A faísca de Minneapolis

Atilio A. Boron - 04 Xun 2020

A depresión económica que a pandemia potenciou exponencialmente ten entre as súas primeiras vítimas os afrodescendentes. Son eles os que figuran maioritariamente entre os inscritos para obter o módico e temporal seguro de desemprego que ofrece o goberno federal. E ademais son o grupo étnico maioritario que está na primeira liña do combate á pandemia

 En 1944 Gunnar Myrdal, un sueco que recibira o Premio Nobel de economía, escribiu un libro titulado O dilema norteamericano para desentrañar as raíces do chamado “problema negro” en Estados Unidos. A súa investigación demostrou que os afroamericanos eran percibidos e tratados polos brancos -agás un sector que non compartía esa crenza- como unha “raza inferior” á que se lle negaba o goce dos dereitos supostamente garantidos pola Constitución. Por iso os afroamericanos quedaban en situación estrutural de desvantaxe cos brancos: baixos ingresos, menor educación e maior desemprego construíron a trama profunda dun círculo vicioso herdado da longa historia da escravitude e cuxas sombras se proxectan até hoxe. Myrdal concluíu o seu estudo dicindo que Estados Unidos tiña un problema, pero era doutra cor: branca. Unha poboación deostada, agredida e discriminada, que mesmo dun século de abolida a escravitude debía loitar contra a cultura do escravismo que sobreviviu longamente á fin desa institución.

 O Informe da Oficina do Censo de EEUU do ano 2019 confirma a validez daquel afastado diagnóstico de Myrdal ao demostrar que se o ingreso medio dos fogares estadounidenses era de 63.179 dólares e o dos fogares “brancos” 70.642 dólares, o dos afroamericanos apenas de 41.361 dólares e o dos “hispanos” caía pero ficando nos 51.450 dólares. Os brancos son o 64 % do país, pero o 30 % da poboación carceraria; os negros suman o 33 % dos convictos sendo o 12 % da poboación. O 72 % dos mozos brancos que terminan a secundaria cursan ese mesmo ano estudos superiores, cousa que só fai o 44 % dos afrodescendentes.

 As recorrentes revoltas desa etnia oprimida testemuñan o fracaso das tímidas medidas adoptadas para integrala, como a tan discutida “acción afirmativa”. A pandemia do Covid-19 agravou a situación, poñendo de manifesto a escandalosa discriminación existente: a taxa de mortalidade xeral por ese virus é de 322 por millón de habitantes e baixa a 227 para os brancos, pero sobe bruscamente entre os negros a 546 por millón. E a depresión económica que a pandemia potenciou exponencialmente ten entre as súas primeiras vítimas os afrodescendentes. Son eles os que figuran maioritariamente entre os inscritos para obter o módico e temporal seguro de desemprego que ofrece o goberno federal. E ademais son o grupo étnico maioritario que está na primeira liña do combate á pandemia.

 Esta explosiva combinación de circunstancias só necesitaba unha faísca para prender a herba. O asasinato de George Floyd a mans da policía de Minneapolis filmado minuto a minuto e viralizado en instantes achegou ese ingrediente cos resultados xa coñecidos. A criminal estupidez dun Trump exasperado por máis de cen mil mortos por mor do seu negacionismo e polo abismo económico que se abriu aos seus pés a cinco meses da elección presidencial fixeron o resto. Nun chío ameazou os manifestantes con “abrir fogo” se proseguían os disturbios, igual que os escravócratas sureños do século dezanove. Signos inequívocos dun fin de ciclo, con violencia desatada, saqueos e toques de queda desafiados nas principais cidades. Calquera pretensión de “volver á normalidade” que produciu tanta barbarie é unha melancólica ilusión.

 

[Artigo tirado do blog do autor, do 2 de xuño de 2020]