A “Estratexia por unha Administración Aberta” afonda na ruptura da posibilidade de negociación e nos recortes de dereitos
O pasado 21 de xullo, a Administración Xeral do Estado convocou, de forma tardía e improvisada, a Mesa Xeral de Negociación para presentar e informar sobre a implantación da estratexia “Consenso por unha Administración aberta”. A CIG denuncia a ruptura total de negociación por parte do Goberno estatal e advirte que o modelo de función pública contido neste documento pretende transformar radicalmente a administración sen contar co seu persoal.
A CIG-Administración Pública critica que se utilicen os ámbitos de negociación para que as organizacións sindicais “validemos un modelo de administración que se nos presenta xa pechado e que ignora os dereitos laborais máis básicos”.
Unha estratexia imposta, sen negociación colectiva
O documento de máis de 100 páxinas trasladado na mesa -que non foi remitido previamente ás organizacións sindicais para o seu estudo-, minutos antes xa fora presentado polo ministro aos medios de comunicación e aos altos cargos ministeriais.
Este xeito de actuar, denuncia a representación da CIG, “vulnera os principios básicos da negociación colectiva (TREBEP e a Liberdade Sindical) e demostra que a Administración non considera o seu persoal como suxeitos do cambio e negociación, senón como pezas totalmente prescindíbeis”.
O documento segue a “folla de ruta” marcada pola Unión Europea, que esixe reformas estruturais para o acceso de fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Para a CIG-Administración “este documento é produto da precipitación política dun Goberno incapaz de aprobar uns orzamentos e que tira cara adiante ignorando os problemas reais da administración, como son o déficit estrutural dos cadros de persoal, a taxa de temporalidade, a eliminación da taxa de reposición, a xubilación parcial, a falta de carreira profesional ou a necesidade dun acordo retributivo”.
Un modelo de intelixencia artificial sen garantías
A transformación que propón o Ministerio pivota sobre a implantación de sistemas de intelixencia artificial e robotización: automatización de tarefas, deseño de políticas e procesos de selección a partir de algoritmos, creación de novos perfís directivos e procesos de planificación baseados exclusivamente nos datos.
Reorganización funcional: mobilidade forzosa e control
A proposta tamén reestrutura a Administración en “áreas funcionais” definidas dende arriba, sen ter en conta ningún tipo de negociación coas organizacións sindicais. A isto hai que engadir que este documento non ten en conta os destinos actuais, a especialización do persoal e a realidade territorial. Isto abre a porta a mobilidades forzosas, reasignacións arbitrarias e unha perda de referencias funcionais e profesionais.
Exclusión cidadá pola vía dixital
A nova Administración “personalizada” dixitaliza todos os servizos, mais non garante a atención presencial, sobre todo en zonas rurais, aumenta a fenda dixital e non prevé reforzo de persoal para oficinas nin medios.
A CIG defende o dereito de toda a cidadanía a ser atendida presencialmente por unha administración pública de proximidade, humana e de calidade.
Novo modelo de acceso e carreira profesional: elitismo e individualización
Sobre a proposta de introducir un máster obrigatorio para os grupos A1 e A2, a CIG-Administración considera que vai supor unha barreira económica inxustificábel para moitas persoas opositoras, e que atenta contra a igualdade no acceso ao emprego público.
Ademais, a nova carreira profesional prevista está baseada en criterios de produtividade e avaliación discrecional, na desaparición da promoción interna regulada “e nunha xestión puramente tecnocrática que despreza a experiencia, os dereitos colectivos e a negociación sindical”.
Por todo isto, a CIG-Administración denuncia que este novo modelo de función pública pretende transformar radicalmente a administración sen contar cos seus traballadores e traballadoras. “A CIG non será cómplice dunha falsa negociación, onde todo está decidido de antemán e seguirá a loitar por unha Administración Pública ao servizo da cidadanía, con condicións dignas e dereitos recoñecidos”.