A economía mundial vai mal

Alfredo Pérez Hauer - 18 Feb 2016

Todo indica que estamos noutro capítulo da Gran Recesión. Os mercados xa non confían nin neles mesmos. O capital non sabe como saír do seu propio labirinto para estabilizar a economía global ao seu antollo

 Cada día é máis evidente. A crise económica é sistémica. Non se resolvía, como pretendían algúns, a base de parches. Non. A economía funciona mal desde os seus propios alicerces. E como todo volcán, nalgúns momentos, expulsa lava. A erupción volcánica é constante. Todo sae á superficie. Aínda que no fondo, todo se explica pola súa propia raíz. A súa falla é orgánica.

 Despois de case unha década, vólvese a admitir que a economía mundial non está saneada. A derruba xeneralizada nas cotizacións que afectou aos centros financeiros de Europa foi unha mostra máis de que a economía capitalista global non progresa axeitadamente. Nesta ocasión, non se pode botar toda a culpa a China, nin aos emerxentes, nin tampouco a Grecia nin ao sur europeo. A gran banca da Unión Europea mostra novamente síntomas de fraqueza. O Deutsche Bank rexistrou unha caída do 6% no seu cotización; en Francia, Crédit Agricole fíxoo en 6,6% e Société Générale en 12,57%; en Italia, Ubi Banca caeu en 12,11%; no Estado español, os descensos foron de BBVA (7,14), Santander (6,87) e CaixaBank (6,74). En clave global, en menos dun ano, as bolsas mundiais viron reducida a súa capitalización nun valor equivalente ao PIB da eurozona.

 “Hai certo punto de esaxeración nos mercados”. Así soa a nova música para explicar o que está pasando. O mesmísimo ministro de finanzas alemán, Wolfgang Schäuble, expón este argumento para dar algunha razón do que pasa tamén na súa propia casa. Non hai quen entenda a estes gardiáns mundiais da economía. O que onte era unha cousa, hoxe é a contraria. O que antes era unha resposta dos mercados fronte a aquilo que non lles gusta (véxase China, Grecia, España); hoxe en día, tórnase unha esaxerada advertencia dos mercados polo futuro da economía mundial.

 Os vasos comunicantes entre as finanzas e a economía real son moi compactos. Desde o inicio da época neoliberal, a financeirización impuxo unha relación ultradependente entre un ámbito e outro. O que pasa nas finanzas ten gran repercusión na economía real. É imposíbel desligar un do outro. A economía non crecerá sostidamente se non se transforma a andamiaxe financeira que a sustenta, e que a subordina. Os investidores buscan a máxima rendibilidade no menor curto tempo posíbel. As taxas de produtividade da economía real, nin sequera no sector tecnolóxico, non son suficientemente altas para saciar os novos fluxos de capitais.

 Así que o capital financeiro vai e vén sen asentarse en ningún lugar. O mundo actual globalizado facilítalle maximizar a súa condición de nómade. Iso condiciona severamente as posibilidades de estabilidade no crecemento real da economía. O capital afíxose mal, tanto que se lle quitaron as ganas de investir para producir. Prefire vivir de especular sobre valores futuros e derivados. E séguelle dando as costas á economía real.

 Imponse polo momento a hipótese de Larry Summers (ex secretario do Tesouro dos Estados Unidos, ex Economista Xefe do Banco Mundial): estamos instalados nun estancamento secular (secular stagnation). Que significa isto? Algo moi simple: chegouse a un punto da economía mundial capitalista, no que o potencial de crecemento é demasiado baixo, e só se podería saír adiante mediante burbullas especulativas (puntocom, inmobiliaria, bancaria).

 Despois do ano 2007-08, despois da picada da última gran burbulla, as diversas saídas resultaron erradas, ou insuficientes para facer crecer a economía mundial en forma sostida. Ningún dos intentos resultou fructífero como tractor económico. Nin a política expansiva monetaria en Estados Unidos (moito menos a política dubitativa do Banco Central Europeo) logrou crear condicións para unha taxa de crecemento estábel. Boa parte do diñeiro emitido foi máis utilizado para recomprar vella débeda, e non para inxectar investimentos reais na economía. Segue impoñéndose a lóxica especulativa.

 Por exemplo, nestes últimos anos, obsérvase novamente unha cantidade considerábel de débeda problemática por empréstimos concedidos a empresas enerxéticas, moi golpeadas pola caída do prezo do petróleo. O prezo do cru é o soporte do valor de moitos bonos e créditos corporativos. E comeza a sentirse o azoute da súa caída en todas as esferas económicas.

 Por outra banda, os tipos de cambio convertéronse nunha mercadoría máis, sometida ao mercado cambiario de Londres (véxase o mercado Swift). A guerra de divisas é un negocio en si mesmo que impide buscar solucións cambiarias para reactivar os intercambios comerciais a nivel mundial. Ademais, o endebedamento global, sobre todo o privado, é excesivo, e non ten base material que o sustente.

 Así é imposíbel pensar nun crecemento económico estábel.

 En definitiva, as expectativas económicas son malas para este ano. Todo indica que estamos noutro capítulo da Gran Recesión. Os mercados xa non confían nin neles mesmos. O capital non sabe como saír do seu propio labirinto para estabilizar a economía global ao seu antollo. A nova orde xeopolítica multipolar non se corresponde polo momento coa crecente concentración do capital mundial. Este pulso é indubidabelmente máis determinante do que a economía tradicional argumenta. Veremos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Telesur’, do 16 de febreiro de 2016]