A encrucillada na que xuntan varias crises

Fermín Paz Lamigueiro -

É decisivo que a clase obreira galega decida e propoña un plan de acción e mobilización na defensa dos salarios, do emprego e dun novo formato legal e institucional, para garantir un traballo, un ingreso para todos e todas, unha forte intervención pública para relanzar a sanidade e o benestar social...

 A crise provocada pola pandemia puxo en evidencia todas as contradicións e desastres deste sistema económico, da propiedade privada, das reducións dos gastos sociais públicos en sectores fundamentais da sociedade. De súpeto, o Estado pasou a ser bo e todo o mundo pediu a súa intervención para evitar a catástrofe económica e sanitaria total. Moita xente dixo (polo menos durante un primeiro momento) que as cousas tiñan que cambiar.

 Rematado o estado de alarma as manobras políticas dende o Estado teñen un obxectivo: lastrar os soberanismos non españois poñendo de manifesto a incapacidade ou as eivas na xestión da crise e o mesmo marco autonómico.

 Moitos sectores populares recolleron e acolleron favorablemente as propostas alternativas ás neoliberais dominantes, e a prol da defensa dos bens públicos e a intervención do Estado, etc. Ese proceso alternativo á lóxica neoliberal é só algo que existe como unha posibilidade ideolóxica non como unha necesidade da clase traballadora pero precisa de organización, programa e loita consecuente. Sería conveniente poñerse ao choio e deixarse de lerias.

 A contraofensiva capitalista xa colleu de novo folgos e ten erguido as súas liñas defensivas diante das dinámicas de cambio. Non nos enganemos, os recursos europeos e as contrapartidas esixidas reafirmarán os valores sagrados do capital, do beneficio e da iniciativa privada.

 O modelo sindical español representado maioritariamente polas direccións sindicais de CCOO e UGT demostraron a súa total subordinación ao goberno, solicitando un pacto social nas empresas. Non van confrontar o modelo senón que tentarán termar aínda que sexa poñendo muros de contención do derrubamento que aveciña logo do formulación da patronal no dun ideario de saída da crise económica: quéreno todo e queren tomar o mando operativo do executivo e lexislativo e mesmo ameazan desde as posicións da dereita e a extrema dereita con facer unha envolvente política tanto nas institucións como na rúa para polarizar o descontento social. Un millón de novos desempregados, a conxelación dos ERTE que máis cedo que tarde se terán que desconxelar, o afundimento do PIB, o déficit público e industrial, a caída do turismo, etc., conforman o cerne do seu argumentario.

 Na encrucillada, xuntan agora outras crises. Xunto á económica, a sanitaria, a sindical, a política e a institucional representada desta vez pola monarquía que coa súa restauración no remate da ditadura foi o eixo sobre a que se teceu a transición a democracia, aínda que o devandito procedemento lastrou tamén a capacidade de renovación do sistema que se ergueu daquela. A xefatura do Estado español que preside toda está etapa até a súa dexeneración (na que nos atopamos) non deberiamos considerala como unha situación persoal, senón como unha crise de lexitimidade da monarquía (sempre agacharon esta perspectiva). Ninguén pon en dubida a parálise do sistema político actual e as consecuencias que ten na dinámica política de hoxe. A Casa Real tenta protexerse contra a focaxe de lexitimidade en orixe coa personalización da súa crise no Rei Emérito para non ter que poñer remate ao ciclo constitucional que vai dende a morte do ditador, até hoxe.

 Os sectores populares agora máis empobrecidos sofren pola perda de renda, traballo e unha nova orde constitucional. A pandemia non é inviolable, grazas á ciencia teremos menciñas e vacina para confrontala e namentres deberemos ter estratexias de comportamento tanto individual como colectivo. A Covid non vai fuxir pola porta falsa, iso queda só reservado para os "escollidos".

 É decisivo que a clase obreira galega decida e propoña un plan de acción e mobilización na defensa dos salarios, do emprego e dun novo formato legal e institucional, para garantir un traballo, un ingreso para todos e todas, unha forte intervención pública para relanzar a sanidade e o benestar social, un novo proceso industrial e ambiental e un acordo de mínimos sobre a libre decisión que deben ter as soberanías nacionais inseridas no actual Estado español. Isto permitiría, quizais, orientar e polarizar, cando menos, a unha boa parte das crises na encrucillada.

 

 

[Galiza, 7 de agosto de 2020]

 

Volver