A empresa que optaba ao SAF de Xinzo desiste tras o recurso da CIG por baixa temeraria no prezo
A CIG presentou un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galiza (TACGal) contra a proposta de adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Xinzo de Limia á empresa Andara Servicios Generales ao considerar temeraria a oferta económica achegada de 14,60 euros a hora, cantidade moi inferior ao prezo de convenio, entre 23 e 24 euros. Tras isto a compañía presentou a súa renuncia a asumir o servizo, polo que o Goberno local terá que iniciar un novo concurso, aumentando o custe proposto inicialmente.
Malia que o TACGal desestimou o recurso da central sindical ao terse dirixido contra a acta de proposta de adxudicación, que non tería carácter de acto cualificado, instando a presentalo unha vez se produza o acordo de adxudicación, a empresa optou por renunciar á súa pretensión de facerse cargo do servizo unha vez que o Concello lle achegou o recurso da CIG e lle solicitou documentación a respecto da oferta económica presentada.
Ao tratarse da única empresa presentada ao concurso, e ter desistido debido á acción da CIG na defensa das condicións das persoas traballadoras do SAF –“e sendo conscientes de que a central sindical impugnaría a adxudicación definitiva con este prezo por baixa temeraria”-, o Goberno local vese na obriga agora de reiniciar o procedemento de licitación.
Con todo, dende a CIG-Servizos advirten de que continuarán fiscalizando tanto este proceso como calquera outro en condicións similares que non garantan a prezo mínimo para poder asumir o servizo en condicións. “Os Concellos teñen rematar con este tipo de prácticas para poder prestar un servizo de calidade e en condicións salariais dignas”, sinala o responsábel de Organización da federación, Pedro Pérez, “xa que a oferta máis beneficiosa para a Administración nunca é a mellor para as persoas traballadoras e usuarias”.