A empresa de transporte de residuos de SOGAMA pretende impor servizos mínimos abusivos

Os traballadores concentráronse na estrada entre Cerceda e Ordes
Nacional - 09 Abr 2019

Os traballadores de Transportes Pacholo SL concentrábanse esta mañá na estrada que conduce a SOGAMA para denunciar a situación na se atopan. A mobilización celebrábase como acto previo á folga indefinida que se desenvolverá a partir do vindeiro día 15 de abril, en demanda de que se poña fin ao acoso laboral e para exixir que sexan inmediatamente readmitidos os 8 traballadores despedidos. Tras da concentración celebrábase ademais unha xuntanza “surrealista”, coa consellaría de Medio Ambiente para acordar os servizos mínimos.

Así o explica o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, quen asegura que empresa e Xunta traían pactada unha proposta “tan excesiva que mesmo incluía aos propietarios da empresa”. Así as cousas Pavón agarda que se teñan en conta as alegacións presentadas e que os servizos mínimos non sexan ao final “tan abusivos como todo apunta que os pretenden impor”, mesmo superiores aos dunha xornada de traballo normal.

O persoal de Transportes Pacholo leva meses denunciando o acoso laboral ao que é sometido pola empresa, que vén de despedir, como resposta ás súas denuncias, a 8 compañeiros. Tanto a FGAMT-CIG como o persoal consideran que esta non é unha decisión de Transportes Pacholo, senón de COPASA, SOGAMA e do propio Partido Popular que deseñou un modelo de subcontratas que “precariza as condicións laborais a costa dun peor servizo para repartirse os beneficios”.

Hai tres anos SOGAMA entregou a concesión de transporte dos contedenedores de RSU a unha UTE formada por COPASA, RENFE e LOGIRAIL no que foi o contrato público máis elevado na pasada lexislatura do goberno de Núñez Feijoo, con 140 millóns de euros.

Porén, desde o primeiro día esta UTE subcontratou o servizo a unha empresa do Carballiño, Transportes Pacholo SL, sen experiencia no transporte de RSU e que nese momento se atopaba en concurso de acredores.

Presións ao persoal

A operación incluíu tamén a sinatura dun convenio propio, un mes antes de coller a concesións, que rebaixaba os salarios existentes no transporte de SOGAMA nun 40%. “Non contentos con iso, desde o primeiro día presionouse aos traballadores para que incumpriran normas de tráfico, horarios e tamén as normas máis básicas de seguridade e saúde no traballo co obxectivo de desregular por completo as relacións laborais e abaratar así o custo do servizo”.

Nos últimos meses os traballadores procedentes da anterior contrata conseguiron mellorar as súas condicións laborais a través dun laudo arbitral que ditaminou a existencia de subrogación. A partir dese momento o empeño da empresa foi dividir a este colectivo de todos os demais traballadores que foran contratados directamente por Transportes Pacholo e no marco da denuncia desta situación, como escarmento, se producen agora os 8 despedimentos.

Esta decisión, como todas as importantes que se teñen tomado desde o inicio da contrata está deseñada e, como mínimo aceptada, tanto por SOGAMA como por COPASA –que é casualmente a empresa galega que, segundo os papeis de Bárcenas máis aportou ao financiamento ilegal do PP- e é nese marco no que se desenvolverá a convocatoria de folga en curso.

Unha folga coa que se pretende denunciar ese modelo precarizador que o PP impuxo e demandar a readmisión de todos os traballadores, a fin das represalias e unhas condicións laborais dignas e iguais para todo o cadro de persoal.