e fronte á que continúan a reclaman unha suspensión temporal dos contratos "porque entendemos que a empresa é viábel e a dirección debe facer todo o posíbel para garantir a continuidade da actividade".

Sobre o fatal desenlace dunha das auxiliares históricas do naval da comarca, Fernández Alfonzo referiuse ás dúbidas que todo este proceso provoca entre o persoal sobre as verdadeiras causas e intencións dos socios propietarios, "pois mentres formulan a liquidación de Elinco manteñen a actividade cunha empresa de recente creación que xa nos últimos tempos viña substituíndo a Elinco na presentación de ofertas para os seus clientes habituais".

Xunto a isto, o sindicalista cuestiona as eivas na documentación que a dirección trasladou ao comité no marco do ERE, sobre todo a relacionada coa contabilidade das empresas do grupo, que cualifica como "despropósito".

O venres hai nova reunión do período de consultas

Este venres, ás 09:30 horas, haberá unha nova reunión do período de consultas "que esperamos pechar cunha acta de finalización sen acordo e sen esgotar o prazo máximo de negociacións, porque dadas as formulacións da empresa un achegamento de posturas é imposíbel".

Volver