A empresa da recollida de lixo do Porriño, disposta a subrogar tras concretar xornada, categorías, salarios e organización
A empresa que se encarga da recollida de lixo do Concello do Porriño confirmoulle hoxe ao cadro de persoal que estudará a proposta de subrogación co obxectivo de asumir os sete traballadores/as adscritos/as aos servizo. Os responsábeis de Narom e do Concello seguirán a negociar coa representación dos empregados/as para concretar a xornada laboral, as categorías profesionais, os salarios, a organización do traballo e o calendario laboral.
A predisposición da empresa a subrogar o persoal foille trasladada ao persoal de recollida de lixo na xuntanza celebrada esta mesma mañá e na que participou o secretario de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez. A reunión tivo lugar despois de que o Concello se comprometese onte coa representación dos traballadores/as a esixirlle a Narom, empresa que se encarga do servizo, que asumise a todos os operarios/as.
Fixo falta que os afectados/as desenvolvesen a primeira das mobilizacións previstas diante do consistorio -que tivo lugar onte pola mañá- para que os responsábeis municipais os convocasen a un encontro, no que lles aseguraron que hoxe a primeira hora se sentarían coa empresa para esixirlle a subrogación.
Unha vez celebrada a xuntanza entre o Concello e Narom, a representación dos traballadores/as foi informada da intención da empresa de subrogalos/as, “pero antes habería que concretar aspectos como a xornada laboral, as categorías profesionais, os salarios, a organización do traballo e o calendario laboral”, explica Pérez. Precisamente para negociar estas cuestións, as partes volverán a xuntarse esta mesma tarde a partir das 18:00 horas.
A compañía considera que ten que estudar estas cuestións para establecer o calendario de ocupación do cadro de persoal, porque dubida que exista carga de traballo para todos/as. “Nós entendemos que si hai ocupación efectiva e consideramos que os sete operarios/as son necesarios/as, tendo en conta que existen dous equipos de traballo (de tres persoas cada un) para dous camións, ao que habería que sumar unha persoa máis para as libranzas”. Neste senso, o responsábel sindical lembra que os empregados/as do servizo teñen un incentivo económico por traballar os domingos e un día libre a maiores.