A explotación ten moitas formas e caras

Manuel Mera - 21 Xun 2019

A explotación laboral ten moitas caras e formas, algunhas evidentes e outras indirectas. Afecta á mocidade, con contratos temporais, xornadas extenuantes e salarios de miseria (por non falar dos contratos en práctica). Mais tamén ás mulleres, aos homes, ás persoas maiores, ao mundo rural, ao mundo urbano...

 Facer reducionismo da problemática laboral non axuda a comprender en toda súa extensión a cuestión. Asemade, impide abranguer o conxunto do suxeito social e dispoñer dunha folla de ruta axeitada para mudar a correlación de forzas e conquistar a xustiza social. Poderiamos dicir, por exemplo, que a precariedade ten aspecto inmigrante latinoamericano, xa que un 54% das familias desta orixe están por debaixo da liña da pobreza, e que o desemprego ten cara de muller, tamén inmigrante. Mais estas afirmacións esquecerían que a inmigración de fóra do Estado español só representa un 11% da poboación activa, e dentro dela os latinoamericanos/as tampouco son maioría, polo que as persoas nacidas na Galiza e que están na pobreza ou no desemprego multiplican varias veces a este colectivo.

 Polo tanto, a precariedade e o trato desigual teñen moitas caras e moitas formas. Dende a temporalidade, as xornadas intensísimas e os baixos salarios que sofre a maior parte da mocidade, mais non en exclusiva, porque estas condicións tamén atinxen a moitas persoas de máis de 50 anos que por diversas razóns foron despedidas do seu emprego. No primeiro caso é un atranco que frea ou impide o aluguer ou compra de vivenda, a formación de familias, desalenta a natalidade e dá folgos á emigración. No segundo caso, causa de desafiuzamentos e mesmo a destrución de familias, e dá pulo á indixencia. Abonda con ver as cifras do paro de longa duración para entender a gravidade do problema, as persoas que dormen na rúa, as altas taxas de suicidios. De 161.100 persoas que estaban no paro no primeiro trimestre deste ano, 27.300 homes e 32.600 mulleres eran desempregadas de longa duración (un 37%).

 Non son as únicas características da precariedade. Co obxectivo de maximizar o lucro a patronal non deixa de inventar novos modos de explotación. De aí que teñamos que engadir ás formas xa descritas os contratos a tempo parcial impostos (sobre o 75% do total segundo as enquisas) que non pagan nin cotizan unha morea de horas extras, coas que se completaría a xornada normal. Os falsos/as autónomos/as que realizan actividades para unha única empresa, entre elas as que uberizan o traballo minimizando os custos e feudalizando a xornada laboral. Hai sentenzas que condenan estas prácticas, porén a lexislación vai moi por detrás da inventiva destes empresarios/as (emprendedores/as?) que defraudan á Seguridade Social e Facenda, pagan salarios indignos e rouban horas de traballo realizadas. Esta é a tendencia dominante, a que vai a máis, daquela que a metade das familias galegas cheguen con dificultades ou moitas dificultades a final de mes, e que a taxa de pobreza atinxa o 18,8%, segundo Cáritas.

 Agora ben, ademais do desemprego, da precariedade laboral e dos baixos salarios, non se pode esquecer que ademais, hai outros aspectos que inciden no traballo, por exemplo as condicións penosas, perigosas e tóxicas. Non é casual que un peón da construción teña unha media de vida de 71 anos e un médico/a de 10 anos máis (o que por certo incide no custo real das pensións e dos servizos públicos de ambos colectivos). Tampouco se pode obviar que nestas actividades é onde se producen a maioría dos accidentas laborais, que son causa de morte ou deixan eivadas de por vida a moitas persoas. É verdade que estas condicións especiais están recoñecidas en moitos convenios que inclúen un plus salarial, mais non é este precisamente o criterio axeitado para reducir seus efectos. Con cartos non se pode compensar os anos de vida que se perden, e ademais trátase de contías reducidas. A falta de traballo e os baixos ingresos salariais permiten comprender as razóns polas que se aceptan estas condicións. Non sería máis lóxico, como pasaba nalgúns países que hai décadas copiaban do socialismo real, que este tipo de traballos tan duros reduzan a xornada efectivamente traballada sen perda de salario? No ano 2017 houbo na Galiza 457 accidentes graves e 45 mortais nos centros de traballo.

 Este artigo non pretende analizar as mil casuísticas da precariedade, da sobreexplotación, que se realizan de modo directo, como as analizadas, e ás que debemos sumar ademais as indirectas. Lembremos os efectos regresivos sobre as condicións de vida, da maior presión fiscal sobre o consumo, do aumento dos produtos e servizos de primeira necesidade e dos servizos prestados polas institucións públicas (copagamento, etc.), así como a presión anímica que causa a incerteza respecto das pensións actuais e futuras, por mor dos baixos salarios e do apoio á privatización do sistema por parte dos poderes fácticos e dos partidos neoliberais.

 Ou sexa, a explotación laboral ten moitas caras e formas, algunhas evidentes e outras indirectas. Afecta á mocidade, con contratos temporais, xornadas extenuantes e salarios de miseria (por non falar dos contratos en práctica). Mais tamén ás persoas maiores que son despedidas, que se volven conseguir emprego será en moitos casos mal pago e precario; e, se non o atopan, terán unha xubilación moi baixa ou unha pensión non contributiva mínima. Ás mulleres porque ademais dunha media salarial e nas pensións máis baixa, constitúen á maioría dos contratos a tempo parcial. Aos homes porque apandan cos traballos máis duros e gozan moitos menos anos de pensións, e de vida. Ao mundo rural, porque teñen menores ingresos medios, e as persoas teñen que se desprazar para traballar e obter determinados servizos, co custo extra que isto supón en transporte. Ao mundo urbano, porque a pobreza está agochada pola aparencia dos escaparates das tendas e dos bares ateigados de xente.

 Hai quen pon o acento exclusivamente nalgúns destes aspectos da explotación, outros/as simplifican a cuestión ignorando os matices e a necesidade de recoñecelos e de darlles unha resposta especifica. Agora ben, mesmo nas situacións máis singulares súmanse máis dun aspecto específico (tipo de contrato, salario, sector, xénero, idade, territorio, e a lingua). Mais todas estas singularidades teñen en común que atinxen á persoas que pertencen á clase traballadora e que son explotadas. Isto é o que as une, o que as converte en maioría social. Un aspecto que non é secundario, xa que o traballo é central na vida das persoas, especialmente das clases populares que cumpren un papel subalterno nun sistema económico como é o capitalismo. Este reproduce a desigualdade porque é consubstancial con maximizar o lucro, sacraliza o individualismo e alenta a cobiza. De aí a importancia de recoller todas as singularidades, ligadas á explotación (e nos países dependentes como Galiza hai que engadir a opresión nacional), para unir a clase traballadora nun programa e proxecto común de xustiza social e liberación. Esta é a única vía para reverter os retrocesos actuais, construír poder popular e superar no futuro o capitalismo.

 Por último, lembrar que a historia ensínanos que as clases dominantes utilizan a manipulación e a represión para manter e intensificar a explotación, porén tamén ás veces ceden algo en certos temas  para manter os aspectos fundamentais da explotación e mesmo aumentala. Por exemplo, facendo “cesións” en relación coa igualdade de xénero, mentres se intensifican a precariedade e os baixos salarios. Son conquistas necesarias, xustas, e produto da incorporación da muller á primeira liña da mobilización sindical, social e política. Mais se non están ligadas coa loita xeral contra a explotación, convértese nun éxito relativo e limitado, xa que forman parte dun retroceso da democracia e dun aumento da explotación e da opresión (a Secretaría da Mulleres da CIG advertía deste aspecto nun cartel no que destacaba que non se trataba de igualar por abaixo). De aí a importancia da unidade e da mobilización, dunha estratexia común, de ligar sempre o concreto co xeral, de entender e divulgar a relación que existe entre a explotación da clase traballadora e as cen formas nas que se presenta, e como estas van evolucionando en función dos intereses do capital, da oposición da clase, dos avances tecnolóxicos, das transformacións sociais.

 

 

[Vigo, 21 de xuño de 2019]