A falta de axentes ambientais na provincia de Lugo pon en risco traballos como o censo do oso pardo

A CIG demanda a cobertura inmediata das prazas da RPT para poder afrontar a carga de traballo
Lugo - 17 Nov 2020

O sector de Autonómica da CIG-Administración de Lugo-A Mariña manifesta a súa preocupación polo risco no que se están a poñer importantes programas e traballos, como o censo do oso pardo cantábrico, "debido á nefasta xestión de persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda". A administración galega, sinalan, ten sen cubrir sete prazas de axentes ambientais, o que constitúe máis do 17% do total de axentes da provincia.

Esta falta de efectivos, sinala Delio López, responsábel comarcal da CIG-Autonómica, pon en risco un labor tan importante como o censo do oso pardo, que require dunha grande cantidade de tempo e de traballadores/as xa que nesta provincia está o 90% da poboación de osos de Galiza.

A isto engádeselle que Lugo é tamén a provincia con máis actas por danos de lobo do país, duplicando a suma dos expedientes das outras tres provinciais. "Isto fai necesaria a implicación da consellaría e dotar do persoal profesional suficiente para desenvolver estes traballos, mesmo reforzando os efectivos cando a carga de traballo o esixe", subliña. Porén, Medio Ambiente non só non reforza estes servizos, senón que ten sete prazas de axentes ambientais sen cubrir (máis do 17% do total) e a día de hoxe hai 34 traballadores/as en vez dos/as 41 que correspondería.

No distrito Ancares-A Fonsagrada están sen cubrir o 40% dos postos

López engade que esta porcentaxe se agrava no distrito Ancares-A Fonsagrada, no que están sen cubrir o 40% dos postos da RPT, cando este distrito ten unha parte moi importante do seu territorio dentro de espazos protexidos e cando nel tamén se realiza o censo do oso pardo "cunha escaseza de recursos humanos que o están pondo seriamente en risco". Cómpre lembrar que este reconto se realiza de maneira simultánea en Galiza, Asturias, Castela e León e Cantabria entre o 1 de setembro e o 15 de decembro e forma parte do programa para a xestión e recuperación desta especie.

Por se non fora abondo, "a Xunta decidiu non concederlle á provincia de Lugo o terceiro mes de período extraordinario (que supón un aumento de persoal) mentres que si o activou noutras provincias con cargas de traballo inferiores".

Silencio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural

Diante disto, os e as axentes ambientais territoriais dirixíronse a finais de mes á Dirección Xeral de Patrimonio Natural para prevela do risco que está producindo na provincia de Lugo debido á carga de traballo e a non concesión do terceiro período extraordinario. De momento, a resposta a este documento foi o silencio "e facer caso omiso á xusta petición".

Dende a CIG-Autonómica demándase da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que, se active o terceiro mes de gardas para poder cubrir a maior franxa horario de traballo, tal e como se fixo noutras provinciais, e que se cubran con celeridade as prazas de axente ambiental que figuran na relación de postos de traballo e que están orzadas para seren ocupadas.