A FCM-CIG celebra 25 anos co lanzamento de redes sociais propias e do seu novo voceiro, En Construción

A Federación tamén fai unha aposta por modernizar a súa presenza nos centros de traballo

Nacional -

Coincidindo co 25 aniversario da súa fundación, a Federación de Construción e Madeira da CIG aprobou modernizar a súa presenza nos centros de traballo e tamén dotarse de instrumentos para comunicar a súa actividade na rede.

A maior novidade é o lanzamento de En Construción, o novo voceiro co que a FCM quere cohesionar as súas publicacións no país a nivel nacional e comarcal. O número 0 desta publicación dedica as súas páxinas á situación de explotación nas obras do AVE de Ourense, á postura da FCM ante as problemáticas derivadas da Covid19, ou aos distintos conflitos abertos no sector, coma a loita do persoal de Noa contra o ERE de Malasa ou a represión sindical vivida recentemente en Canarga.

Así mesmo, a FCM estreou este mes espazos nas redes sociais máis usadas en Galiza: Facebook, Twitter e Instagram.

25 anos construíndo a patria galega

A Federación da Construción e Madeira da CIG fundouse no 1º Congreso Nacional que tivo lugar en Compostela o 28 de maio de 1994, no que se uniron o Sindicato Obreiro da Construción (SOC), afín ao SOG-INTG, e o SOCG, afín á CXTG, que á súa vez xurdiron na clandestinidade durante a Folga Xeral da Construción que estoupou en Galiza en setembro de 1976 para esixir un novo Convenio do sector, plantando cara ao sindicalismo vertical franquista e rompendo coa dinámica centralista que trataban de impoñer UGT e as CCOO no novo e incipiente movemento obreiro.

Os signos de identidade da FCM son a defensa da soberanía nacional galega, a normalización plena do noso idioma e a construción dun estado socialista galego; a idea da mobilización e a loita obreira como único medio de acadar melloras reais para a clase traballadora; a loita por postos de traballo digno, con salarios xustos, na nosa Terra; a defensa de Convenios Galegos en todos os sectores e do marco galego de negociación colectiva, fronte á negociación centralizada en Madrid, os pactos sociais e demais formas de entreguismo que practican os grandes sindicatos estatais; e o combate implacábel contra a precariedade laboral, a sinistralidade e as enfermidades laborais propias do noso sector coma a silicose.

Esta filosofía levounos á convocatoria de numerosísimas mobilizacións e dunha multitude de Folgas de empresa, de sector e mesmo xerais, unitarias e en solitario, que serviron para, progresivamente, ir dignificando o traballo nun sector tradicionalmente precarizado e moi afectado polas lacras das crises cíclicas do capital, a sinistralidade laboral, as enfermidades profesionais crónicas e a man de obra infantil.

Primeira central do sector

25 despois de que unha manchea de operarios a crearan a FCM xa é, grazas ao esforzo e o compromiso de milleiros de compañeiros e compañeiras en centos de obras e centros de traballo do noso país, a primeira organización sindical galega no sector da construción e a madeira, tanto en afiliación como en representación sindical, a nivel nacional e tamén en case todas as comarcas e actividades que abarca a Federación: obras públicas, construción, cementos e derivados, tellas e tixolos, lousas, aplicación de pinturas, xesos e escaiolas, mármores e pedras, canteiras, vidro e cerámica, fabricación de mobles, aglomerados, serradoiros, almacenistas de madeira, carpintaría, ebanistaría e carpintaría de ribeira, entre outros.

É por iso que desde a FCM-CIG fan un chamamento a todas e todos os traballadores do sector a organizarse na Federación da Construción e Madeira para seguir construíndo unha Galiza ceibe e sen explotación.

Volver