A FCM-CIG critica o proceso de negociación do convenio da lousa de Ourense e Lugo

A central foi citada para asinar un documento que non coñece, “á espera do que acepte a UGT”

Ourense/Lugo -

A Federación de Construción e Madeira da CIG de Ourense critica o proceso de negociación do convenio colectivo do sector da lousa de aplicación nas provincia e Ourense e Lugo. A central vén de ser citada para asinar un documento que descoñece, mentres que a patronal continúa “á espera do que acepte a UGT”.

Segundo explican dende a central sindical, até o de agora celebráronse tres reunións da mesa de negociación, nas que participaron a patronal e os sindicatos UGT, CC OO e CIG. “Nestas xuntanzas evidenciáronse as marcadas diferenzas que existen á hora de establecer uns mínimos dereitos para o persoal do sector”. 

A UGT, moito máis dócil coa patronal, afirmou que si podería chegar a aceptar un acordo, seguindo as instrucións da xefatura

No último encontro, celebrado o pasado 27 de maio, despois do debate interno da mesa de negociación a postura da CIG ficou moi lonxe de poder acadar ningún acordo, “mentres que a UGT, moito máis dócil coa patronal, afirmou que si podería chegar a aceptar un acordo, seguindo as instrucións da xefatura”.

O acordo proposto consiste en negociar unha “miserenta” suba de salarios, xa que o sindicato que ten a maioría da representación -a UGT- “non está pola labor de puxar polos dereitos do persoal do sector”. Dende a CIG denuncian que todas as necesidades do sector, que para a central son imprescindíbeis, quedan fóra do acordo.

“Estamos a falar de dereitos tan importantes como a cobertura completa nos casos de accidentes de traballo, a redución de xornada anual (que nestes momentos é a máxima legal permitida), a acumulación do permiso de lactancia, vacacións anuais en 21 días laborais, entre outros”.

Na CIG inciden en que todas estas medidas están encamiñadas á mellora en prevención de riscos, pois reducen a exposición ao po de sílice, moi presente nas canteiras e cunha afectación moi alta nas persoas traballadoras. Outra das peticións da CIG é a ampliación das pólizas de seguros por morte ou incapacidade permaninte, accidente de traballo e enfermidade profesional, até a enfermidade común.

“Entendemos que unha irrisoria suba salarial non pode suplir todas estas peticións, de rango social e imprescindíbeis para o persoal que todos os días acude ás canteiras; é necesario recuperar as melloras que a UGT foi deixando polo camiño nos últimos anos, asinando convenios en solitario amparándose na súa postura de sindicato maioritario no convenio”.

Sinatura do convenio

A CIG vén de ser convocada a unha reunión este xoves 17 de xuño para a sinatura do convenio, “sen concretar cal será o texto do documento”. Mais tras varios intentos de falar coa patronal “a única resposta que obtivemos foi que permanecían á espera do que a UGT aceptase”.

Así as cousas, dende a CIG din non entender como poden ser convocados/as para asinar un convenio “cando nen sequera coñecemos o seu contido”. Por iso manifestan o seu “máis profundo rexeitamento” a este tipo de sindicalismo, “que só fai restar dereitos á clase traballadora”.

Diante disto, anuncian que non participarán neste “paripé” e lamentan que este tipo de actuacións se repitan ciclicamente, “xa que máis que defender os dereitos da clase traballadora condénaos de xeito continuado”.

Volver