A fábrica de ferroaliaxes de Cee xa está a padecer as consecuencias negativas da venda especulativa

Estase poñendo en perigo a saúde do persoal e a viabilidade das factorías mentres a Xunta segue pasiva

Cee -

Traballar cos fornos rebaixados, a produción por debaixo de custes por estar a expensas dun único cliente e o consumo de materias primas de mala calidade que se desbotan noutros centros de traballo do Grupo FerroGlobe, son algunhas das consecuencias a curto prazo que se empezan a padecer a causa da venda especulativa.

A sección sindical da CIG en Ferroatlántica denuncia que esta operación "en vez de traer inversión, trae máis recortes, máis precariedade laboral, e ademais de pór en perigo a saúde laboral dos traballadores/as, tamén pon en perigo a integridade das instalación e a viabilidade dos centros de traballo". E mentres se afianza este deterioro, critican, "a Xunta segue sen dar resposta e mirando para outro lado".

A fábrica, cuberta polo fume

Explican que nestes días, "como calquera persoa da Costa da Morte pode comprobar", a fábrica Brens está completamente cuberta polo fume. "Padecemos as consecuencias negativas da operación de venda especulativa, utilizando materias primas para o funcionamento dos fornos de mala calidade, que non se queren noutros centros de traballo do Grupo de Ferroatlántica e, como se está a demostrar, poñen en perigo as instalacións e son altamente prexudiciais para a saúde dos traballadores e das traballadoras".

A este respecto, subliñan que as incidencias producidas estes días son numerosas, pero que a dirección do centro "non está a tomar ningún tipo de medidas". Ademais, a dirección leva meses sen convocar o comité de seguridade e saúde, incumprindo claramente a lexislación vixente.

Ademais, desde que se produciu a venda, estase traballando cos fornos rebaixados, alegando a empresa un suposto “exceso de produción” que en realidade obedece a dúas cuestión moi preocupantes derivadas da venda e da poxa de enerxía. Por unha banda, a limitación de non poder saír libremente o mercado por depender dun único provedor e dun único cliente que é FerroGlobe (FG).

"Como xa advertiramos con anterioridade e estamos comprobando, FG vai primar sempre os seus centros de traballo en detrimento dos nosos, ao darnos o trato de subcontrata por non pertencer o grupo", alerta a sección sindical. Por outra banda, que hai que consumir a enerxía adquirida na poxa que remata a 31 de decembro para non ser penalizados.

"A situación actual e de futuro, polo tanto, é moi preocupante, xa que a partir do 1 de xaneiro de 2020 volvemos a estar na mesma incerteza que este ano pero cun peor escenario·.

A Xunta segue desaparecida

A Sección Sindical da CIG denuncia que malia gravidade da situación e das accións de Ferroatlántica, a Xunta, a pesar de ter plenas competencias nesta materia, mantén un silencio e pasividade inauditos, sen esixir o perceptivo plan de viabilidade, tal e como obrigan as cláusulas concesionais, nin dirixirse ao comité para trasladarlle a documentación presentada pola empresa.

Volver