A empresa Santos Cocina y Baño aplica un ERTE só ao secretario do comité dun total de 200 traballadores/as
A Federación da Construción e Madeira, FCM-CIG, de Compostela denuncia á empresa Santos Cocina Y Baño S.L. por discriminar ao Secretario do Comité de empresa por solicitar unha adaptación da súa xornada por conciliación familiar. O responsable da FCM-CIG de Compostela, Eduardo Sebio, denuncia que a empresa presentou un ERTE que afectará unicamente a este traballador dun total de 200 empregados/as.
Segundo explica Sebio, diante da negativa da empresa a aceptar a súa solicitude de adaptación de xornada o traballador interpuxo unha demanda no xulgado onde se acordou a suspensión do xuízo polo prazo dun mes para que a empresa buscara unha solución que satisfixera ao traballador e se poidera chegar a un acordo, comprometéndose entrementres a que o traballador non fixera quendas de tarde nin de noite.
O mes cumpriuse o 27 de marzo, en pleno estado de alarma e durante a aplicación dun ERTE por causa de forza maior na empresa, esta aproveitou esta circunstancia para, unha vez reiniciado o traballo, facer un ERTE que lle afecta unicamente a el, suspendéndolle o contrato a semana que está de tarde, para non ter así que adaptarlle a xornada, dado que o traballador prestaba servizo en xornadas alternas de mañá e tarde.
Eduardo Sebio matiza ademais que “traballando nesta empresa é moi difícil conciliar, porque a empresa abusa da xornada irregular”.
Diante desta situación a FCM-CIG entende que “este feito é unha discriminación sen precedentes que supón unha vulneración dos dereitos fundamentais de igualdade e de liberdade sindical”. Por iso anuncia que se adoptarán todas as medidas legais e sindicais, sen descartar ningún tipo de mobilización.