A EPA non recolle o emprego destruído no último período por mor da situación de emerxencia sanitaria

Medra o desemprego e descende o número de persoas ocupadas e activas no I Trimestre

Nacional -

O desemprego en Galiza no Primeiro Trimestre do ano atinxiu, segundo a EPA, a 156.800 persoas. Un período no que ademais descendeu o número de persoas ocupadas e activas e no que se produciu un alarmante incremento do número de fogares con todas as persoas activas desempregadas. O secretario confederal de Emprego da CIG, Fran Cartelle advirte que “estes datos non permiten, porén, retratar a situación actual, marcada pola crise sanitaria e o emprego destruído desde que comezou o confinamento”. Por iso agarda que os datos de paro rexistrado, que fará públicos o SEPE nunha semana, “poidan achegarnos máis á dramática situación á que, no plano laboral, estamos asistindo”.

A CIG entende que os datos da EPA do I Trimestre ao recoller só as dúas primeiras semanas de confinamento non permiten reflectir a realidade laboral que estamos a vivir, e que empeorou substancialmente no decurso deste mes. Por iso valora os datos aportados pola enquisa a nivel puramente informativo.

Atendendo a isto, salienta a perda de 13.000 empregos durante este período, seguindo o modelo estacional de anos anteriores. Resulta rechamante, en todo caso, que dese total de emprego perdidos, 12.400 foran na provincia da Coruña. Ademais é de destacar que todo o emprego perdido se corresponde co sector Sector Servizos.

Subliña, en todo caso, o descenso de poboación activa que, un trimestre máis, segue a se incrementar en Galiza e que, desta volta foi de 1.900 persoas. Unha perda que segundo matiza Cartelle “non está condicionada pola Covid-19”, o que “constata a gravidade dunha situación que a CIG viña xa denunciando mes tras mes” e que, advirte “vai empeorar aínda máis a consecuencia da emerxencia sanitaria actual”.

11.000 persoas desempregadas máis

No que atinxe á poboación parada, esta incrementouse en 11.000 persoas durante o primeiro trimestre deste ano, até acadar as 156.800. Deste xeito, a taxa de paro sitúase en Galiza no 12,6%, cando no trimestre anterior estaba no 11,7%.

Risco de exclusión social

Parello a isto a EPA reflicte un preocupante incremento do número de fogares con persoas activas nos que están todas desempregadas. Un medre que o secretario confederal de Emprego cualifica de “desmesurado” xa que pasou de 52.300 a finais de 2019 a 57.200 neste trimestre.

Por iso Cartelle considera que diante da gravidade da situación que xa padeciamos, e que tanto ten empeorado por mor da crise sanitaria orixinada polo covid-19, “é precisa a adopción de medidas de cobertura social xustas, que na CIG vimos demandando desde o comezo desta crise, e que permitan que as persoas traballadoras podamos ter garantidas as nosas necesidades básicas”.

Ademais, para o secretario confederal de Emprego é esencial “que o custo desas medidas sexa asumido polos que se veñen lucrando neste sistema produtivo no que a xeración de beneficios prima mais que a saúde das persoas”.

Principais variables

               
 

2019/I

2019/IV

2020/I

Variacion absoluta 2019/I-2020/I

Variacion relativa 2019/I-2020/I

Variacion absoluta 2019/IV-2020/I

Variacion relativa 2019/IV-2020/I

 
 

Total

2.333,90

2.337,10

2.338,60

4,7

0,2

1,5

0,06

 

Activos

1.234,20

1.241,70

1.239,80

5,6

0,45

-1,9

-0,15

 

Poboación ocupada

1.080,20

1.096,00

1.083,00

2,8

0,26

-13

-1,19

 

Poboación parada

153,9

145,8

156,8

2,9

1,88

11

7,54

 

Inactivos

1.099,70

1.095,40

1.098,80

-0,9

-0,08

3,4

0,31

 

Fonte: INE. EPA

 

Volver