A falta dilixencia da Seguridade Social na resolución de incapacidades deixa centos de persoas traballadoras sen prestación
A falta de dilixencia do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) á hora de resolver situacións de incapacidade temporal está a causar un grave prexuízo a centos de persoas traballadoras, xa que ademais de incumprir os prazos legalmente establecidos o organismo estatal está a suspender o pagamento das prestacións económicas. Diante disto, a CIG dirixirase por escrito tanto ás comisións executivas provinciais do INSS en Galiza como aos organismos tripartitos de representación estatal para reclamar a inmediata axilización dos procesos e o abono das cantidades deixadas de percibir.
A central sindical detectou numerosos casos nos que a administración incumpriu o prazo de 24 meses que establece a lexislación para ditar resolución expresa sobre a situación da persoa traballadora en situación de incapacidade temporal, ben dándolle a incapacidade permanente ou a alta médica. Transcorrido este tempo, e sen mediar acto administrativo formal, o INSS procede á extinción do aboamento da prestación económica, “privando a persoa afectada do seu único modo de subsistencia”, tal e como denuncia o secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío.
Este xeito de actuar do organismo estatal, baseado presuntamente en aplicación de instrucións internas, deixa a persoa afectada nunha “situación de absoluta indefensión” ao non existir resolución que permita coñecer os motivos da decisión nin articular os mecanismos de defensa legalmente previstos.
Ao mesmo tempo, Sío lembra que a propia Lei Xeral de Seguridade Social non contempla en ningún caso a extinción automática da prestación sen resolución expresa, “polo que nos atopamos diante dunha actuación administrativa ilegal”.
En consecuencia, a CIG dirixirase ao organismo estatal para que procede a emitir de xeito urxente resolucións expresas sobre a situación das persoas afectadas e a declarar e nulidade da suspensión da prestación económica, “procedendo ao abono inmediato tanto das cantidades deixadas de percibir como dos xuros correspondentes”.
Criminalización das baixas médicas
Na central sindical consideran especialmente grave que este prexuízo para a clase traballadora se produza no actual contexto de criminalización das baixas médicas, consecuencia da brutal campaña da patronal e das administracións para culpabilizar as persoas traballadoras que caen enfermas. “Unha estratexia coa que se pretende negar a saúde como un dereito e facer da enfermidade un delito, no camiño de avanzar no proceso de privatización da sanidade pública”. Nesta lóxica, os Gobernos español e galego actúan ao mandato do empresariado, permitindo que as mutuas asuman máis competencias no tratamento de doenzas músculo esqueléticas e de saúde mental.
O propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aproveitou o recente debate sobre o estado da nación para elevar a primeiro plano o absentismo como unha fraude e para anunciar a posta en marcha dun plan de control das baixas, “evidenciando de maneira descarada o seu papel de axente da patronal”. Coa aplicación de plans como o anunciado por Rueda preténdese facer a “apoloxía da criminalización” das enfermidades, “malia que a saúde é un dereito e enfermar non é un delito”, tal e como sinalou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no marco da campaña posta en marcha pola central sindical para desmontar precisamente as mentiras e as falsidades da Xunta e da patronal sobre as baixas laborais.