A FCM-CIG e persoal de Eulen inician un peche en Augas de Galiza en defensa da continuidade dos empregos
A FCM-CIG e persoal de Eulen que realizaba o servizo de conservación e mantemento dos leitos fluviais vén de iniciar un peche nas oficinas centrais de Augas en Galiza en Santiago de Compostela para exixirlle ao organismo público unha solución que garanta a continuidade dos seus empregos. A contrata que Eulen viña executando para Augas de Galiza rematou o 13 de novembro, e dende esa data os traballadores están no paro xa que a empresa decidiu non concorrer á nova licitación.
Con esta acción, explica Mario Maceiras, secretario comarcal da FCM-CIG da Coruña, quérese reivindicar “a recolocación inmediata das 10 persoas traballadoras que acaban de ser despedidas”. Ao pouco de iniciar o peche, sobre as 10:15 horas da mañá, foron informados por Agustín Hernández (ex conselleiro de Medio Ambiente e funcionario desta administración) de que as persoas con responsabilidade política de Augas de Galiza non se atopan no edificio “e que non nos van recibir, instándonos a solicitar unha reunión por escrito”.
Neste senso, critica que a representación social xa ten solicitadas máis de media ducia de xuntanzas con Augas de Galiza “por todas a vías posíbeis e sen ningún tipo de resposta nin comunicación”. “Están intentando darnos largas e que desistamos na defensa dos postos de traballo neste servizo clave para protexer as vilas e aldeas das escorrentías e inundacións”, asevera Maceiras.
Lembra que algúns dos traballadores que até agora realizaban as tarefas de conservación e mantemento dos leitos fluviais a través de Eulen xa levan máis de dez anos no servizo, todos contan cunha elevada experiencia “e dun día para outro, por unha cuestión administrativa, atópanse na rúa e sen unha solución de continuidade aos seus empregos”.
O servizo, apunta Maceiras, non se deixou de prestar en ningún momento, pois Augas de Galiza adxudicou provisionalmente a encomenda a Tragsa, mentres se resolve a nova licitación. Segundo puido saber a FCM-CIG, a empresa pública xa contratou outro persoal distinto para facer as mesmas tarefas. “Isto é un atropelo e agardamos hoxe un xesto por parte da administración”. Por iso, engadiu, “manteremos este peche até que nos atendan e se ofreza unha solución a estes compañeiros”
Reclamación pola aplicación do convenio colectivo
Sobre a decisión de Eulen de non concorrer á nova licitación, o secretario da FCM-CIG da Coruña considera que non pode desvincularse do conflito laboral que o persoal mantén desde hai un ano para conseguir a aplicación do convenio colectivo que legalmente entende que lle corresponde, o provincial de Rematantes e Serradoiros, xa que EULEN lles viña aplicando o convenio estatal de Actividades Forestais, cunhas condicións socioeconómicas considerabelmente peores.
Ante a falta de resposta a esta reivindicación, a CIG presentou unha denuncia na Inspección de Traballo e, posteriormente, promoveu un conflito colectivo que, tras rematar sen acordo o acto de conciliación, hai unhas semanas foi trasladado á vía xudicial.
A representación sindical e os traballadores consideran que a decisión de EULEN de abandonar a contrata e promover os despedimentos non é casual, senón que está directamente relacionada con estas reclamacións laborais, "xa que a empresa pretende evitar as consecuencias económicas derivadas da aplicación do convenio correcto”.
Entre tanto, Augas de Galiza, á que a representación social se dirixiu en reiteradas ocasións, desentendeuse da situación do persoal e por iso, logo da concentración desenvolvida o pasado 13 de novembro diante da Xunta da Coruña, hoxe acordouse levar adiante esta medida reivindicativa.