A esquerda desapiadada (1)

Fermín Paz Lamigueiro - 13 Ago 2020

As diferentes crises que estamos sufrindo poñen de manifesto a necesaria recomposición dunha esquerda anticapitalista e dun nacionalismo consecuente coa realidade. Aínda estamos no túnel e sen ver a luz da saída. Pero estou certo de que o mundo que veremos cando saiamos será moi distinto

Sexa adrede ou non, moita da xente confunde os xuíces coa xustiza, os curas con Deus, a esquerda co progresismo e o tempo coas súas dimensións. Así as persoas se afán a desconfiar da xustiza, de Deus, da política e do reloxo (Parafraseando a Alphonse Karr)

 Hai algún tempo formulei un paradoxo que deu título a un poemario: A destempo no tempo. Dicía no limiar, "pareceume interesante tratar de desenfiar por que actuamos e como o facemos, caendo tantas veces nos mesmos erros, por moito que nos laiemos. A mocidade máis nova quere que o tempo apure o seu ciclo e a madurez máis madura quere a calma para sempre. O que fixemos, a miúdo, tamén nos recorda o que deixamos de facer. O que puido ser e non foi é un pensamento recorrente nas nosas vidas. O pasado é un condicionante do presente e o futuro, unha incógnita aparentemente resolta no "definitivo".

 Dito doutro xeito: a vida é agora, o demais son recordos ou contos chineses. É coma se no noso existir estivésemos, case sempre, fóra de tempo ou nun momento pouco axeitado, é dicir, a destempo...

 A entradiña que fixen vén a conto por que hoxe vou falar do noso sindicato -si, da CIG- e precisaba desta analoxía para argumentar, entre outras cousas, algo que quero dicir. Non vou facer referencias ao que estades facendo agora, senón do que deixamos de facer, os e as que por idade non estamos en condicións de representar esa forza que os traballadores e traballadoras deron a central sindical na Galiza. Son da colleita do 51 do século pasado. Tiven oportunidade e quixen participar no síndicalismo nacionalista galego dende os primeiros xermolos. Non gusto de contar "batalliñas" doutras etapas do nacionalismo galego e tampouco teño acomodo na filosofía do "a vivir que son tres días". Quero pensar na nosa utilidade para o proxecto hoxe á marxe da dialéctica histórica e da herdanza que deixamos. É un deber que debemos concretar en calquera das estruturas do centro de traballo, locais, comarcais, ou federativas. Aló onde a nosa experiencia poida axudar e sexa solicitada, temos que estar, o demais non ten interese para o proxecto colectivo. Isto si é esquerda.

 Non quero adicar o meu tempo de xubilado a formar parte de ningún tribunal en compaña de 11 compañeiros e compañeiras ou de 111, que máis da cal sexa a cantidade para xulgar sen piedade o que estades a facer, e máis cando se fai descoñecendo, intencionadamente, as dificultades que ten hoxe a clase traballadora. Eu quero colaborar, debater e seguir na loita. Animo a facelo! Preciso deste novo espazo pero xamais me xuntarei con ninguén, situándome na cimeira para mitificar o pasado e criticar o presente. Non o farei, por ter aprendido na práctica que moitos dos confrontos, ao final, sono por cuestións persoais á marxe do contexto, sexa este síndical, político, da convivencia, etc.

 O caso é que o mundo de cando en vez funciona así, e que por máis que acreditemos que a verdade é relativa, sempre poderemos atopar a alguén de boa oratoria que nos convenza, de novo, de todo o contrario. A competencia é sempre imperfecta tanto na economía como nas organizacións.

 Como afirmei no último artigo, atopámonos nunha encrucillada de crises. Esquecín daquela o que está a pasar nese territorio aínda por descubrir e concretar hoxe, chamado, esquerda. Aínda que xa tiña nas miñas entendedeiras algo do contido deste artigo.

 Estou convencido de que estamos diante dun empobrecemento político e cultural da sociedade, un afundimento da conciencia obreira, que se foi acelerando cada vez que a clase obreira sufría unha nova derrota baixo as accións das forzas dominantes e xestionadas daquel xeito, grazas ao colaboracionismo de clase das direccións históricas do síndicalismo español maioritario (tanto de CCOO como da UGT), iso si, en nome desa esquerda acomodaticia que tanto vale para un rachado como para facer de costureiro. As direccións sindicais destes dous sindicatos españois xogaron ao posibilismo dun cambio, mais non mostraron ningunha intención de opoñerse ás orientacións neoliberais dos sucesivos gobernos.

 Neste novo século, as novas organizacións que xurdiron no mapa político non chegaron a modificar a dinámica xeral porque no mellor dos casos seguiron sendo parciais (moita denuncia e poucas propostas), cando non verticais, na xestión da ferramenta organizativa que construíron. Así as cousas, a realidade demostra que os cambios deberían comezar por quen predica porque, de non ser así, todo se torna máis tortuoso, podrecido e descrido.

 Agora chega o tempo das rupturas xeracionais, así como o furado entre as e os traballadores que teñen aínda un contrato formalmente normal (aínda que con menos garantías) e o espazo cada día mais amplo do traballo precario e informal; a transmisión entre militantes do coñecemento e da solidariedade viuse tamén interrompida. Os sindicatos maioritarios, aos que responsabilizo na dinámica do Estado, foron cada vez menos escolas de crítica fundamentada do sistema capitalista e da formación da conciencia de clase; chegouse así ao paradoxo de que moitos membros da esquerda aceptan a inconsistencia no discurso e a práctica insolvente, sen problemas.

 Comprender esta dialéctica social permite concretar tamén as razóns do que está acontecendo na esquerda e tamén dos nacionalismos que precisaron poñer o intermitente cara a esa dirección. O papel polarizador da clase obreira case esgotou; as reestruturacións capitalistas produciron divisións crecentes entre os diferentes sectores laborais; a precariedade ía aumentando, e a credibilidade das solucións colectivas agachou de súpeto porque cada conflito sindical foi perdendo algo no seu camiñar. O individualismo e a procura de solucións individuais formaban parte da propaganda ideolóxica e dos seus modelos, e foron aparecendo cada vez con maior frecuencia como a única solución gañadora, ou polo menos a única vía posible.

 Os medios de comunicación privados, pero tamén as cadeas públicas e todos os partidos, en certo xeito, realizaron un enorme traballo para promover novos relatos, ou sexa, novas interpretacións mistificadas da realidade, incluído o mito de facerse a un mesmo. A nivel político, todo o mundo se puxo a buscar o líder, a quen saíse vitorioso da promoción polos medios de comunicación. Liderados con nome de "efecto", levamos unhas cantos dos que estiveron no poleiro da esquerda, mais a festa sempre ten que rematar moitas das veces cun efecto contrario. Supoño que recuncar desta trucaxe mediátíca é un síntoma da enfermidade na esquerda.

 O problema da corrupción reflexa un mal endémico e a prioridade política da loita contra deste asunto vía exclusiva da xustiza, sen outra análise das causas que a protexeron, alimentaron e a deixaron facer con complicidades en nome da esquerda, é unha calexa sen saída. Xa miraremos que pasa co Emérito e tantos outros dos casos.

 É certo que as transformacións produtivas modificaron algunhas características do mundo do traballo; en realidade, a clase obreira non desapareceu en absoluto (é un invento ideolóxico), pero os sectores que a conforman víronse sen conexión, sen organización, porque desde a esquerda ese combate foi declarado secundario ou de pouco interese.

  Non sei se os acontecementos de hoxe darán a derradeira oportunidade para a esquerda de responder ás expectativas da clase traballadora. As devanditas expectativas, non debemos enganarnos, están conxelados tanto polo esgotamento da experiencia coma das novas consultas electorais. Da nova recomposición política ao estancamento e agora a frustración cun goberno de esquerda en coalición. Camiñamos pola escombreira da esquerda e quizais, de novo, teremos que agardar a que apareza unha forza alternativa de esquerda que faga propostas de utilidade para a clase traballadora e afaste definitivamente do pacto social da representación sindical que o fixo desta norma o cerne nas relacións laborais do Estado español. As diferentes crises que estamos sufrindo poñen de manifesto a necesaria recomposición dunha esquerda anticapitalista e dun nacionalismo consecuente coa realidade. Aínda estamos no túnel e sen ver a luz da saída. Pero estou certo de que o mundo que veremos cando saiamos será moi distinto. Haberá gañadores e perdedores. As políticas sanitarias, económicas e sociais que se apliquen hoxe determinarán o mañá.

 No cine, a ficción pode permitir, que todas e cada unha das probas sexan rexeitadas e que se poida convencer un a un a todos os membros dun xurado. Mais na realidade da vida a esquerda non pode seguir permitindo ese condutismo dos liderados forxados fundamentalmente nos medios de comunicación e nas redes sociais. É a destrución da esquerda.

 _______________________________________________________________________________________

(1) A piedade vén da verba pietas latina. Defínese a pietas como un sentimento que impulsa ao recoñecemento e cumprimento de todos os deberes, non só os de carácter espiritual, coas nais e pais, a patria, os parentes, as amizades, senón con todos os seres humanos.

_______________________________________________________________________________________

 

 

[Galiza, 13 de agosto de 2020]