A FCM-CIG levará adiante as medidas legais, sociais ou de iniciativa política necesarias para evitar que Grupo Malasa desmantele NOA
O Grupo Malasa vén de consumar preto de 70 despedimentos e un expediente de regulación temporal de emprego de 15 meses en Noa Madera Creativa. A Federación de Construción e Madeira da CIG de Ferrol lembra que desde que este grupo empresarial mercou Noa "non fixo outra cousa que buscar o xeito de desfacerse dun persoal que, en comparación co resto de traballadores e traballadoras do grupo (ben coñecido pola precariedade e a explotación que impón nas súas relacións laborais), teñen unhas condicións laborais dignas, algo que semella a empresa non está disposta a asumir".
As causas que alega Malasa para xustificar esta desfeita son de todo tipo, desde económicas a organizativas, "pero en ningún momento desde que se iniciaron as negociacións deste ERE e ERTE, foron quen de demostrar os seus argumentos".
Malasa alega todo tipo de causas para xustificar o ERTE e o ERE pero en ningún momento foi quen de demostrar os seus argumentos"
Uns argumentos, apunta a FCM-CIG, baseados sobre todo en supostas perdas económicas, malia tratarse dunha compañía que amorea beneficios e ten unha facturación multimillonaria; na ineficiencia das instalacións, que Malasa foi desmantelando e trasladando a Cerceda; ou incluso na suposta pouca cualificación "dun persoal que leva moitos anos traballando na empresa e ten unha grande experiencia nas tarefas que desenvolve".
Todo isto aproveitando unha situación de pandemia e estado de alarma que limitou en grande medida a capacidade e lexítimo dereito á mobilización do seu cadro de persoal, "algo que nos parece especialmente grave e dá a medida da falta de escrúpulos coa que actúan os responsábeis do Grupo Malasa".
Á gravidade dos despedimentos e do momento tan delicado que escolleron para facer o que levaban planeando desde que mercaron Noa, "hai que sumar a vulneración de dereitos fundamentais e de liberdade sindical na que incorreron con aleivosía, despedindo os lexítimos representantes dos traballadores e traballadoras, a quen tiña redución de xornada por coidados, ou metendo no ERTE o persoal que ao seu entender resulta máis 'incómodo', deixando a un lado os criterios de eficiencia e ecuanimidade que supostamente ían rexer estas medidas e castigando a aquelas persoas máis reivindicativas e menos submisas".
Solidariedade co persoal afectado
Desde a Federación de Construción e Madeira da CIG trasladan unha vez máis a total solidariedade e apoio aos traballadores e traballadoras que desde o primeiro momento lle fixeron fronte ao poderoso Grupo Malasa "e que agora están sendo castigados por non terse amedrentado na defensa dos dereitos dos seus compañeiros e compañeiras".
Así mesmo, a Federación adiante que tomarán todas as medidas "legais, sociais ou de iniciativa política que estean ao noso alcance para reverter esta situación e evitar que o Grupo Malasa desmantele impunemente unha das empresas máis importantes que quedan na nosa comarca".