A EOXI de Lugo denégalle os días de permiso ao persoal de enfermería do HULA

CIG-Saúde atribúe esta situación "á nefasta xestión" por parte da dirección

Lugo -

A CIG-Saúde de Lugo denuncia "a nefasta xestión" do persoal de enfermería no HULA, que se ten convertido no único hospital da área sanitaria de Lugo-Cervo-Monforte no que se están denegando por sistema os días de permiso ás enfermeiras e enfermeiros, sen alternativa de ningún tipo.

Para a representación da CIG, ademais de constituír un trato discriminatorio e inxustificado por parte da dirección, esta medida afonda na sobrecarga e no falta de descanso que o persoal arrastra dende o inicio da emerxencia sanitaria da Covid19, ao ter que darlle cobertura a compañeiros e compañeiras que estaban de baixa e por outras moitas eventualidades.

Mónica Roca, delegada da CIG-Saúde, advirte que mesmo hai quendas nas que quedan menos enfermeiras que as que habitualmente están asignadas por carteleira. "Non está a importar nin o esforzo nin o sobreesforzo, nin o traballo ben feito. Dende a dirección non se favorecen outras solucións como poden ser a autocobertura coa correspondente compensación", critica.

Neste senso, a central sinala exixe á dirección que avalíe todas as alternativas posíbeis porque o único que pide o colectivo de enfermería "é un trato igualitario" e que se respecte "o goce dos permisos que lles corresponden por dereito". E non descartan iniciar medidas se non se corrixe esta "nefasta xestión do persoal".

Volver