A enorme maioría da poboación pertence á clase traballadora

Hadas Thier -

A clase non se reduce á cantidade de diñeiro que gañamos, nin concirne a trazos culturais ou niveis de educación. Os marxistas sosteñen que calquera que estea obrigado a intercambiar a súa capacidade para traballar por un salario e non poida producir o necesario para satisfacer as súas necesidades vitais é parte da clase traballadora

A clase non se reduce á cantidade de diñeiro que gañamos, nin concirne a trazos culturais ou niveis de educación. Os marxistas sosteñen que calquera que estea obrigado a intercambiar a súa capacidade para traballar por un salario e non poida producir o necesario para satisfacer as súas necesidades vitais é parte da clase traballadora

 

 Un conxunto moi diverso de experiencias e miles de opresións definen a clase traballadora -negra, branca, indígena e inmigrante-, na que se contan todas as persoas que son explotadas para xerar as ganancias duns poucos capitalistas. Comprender como funciona o concepto de clase e que determina as posicións de clase serve para revelar as estruturas de poder e explotación da nosa sociedade.

 Unha definición moi básica das clases tal como existen no capitalismo comeza con esta premisa: os traballadores están obrigados a vender a súa forza de traballo e os capitalistas cómprana e diríxena. É imposíbel explicar as posicións de clase do traballador ou do patrón sen entender que todo o sistema funciona co obxectivo de poñer en marcha o traballo para xerar unha ganancia en beneficio doutra persoa.

 A clase, noutros termos, é unha relación de explotación.

A clase non se trata só de números

 As análises máis difundidas adoitan pasar por alto esta definición da clase como relación social. Cando se suscita o problema -algo de seu pouco frecuente- considérase en termos de riqueza e estratificación social.

 Utilízanse os niveis de ingreso e de educación, os estilos de vida e os patróns de consumo para clasificar as persoas nunha sociedade que se presenta principalmente como de clase media, con algúns ricos e pobres nas marxes. En efecto, en boa parte dos informes, a maioría da xente pertence á clase media e a clase traballadora practicamente non existe.

 Lémbrasenos este feito polo menos cada dous ou catro anos, durante as campañas electorais, cando os políticos apelan á «clase media que loita», unha categoría que aparentemente inclúe a todos os «bos americanos», como adoitaba dicir Bill Clinton, xente que «traballa arduamente e ten os papeis en regra». Un dos motivos polo que as campañas de Bernie Sanders destacaron tanto foi precisamente por pronunciar as palabras «clase traballadora».

 Existe outra explicación das clases, máis progresiva, que tamén se funda nos niveis de riqueza: a popularizada polo movemento Occupy Wall Street en 2011. A consigna «Somos o 99%» propagouse como o lume logo de que os activistas identificasen o 1% da elite económica do país, que posúe arredor dun terzo da riqueza da nación, como culpábel de crear a crise financeira de 2008 e a Gran Recesión que seguiu a esta. Malia que esta análise representa un avance respecto á outra, que asume que case todos somos parte da clase media, aínda supón que a cantidade de riqueza é o determinante das posicións de clase.

 Evidentemente, a clase e a riqueza están relacionadas, pero non son o mesmo. Alguén cun emprego estábel e ben remunerado (na medida en que algo así existe aínda) como, por exemplo, un inspector de trens de Nova York, cobra arredor de 70 000 dólares por ano, mentres que o propietario dun pequeno almacén no Bronx gaña moito menos. Aínda así, o primeiro é un traballador, que non controla os seus horarios nin as condicións nas que exerce a súa actividade, mentres que o segundo é un pequeno propietario que carga coa súa propia explotación e coa doutros (por poucos que sexan).

 Os números que aparecen nunha nómina non o din todo. Non din, por exemplo, que un xerente en Starbucks, que gaña menos que un chofer de metro, ten o poder de despedir a todos os empregados do local en que traballa. Entón, comprendemos que a riqueza é só unha parte do cadro, máis sintomática da desigualdade de clase que explicativa das súas orixes. De feito, o poder, o control sobre as condicións de traballo e a posibilidade de tomar decisións financeiras son as pedras de toque da explotación.

 Michael Zweig, profesor de economía e autor de The Working Class Majoritity, explícao nestes termos: «Ao considerar unicamente os ingresos e o estilo de vida, percibimos as consecuencias da clase, pero non as súas orixes. Vemos que somos distintos en virtude da nosa propiedade, pero non a forma en que nos relacionamos e conectamos, nin aquilo que nos fai diferentes no proceso de chegar a ter o que posuímos».

 A explicación marxista fai énfase en que a posición que cada un ocupa na sociedade non se mide en termos cuantitativos, senón que está determinada pola relación que cada persoa ten co traballo, cos froitos do traballo e cos medios de produción. Forma parte da clase capitalista calquera que exerza o poder político, teña control económico nun lugar de traballo, sexa capaz de establecer as pautas de traballo dos outros ou posúa capital susceptíbel de ser investido na produción. Pola contra, forma parte da clase traballadora calquera que deba intercambiar a súa forza de traballo por un salario e non teña posibilidade de producir o necesario para satisfacer as súas propias necesidades vitais.

A riqueza e a pobreza non determinan a clase

 A definición non se reduce aos traballadores que participan na produción de bens físicos. Os docentes e os traballadores da saúde deben vender a súa forza de traballo para prestar os seus servizos, e, polo tanto, son parte da clase traballadora.

 Como dixo Marx: «Se se nos permite ofrecer un exemplo á marxe da esfera da produción material, digamos que un mestre de escola, por exemplo, é un traballador produtivo cando, ademais de cultivar as cabezas infantís, se mata traballando para enriquecer o empresario. Que este último invista o seu capital nunha fábrica de ensino no canto de facelo nunha fábrica de embutidos, non altera en nada a relación».

 No mesmo sentido, Marx e Engels escribiron que o «proletario é quen carece de propiedade». «Proletario» é outra palabra para dicir traballador; e propiedade privada non significa bens persoais, como o televisor ou o ordenador, senón medios de produción: edificios, maquinaria, software, equipamento, ferramentas e outros materiais que están en mans dos capitalistas.

 Marx non se refería a que os traballadores non tivésemos nada, aínda que isto é cada vez máis certo. Quería dicir que carecemos de todos os medios para producir e reproducir as nosas vidas, motivo polo que quedamos a mercé da explotación capitalista. Unha empresa construtora ten pás, trades e escavadoras que lle permiten explotar aos traballadores e obter beneficios. Eu teño unha pa que apenas podo usar para plantar flores ou tomates.

O historiador Geoffrey de Ste. Croix dío nestes termos: [A clase] é a expresión social colectiva do feito da explotación, a forma en que a explotación encarna nunha estrutura social [...]. A clase é esencialmente unha relación, do mesmo xeito que o capital, outro dos conceptos fundamentais de Marx, que el define especificamente [?] como unha «relación», «unha relación social de produción», etc. E unha clase (unha clase particular) é un grupo de persoas ás que é posíbel identificar en virtude da súa posición na totalidade do sistema de produción social, e defínese principalmente en función da súa relación (sobre todo en termos de control) coas condicións de produción (é dicir, os medios e as actividades produtivas) e coas outras clases.

 Esta definición permítenos comprender que a riqueza e a pobreza non determinan a clase. En cambio, son as súas manifestacións.

 Polo tanto, os patróns non se definen en función dos seus niveis de extravagancia. Á súa vez, os pobres da sociedade non representan unha «clase marxinal» que, debido á falta de emprego ou riqueza, estaría situada por fóra da sociedade. A pobreza é unha parte integral da experiencia da clase traballadora, e -como demostra a crise que estamos vivindo- o desemprego sempre está preto da maioría dos traballadores.

 Mesmo antes da pandemia, case a metade da poboación estadounidense non era capaz de saldar as súas contas se perdía un mes de salario, e unha de cada catro persoas declaraba terse privado dalgún tratamento de saúde porque non podía pagalo. Un cuarto da poboación traballaba en actividades que comprenden empregos de baixos salarios. A este lúgubre cadro debe engadirse a montaña de débedas estudiantís que pesan sobre as costas de ducias de millóns de persoas e un costo de vida que é cada vez máis alto. Compréndese entón que a pobreza é algo intrínseco á andamiaxe social estadounidense. Agora, con trinta millóns de persoas desempregadas e corenta millóns que corren o risco de ser desaloxadas dos seus fogares durante os próximos meses, cobra nitidez a liña delgadamente brutal que separa o traballo da indixencia.

 De feito, o capitalismo necesita que exista todo o tempo un determinado nivel de desemprego, ou, como dicía Marx, un «exército industrial de reserva». Os patróns dependen deste exército á hora de garantir que sempre haberá alguén disposto a quitarnos o traballo. Dese xeito, logran disciplinar a forza de traballo remunerada para que se conforme cos termos definidos polos empregadores.

 Os altos niveis de desemprego son un aspecto cruel que sae a relucir en cada recesión económica, pero mesmo nos momentos en que «as cousas marchan ben», o desemprego é unha realidade dolorosa que afecta a millóns de persoas. En realidade, iso que os economistas convencionais definen como «pleno emprego» significa 5% de desemprego. A introdución de nova maquinaria, o crecemento da forza de traballo debido a factores demográficos ou fluxos migratorios, os cambios regulares da estrutura económica (que se produce e onde), contribúen a xerar desemprego aínda nos «mellores» momentos.

Estados Unidos non é un país de clase media

 Esta explicación da sociedade amosa unha imaxe moi distinta da versión popular que define a Estados Unidos como un «país de clase media».

 Evidentemente, a clase media existe. Non só vive no universo paralelo que proxectan as pantallas dos televisores. A clase media é unha capa da sociedade que está entre a clase traballadora e a clase dominante. Inclúe os propietarios de pequenos comercios, como así tamén os xerentes, os supervisores e a quen ten ocupacións profesionais que lle garanten algo de autonomía no seo do sistema (como os doutores e os avogados).

 Con frecuencia son a cara cotiá da explotación. Un atópase co seu xerente todos os días no traballo. El ten o poder de recompensar o traballo cun aumento ou aplicar unha reprimenda por unha tardanza. Mais o certo é que de cando en cando un se atopa co executivo que se beneficia desta situación.

 Porén, a clase media é moito máis pequena do que adoita pensarse, e moitos dos que tradicionalmente formaban parte do grupo dos «profesionais», están sendo arrastrados cara á clase traballadora (ou estanse «proletarizando»), como os programadores informáticos que traballan en horarios definidos e fichan, os traballadores sociais que enfrontan oficinas ateigadas de expedientes e deben pasar os seus días enchendo formularios e os académicos que cada vez conseguen menos cargos docentes e ocupan posicións máis auxiliares.

 Tamén sucede que entre os empregos que clasifican como clase media, as diferenzas entre as condicións que enfrontan os profesores das universidades de elite e as que enfrontan os que traballan en universidades públicas, ou os médicos que practican a profesión de forma privada e os que traballan en salas de urxencia, levan a niveis moi distintos no que respecta ao control no lugar de traballo.

«A burguesía desposuíu do seu halo de santidade a todo o que antes se tiña por venerábel e digno de piadoso acontecemento», escribiron Marx e Engels. «Converteu nos seus servidores asalariados o médico, o xurista, o poeta, o crego, o home de ciencia».

 Michael Zweig e Kim Moody, xornalista especializada en cuestións laborais, estiman que a clase traballadora representa cerca do 63% da forza de traballo de Estados Unidos. (Segundo os meus propios cálculos, realizados con base nos datos oficiais, 63% segue sendo unha cifra moi conservadora). A elite empresarial representa o 2% e a clase media representa o 35%.

 Se incluísemos a sociedade en xeral, máis aló da parte que «cualifica» como forza de traballo (é dicir, membros da familia que non traballan, xente maior, discapacitada, etc.), os números da clase traballadora serían aínda máis grandes. Como sostén Moody: «Se as persoas de clase traballadora empregadas representan só dous terzos da forza de traballo, aquelas que pertencen á clase a secas chegan a representan tres cuartos da poboación (é dicir, á enorme maioría). A medida que os docentes, os traballadores da saúde e outros profesionais son empurrados á clase traballadora, esta maioría segue aumentando».

 Isto permítenos subliñar unha cuestión máis xeral: as clases son fluídas e existe unha enorme área gris entre elas. Estes números só ofrecen unha guía xeral para sinalar unha tendencia máis ampla cara á polarización.

 É o mesmo que, hai máis de 150 anos -nunha época na que, por certo, a clase traballadora representaba a unha clara minoría da poboación mundial-, Marx e Engels escribiron no Manifesto do Partido Comunista: «Hoxe, toda a sociedade tende a separarse, cada vez máis abertamente, en dous grandes campos inimigos, en dúas grandes clases antagónicas: a burguesía e o proletariado».

 En fin, un pertence a unha clase sen importar se un acredita nesta noción ou se identifica cos intereses desa clase. Aínda que os demócratas nos digan que somos parte dunha clase media que eles desexan salvar, ou Donald Trump prometa aliviar a carga impositiva da «esquecida clase media», e independentemente de se acreditamos niso, nada disto define se mañá debemos erguernos cedo para ir traballar, obedecer as ordes doutra persoa e volver á casa con dor de costas e un salario miserábel.

 É dicir, que a posición de clase está determinada pola realidade material e non pola ideoloxía.

Encirrando a conciencia de clase

 Ao mesmo tempo, a estrutura que determina a clase traballadora imprime nela a tendencia a desenvolver a conciencia de clase. Neste sentido, é posíbel identificar unha definición secundaria da clase traballadora en función da súa conciencia e da súa actividade.

 Marx distinguía entre a clase traballadora como unha «clase en si», definida pola súa relación cos medios de produción, e unha «clase para si», que se organiza para loitar activamente polos seus propios intereses. Como explica Ste. Croix: Os individuos que constitúen unha clase determinada poden ser ou non ser completa ou parcialmente conscientes da súa propia identidade e dos seus intereses comúns en tanto clase, e poden sentir ou non o antagonismo cara aos membros doutras clases. O conflito de clase (a loita de clases, a Klassenkampf) é no esencial a relación fundamental que existe entre as clases, e implica explotación e resistencia, pero non necesariamente conciencia de clase nin actividade colectiva, política, ou doutro tipo. Aínda que é moi probábel que estes trazos sobreveñan cando unha clase alcanza certa etapa de desenvolvemento e se converte no que Marx (utilizando a linguaxe hegeliana) definiu como «unha clase para si».

 Unha clase para si é unha clase organizada. A posición de clase común crea as condicións obxectivas que nos conectan e unen. Pero, se desexamos pasar desta posibilidade obxectiva a un avance subxectivo, debemos combater as divisións que se producen no seo da clase e as formas en que as opresións de raza e de xénero, entre outras, afectan aos traballadores.

 Os socialistas e outros militantes da clase traballadora poden xogar un rol fundamental á hora de forxar unha política solidaria e axudar a que a clase en si emerxa como unha clase para si.

 

[Artigo tirado do sitio web Jacobin America Latina, do 17 de xuño de 2021]

Volver