A FCM-CIG denuncia que a precariedade mata e esixe responsabilidades tras o tráxico accidente na A-8
A FCM-CIG quere manifestar o profundo pesar polo falecemento de dous operarios de conservación de estradas na A-8 este pasado venres. A central traslada o máis sentido dó e o pesar ás familias e aos compañeiros e compañeiras dos dous traballadores falecidos e ponse a súa enteira disposición. Así mesmo, a central permanece pendentes e preocupada pola evolución dos operarios feridos, que agarda teñan unha pronta melloría.
O secretario comarcal da FCM-CIG de Lugo-A Mariña, Afonso Losada, salienta que este accidente non é unha fatalidade inevitábel, “senón que estamos ante a cruenta realidade dun sector que traballa en condicións de risco extremo”. Manifesta a “absoluta indignación” polas condicións de traballo na conservación de estradas e subliña que resulta “intolerábel que a clase traballadora teña que xogarse a vida a diario con tráfico aberto, a escasos metros de vehículos a gran velocidade, mentres as empresas e a administración miran para outro lado”.
A FCM-CIG lembra que os operarios e operarias da A-8 levan anos loitando para reclamar o plus de perigosidade polas durísimas condicións que soportan, especialmente no alto do Fiouco. Porén, a empresa negouse reiteradamente a recoñecer este dereito o que levou a estes traballadores e traballadoras a reclamar xudicialmente.
“ O Xulgado do Social de Lugo rexeitou a petición dos operarios de mantemento a pesar de recoñecerllo ao persoal vixiante que, paradoxalmente, realiza a maior parte da xornada nos seus vehículos sen unha exposición tan alongada ao tráfico rodado”, apunta Losada.
A FCM-CIG leva anos demandando que se inclúa nos convenios da Construción un anexo específico que regule as especias condicións destas persoas traballadoras. Neste senso, a federación solicita:
- Seguridade real e inmediata: non máis traballos en condicións de desprotección absoluta. As administracións son responsábeis subsidiarias da falta de medidas das concesionarias.
- Recoñecemento económico do risco: asignación inmediata de pluses de perigosidade en todas as contratas.
- Desenvolvemento urxente dun marco normativo que recolla a especificidade do sector: gardas, reténs e saídas en condicións extremas de temporal ou neve.
“Lamentamos que, mentres a CIG leva anos pelexando por isto en Lugo e en toda Galiza, a patronal e os sindicatos estatais teñan bloqueado sistematicamente calquera avance, negándose sequera a sentar a falar do tema. Para a CIG, a seguridade non se negocia, deféndese”, conclúe Losada.