A dirección de IKF dá marcha atrás nalgunhas propostas pero négase a rebaixar a dobre escala salarial

O persoal da empresa da Guarda, que cumpre hoxe 26 días de folga, continuará coas medidas de presión

A Guarda -

A dirección de Imerys Kiln Furniture (IKF), empresa dedicada á fabricación de materiais refractarios con sede nas Cachadas, A Guarda, aceptou onte sentarse a negociar a renovación do pacto laboral e amosouse disposta a dar marcha atrás nalgunhas das súas propostas, pero sigue negándose a reducir a duración da dobre escala salarial. En consecuencia, o cadro de persoal, que cumpre hoxe 26 xornadas en folga, continuará coas medidas de presión ante os intentos da compañía de recortar dereitos e precarizar as condicións laborais.

Na CIG-Construción explican que os responsábeis da compañía convocaron onte o comité de empresa para retomar os contactos. “Previamente a dirección recoñeceu nun escrito que tomou nota da manifestación celebrada o pasado mércores na Guarda, polo que querían rectificar unha serie de cousas”. En concreto, aceptaron dar marcha atrás na súa pretensión de obrigar os empregados/as a traballar os sábados pola tarde e a gozar das vacacións fóra do período estival, pero sempre e cando o persoal trague coa dobre escala salarial. 

A empresa renunciaría a traballar os sábados pola tarde e a cambiar o goce das vacacións

Porque IKF non cede na súa intención de prolongar no tempo a dobre escala salarial pactada co anterior comité. “Aseguran que o futuro da empresa pasa por abaratar os custes laborais, por iso tamén se negan a un incremento salarial por enriba do que marca o convenio estatal”.

Proposta do comité

Dende a central sindical denuncian que a dirección considere que unha persoa que entra na compañía ten que estar oito anos desenvolvendo o seu labor para ser produtiva e poder cobrar o mesmo que o resto de compañeiros/as. “Cando botan man a diario de persoal de ETT agora veñen con que ten que pasar este tempo para que unha persoa equipare o seu rendemento co dos traballadores/as levan máis na empresa”.

Consideran que a proposta do comité de empresa “é perfectamente asumíbel”, xa que contempla manter a dobre escala salarial o primeiro ano, aumentar o soldo un 30% no segundo, un 70% no terceiro e cobrar o mesmo que o resto de compañeiros/as a partir do cuarto. Neste senso, lembran que a propia autoridade laboral recoñeceu que non existe en toda Galiza unha dobre escala salarial tan agresiva como a que estaría disposta a asumir o cadro de persoal.

Diante disto, reclaman unha intervención decidida da Administración no conflito “porque os traballadores/as séntense totalmente desprotexidos ante a ofensiva desta transnacional para recortar os seus dereitos e precarizar as súas condicións laborais”.

Volver