FCM alerta dos altos índices de sinistralidade na construción relacionados coa precariedade, exceso de xornada e eventualidade

Ponse a disposición da familia do traballador falecido en Fene en accidente laboral
Nacional - 22 Set 2020

A Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol, ante o accidente laboral que lle custou a vida a un traballador das obras do Mercadona en Vilar do Colo (Fene), quere denunciar os altos índices de sinistralidade que se dan no sector da construción "e que están moi relacionados cos niveis de precariedade que existen, co gran número de subcontratas, a elevada contratación eventual e onde as xornadas soen superar as establecidas legalmente".

A FCM-CIG traslada toda a solidariedade coa familia do traballador falecido e cos seus compañeiros/as e "poñemos o sindicato a súa disposición para calquera actuación".

En relación co accidente mortal que tivo lugar na mañá do luns, a CIG- Construción sinala que está a espera dos resultados das investigacións para facer unha análise máis profunda do acontecido a adoptar as medidas oportunas.

Neste senso, dende a FCM-CIG fan un chamamento a que se cumpran as medidas de seguridade e saúde no traballo por parte das empresas e a que haxa un control real por parte da Inspección de Traballo e demais autoridades, "e especialmente nas obras da construción polo gran número de accidentes laborais que se producen, por desgraza moitos con consecuencias mortais".