A fase superior do neoliberalismo

Pablo Wahren - 15 Abr 2016

Hoxe experiméntase un rexurdir do neoliberalismo da man de gobernos de claro xorne liberal e avances e presións da dereita onde se sosteñen gobernos populares. Moitos estados latinoamericanos estanse adaptando en bloque ás políticas impulsadas desde Estados Unidos, sendo o caso máis claro o daqueles países que xa adheriron ao TPP

 Este artigo parte dunha hipótese que espera estar equivocada: a nivel mundial, o neoliberalismo está entrando na súa fase máis salvaxe e destrutiva. Que é o neoliberalismo? Como se está fortalecendo? Estados Unidos recuperouse da súa crise? Que implican os mega-acordos transnacionais? Que pasa en América Latina? Cal é o rol dos sectores populares e as organizacións políticas?

 Poderiamos definir “neoliberalismo” como o sistema económico-político que comeza a desenvolverse no mundo na década dos 70 e que implicou unha serie de transformacións necesarias para que o capital reconfigure a súa forma de produción a nivel mundial [...] o novo esquema de produción mundial, baseado na globalización e a deslocalización da produción, require o fortalecemeento das medidas de desregulación da economía. A liberalización financeira é necesaria para poder desprazar os capitais dun país a outro e a redución das barreiras alfandegueiras para deslocalizar a produción en distintos países até o ensamble final do produto.

 Á súa vez, as leis e os tratados sobre o Investimento Estranxeiro Directa volvíanse fundamentais para que os Estados-Nación non interveñan nas decisións das transnacionais. Neste marco, asináronse máis de 3.000 tratados bilaterais de investimento destinados a “protexer” os dereitos das multinacionais.

 Non casualmente estas medidas, ademais de seren sistematicamente propostas polo FMI e o Banco Mundial, son impulsadas en cada Foro de Davos, o evento organizado por 100 das compañías máis importantes do mundo que este ano contou coa asistencia do presidente arxentino.

 Durante esta fase, o poder das transnacionais espallouse até o punto de que, na actualidade, as 200 empresas máis grandes do mundo, que operan por todo o globo, producen o mesmo que todos os países que non son da OCDE (grupo dos 34 países máis ricos do mundo).  Só as 500 máis grandes se ocupan da metade da produción mundial. Así, as empresas que dominan o mundo alcanzaron máis poder e riqueza que a maioría dos Estados do globo.

 Porén, os Estados-Nación continúan espazos relevantes xa que son os territorios que hospedan ás grandes empresas. Como mostra diso podemos observar que o 80% das 500 multinacionais que máis facturan no mundo teñen a súa casa matriz en só 7 países (non casualmente os membros do G7). Nestas nacións, a sociedade entre o capital e o estado provoca que os seus gobernos encabecen a escala global as modificacións de marcos regulatorios con medidas tendentes a favorecer o gran capital transnacional. Sen ir máis lonxe, durante a crise de 2008-2009, foron os propios Estados cos recursos públicos os que rescataron aos grandes actores privados (principalmente a banca internacional), socializando as súas perdas. Doutra banda, na periferia, as políticas estatais cumpriron un rol fundamental para implementar e asegurar o cumprimento das receitas neoliberais.

 Neste proceso de expansión sen igual das grandes corporacións, a riqueza concentrouse como nunca antes en poucas mans: como sinala OXFAM, hoxe as 67 persoas máis ricas do mundo acumulan a mesma riqueza que a metade máis pobre da poboación. Na mesma liña, o recoñecido economista Thomas Piketty sinala que, no primeiro mundo, os niveis de desigualdade, tras mellorar na época keynesiana, volveron aos valores de principio do século XX.

 Pode o neoliberalismo, malia tanta desigualdade, estar profundándose? Cinco indicios sinalarían que si.

1- O Imperio contraataca: da crise á ofensiva

 Pasados case 9 anos da desfeita de Lehman Brothers e a primeira gran crise neoliberal no primeiro mundo, que sitou Estados Unidos na posición de atender os seus asuntos internos desligándose parcialmente dos asuntos exteriores, podemos dicir que a economía estadounidense se saneou bastante e hoxe o país do norte está lanzando unha nova ofensiva imperial da man das súas transnacionais. O desemprego, tras alcanzar un pico de 10% en 2009, hoxe sitúase en 5,5%, case nos niveis pre-crise. A política de estímulos monetarios lanzada para impulsar unha economía na desfeita que inundara de dólares os mercados da periferia hoxe revértese e os capitais volven fluír a Estados Unidos. Cómpre ter presente que o PIB nominal deste país practicamente duplica o de China, a segunda economía mundial, e cuadriplica o de Xapón, a terceira. Neste marco, a maior potencia mundial lidera a principal iniciativa do capital transnacional: os mega-acordos transnacionais.

2- Mega-acordos transnacionais: a fase superior do neoliberalismo

 A Organización Mundial de Comercio articulou o proceso de liberalización comercial a nivel mundial, introducindo un dobre estándar entre países centrais e periféricos. Por exemplo, mentres os países dominantes lograron a redución das barreiras alfandegueiras para os bens industriais na periferia, mantiveron o apoio ao seu propio sector agrícola. Porén, esa organización parece case unha “amiga dos países subdesenvolvidos” se a comparamos cos mega-acordos rexionais hoxe en curso. Este tipo de tratados plurilaterais abranguen cuestións vinculadas ao comercio de bens e servizos, investimentos, información e persoas onde a OMC aínda non regula. Así é como Estados Unidos avanza no Acordo Transatlántico sobre Comercio e Investimento (TTIP) coa Unión Europea e na Asociación Transpacífica (TPP) que nuclea 13 países. Así mesmo, Europa avanza en simultáneo nun acordo con Xapón e noutro co Mercosur.

 Algúns exemplos de que implican estes mega-acordos: prohiben retencións e regulacións sobre as exportacións, pretenden levantar até o 90% dos aranceles á importación, limitan a produción de medicamentos xenéricos en defensa da propiedade intelectual, amplían os prazos de patentes, impoñen controis sobre a actividade das empresas estatais para que non “distorsionen” o comercio, avanzan por primeira vez en regulacións sobre internet, entre outros.

3- A decadencia dos emerxentes como modelo alternativo

 Os mega-acordos, ademais de buscar incrementar as ganancias das multinacionais dos países centrais, son un camiño para lle facer fronte ao avance chinés no mundo. Durante as últimas décadas, China aumentou significativamente a súa presenza no comercio e os investimentos estranxeiros da periferia desprazando ás potencias tradicionais. Neste marco, e mediante estes tratados, os países centrais buscan obter privilexios nas relacións entre eles e coa periferia, recuperando o terreo. En resposta, os chineses avanzaron nun gran acordo con países de Asia e Oceanía, entre os que se destacan Xapón, Australia e Corea do Sur.

 Excluído dos grandes acordos organizados polas potencias, o xigante asiático iniciou o propio, converténdose así noutro foco impulsor das receitas neoliberais e deixando de lado o proxecto alternativo de integración dos BRICS.

 Doutra banda, a recuperación de Estados Unidos está debilitando os países emerxentes. A política de estímulo monetario implicou unha forte emisión de dólares e unha baixa significativa das taxas de xuros que redirixiu o exceso de dólares ás economías emerxentes a baixo custo. Porén, na actualidade, o fin desta política implica que os fluxos de divisas volvan cara ao centro. Así é como moitos dos emerxentes rexistraron saídas de divisas e consecuentes depreciacións que debilitaron a súa política económica.

4- Latinoamérica: a paréntese péchase

 América Latina viviu un proceso de reversión das tendencias neoliberais durante os últimos 15 anos. Os estalidos sociais, derivados, na maioría dos países, fundamentalmente dunha deterioración notábel das condicións obxectivas, foron o punto de creba. Segundo datos da CEPAL, un 43,9% das persoas da rexión eran pobres e un 19,3% indixentes. Da man da resistencia social, líderes políticos excepcionais como Hugo Chávez e unha situación económica particular onde os prezos dos produtos de exportación da rexión alcanzaron niveis récord, América Latina experimentou un proceso de alto crecemento, mellora progresiva na distribución do ingreso e maior intervención estatal. A mellora nas condicións sociais alcanzou distintos graos segundo o país, sendo maior as daqueles que máis se afastaron do receitario neoliberal.

 Porén, hoxe experiméntase na rexión un rexurdir do neoliberalismo da man de gobernos de claro xorne liberal e avances e presións da dereita onde se sosteñen gobernos populares. Moitos estados latinoamericanos estanse adaptando en bloque ás políticas impulsadas desde Estados Unidos, sendo o caso máis claro o daqueles países que xa adheriron ao TPP.

 Como sinalaba recentemente o xornalista económico Claudio Scaletta, para avanzar na soberanía e independencia económica, requírese unha dobre ruptura. En primeiro lugar, necesítase modificar a estrutura dependente vixente, polo que se precisa afectar os intereses das clases beneficiadas localmente e, en segundo lugar, é imprescindíbel modificar a forma en que están inseridos os países dependentes na orde global, afectando así os intereses das nacións e capitais máis poderosos. A dificultade de avanzar nese proceso débese, fundamentalmente, á baixa dos prezos internacionais dos commodities, a perda física de líderes políticos da rexión, a incapacidade de canalizar demandas dos sectores medios da poboación e a ofensiva de certos grupos económicos no marco da recuperación estadounidense.

5- Hexemonía neoliberal

 Difícil sería comprender a restauración conservadora en Latinoamérica sen referirnos á hexemonía neoliberal. Para funcionar, no político, este modelo require unha serie de transformacións ideolóxicas que permitan lexitimar un sistema que conduce irremediabelmente ao desmantelamento de dereitos sociais, á marxinación social e á concentración da riqueza. O exacerbamento do individualismo, o consumismo extremo, a demonización da intervención estatal, a liberdade económica como liberdade fundamental e a antipolítica son as premisas desenvolvidas a fondo polos intelectuais orgánicos e os medios de comunicación hexemónicos nas últimas catro décadas a fin de liquidar un capitalismo cada vez máis inxusto e competitivo. Ao non se ter avanzado en desmantelar esa complexa estrutura de ideas, non sorprende que as políticas de desmantelamento estatal, o rexeitamento á participación política e a idea da harmonía das nacións pobres cos mercados internacionais mediante os investimentos e a débeda continúen vixentes a pesar do dano que fixeron historicamente.

A resistencia política

 Tanto pola hexemonía neoliberal aínda vixente como pola mellora nas condicións obxectivas de vida na rexión, a protesta social non alcanza os niveis de fins dos 90 e principios dos 2000. Así é como, en Arxentina, vemos o desmantelamento de certos dereitos adquiridos nos últimos anos e nos embarcamos nun novo ciclo de endebedamento (e dependencia extrema) máis a través de consenso que de coerción. Pola súa banda, o continuo desmantelamento do Estado de benestar en Europa parece non ter freo: cando se elixiu un goberno popular en Grecia parecía que a expresión dos pobos poñía un límite aos abusos das transnacionais e as potencias, mais axiña se adaptou aos seus requirimentos.

 Como se dixo anteriormente, os proxectos de integración mundial alternativos comandados polos BRICS, que coas súas limitacións ofrecían unha alternativa ao modelo neoliberal, están bloqueados. A integración latinoamericana, que na última década soubo dicirlle non ao ALCA e dar paso a UNASUR, hoxe está golpeada pola reinserción do país do norte nos asuntos da rexión e a cooptación de certos gobernos nacionais ás súas políticas.

 O neoliberalismo en América Latina en xeral, e en Arxentina en particular, atopou o seu límite na protesta social e na inviabilidade política dun sistema tan desigual.

 A ofensiva do capital transnacional, co apoio dos seus respectivos estados-nación en favor de afondar nas políticas neoliberais, é clara. O éxito deste proceso e a súa duración dependerán da súa viabilidade económica e, fundamentalmente, da capacidade das organizacións políticas xunto aos pobos de resistir o avance do capital concentrado. Esperemos e traballemos para que esa resistencia chegue produto da batalla contrahexemónica e non cando as condicións materiais se deterioren até niveis descoñecidos.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Rebelión’, do 11 de abril de 2016]