"Á explotación chámanlle integración!”

Persoal de Ilunion-ONCE mobilízase en Vigo contra a precariedade neste Centro Especial de Emprego que presta servizo na automoción

Vigo - Vigo -

Traballadores/as de Ilunion Servicios Industriales Galicia e delegados/as da CIG desenvolveron hoxe unha concentración diante da sede da ONCE en Vigo para rexeitar as condicións de precariedade que padece o persoal deste Centro Especial de Emprego (CEE) que presta servizo no sector da automoción e para denunciar os altos ritmos de traballo ao que está sometido e a falta de formación obrigatoria.

Durante a mobilización, que tivo lugar na Gran Vía, 16, de 11:00 a 11:45 horas despregouse unha faixa contra a precariedade laboral en Ilunion -CEE que forma parte do grupo ONCE- e berráronse consignas como “Á explotación chámanlle integración”, “Non á escravitude na discapacidade”, “A igual traballo igual salario” ou “Emprego digno na automoción”.

Dende a federación de Industria explican que os 620 traballadores/as de Ilunion, que prestan servizo en compañías do automóbil como Stellantis, Benteler, Lear e Denso, padecen unhas elevadas condicións de precariedade -perciben o salario mínimo interprofesional- e uns altos ritmos de traballo. Ademais, non reciben a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades especiais, tanto físicas como psíquicas.

Para rematar con esta situación de precariedade e de explotación laboral os afectados/as reclaman que se lles aplique o convenio colectivo do sector no que prestan servizo, reivindicación que a CIG-Industria -que conta con 10 dos 17 delegados/as do comité de empresa- considera tamén fundamental para poñerlle freo aos abusos que padecen estes/as empregados/as.

Novas formas de explotación

Na CIG consideran que este tipo de centros fan parte das novas ferramentas que o capital emprega para precarizar as condicións laborais e de vida de milleiros/as de traballadores/as “e para incrementar beneficios mediante o abuso e a escravitude laboral”.

Lembran que máis de dúas terceiras partes dos contratos que se realizan a persoas con capacidades especiais son a través de CEE, e maioritariamente están asociados a tarefas pouco cualificadas. En consecuencia, estes centros deixan de ser unha porta de acceso ao mundo laboral “para converterse en precariedade subvencionada”.

Estas empresas son favorecidas por convenios que remuneran por debaixo do que o fai o convenio de sector da empresa cliente, e acaban actuando como empresas multiservizos. “Ofrecen man de obra barata, o que lles permite obter un lucro inmoral, vulnerando o principio de igualdade entre as persoas traballadoras e desvirtuando o papel dos CEE como facilitadores da integración laboral”.

Volver