A ESAD segue na loita demandando profesorado para o centro

O próximo venres haberá unha reunión entre a inspección provincial e a dirección do centro
Vigo - 26 Set 2018

Alumnado e profesorado da Escola Superior de Arte Dramático (ESAD) concentráronse este mércores diante da Consellaría de Educación esixindo unha solución á súa situación. Demandan, entre outras cuestións, a restitución dos seis postos de traballos perdidos nos últimos dous anos e xa desenvolveron, para iso, varias xornadas de folga.

O profesorado e o alumnado da ESAD segue loitando contra os recortes que a Xunta de Galiza impuxo este ano no seu centro, a máis de esixir a súa integración nas ensinanzas universitarias. Na concentración o alumnado do centro anunciou que de non ver unha pronta solución á súa problemática darán un paso máis nas mobilizacións posto que non teñen nada que perder.

A CIG-Ensino agarda que a reunión anunciada entre a inspección provincial e a dirección do centro de os resultados esperados e acabe co nomeamento do profesorado necesario para o normal discorrer do curso.

A dirección do centro reclama para este curso académico tres novas vacantes e a Consellaría, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres, adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42. 

Responsabilizan dos recortes ao inspector encargado do centro

Esta decisión, segundo teñen denunciado, chega nun momento no que se incrementou considerablemente o alumnado nos primeiros cursos e no que en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa está estabilizado.

O claustro do centro atribúe os recortes ao “particular asañamento“ do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil; no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado, nun comportamento que a CIG-Ensino deu en cualificar de “hostil e arbitario”.

Así mesmo, acúsano de aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario, coas particularidades que teñen estas ensinanzas.