A FCM-CIG mobilízase en Malasa para denunciar a explotación e os abusos que sofren os operarios dunha das súas contratas

A central reclama a Montajes Nobre unha mellora das condicións laborais e salariais acordes co convenio

Cerceda -

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM-CIG) concentrouse este xoves diante das instalacións que Malasa ten no Polígono de Acevedo, en Cerceda, para denunciar publicamente a explotación que padecen os traballadores e traballadoras de Montajes Nobre, unha das principais subcontratas do Grupo.

O secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, explica que Montajes Nobre desenvolve exclusivamente a súa actividade dentro das instalacións de Malasa en Cerceda ou nas súas obras, "á que cede un número de traballadores/as inxente que xa supera nestes momentos o cento, boa parte deles compañeiros portugueses".

Porén, aínda que todos estes operarios comparten instalacións, maquinarias, materiais, vestiarios e mesmo o comedor co persoal propio de Malasa, as súas condicións laborais e salariais non están equiparadas e nin sequera respectan o establecido no convenio colectivo de aplicación.

"Os operarios de Montajes Nobre traballan máis horas -de 10 a 12 diarias-, e cobran moitísimo menos, arredor de 7€ a hora", explica Maceiras.  Isto supón que perciben "un 40% menos do que estabelece o convenio do sector, ou o 65% menos no caso das horas extraordinarias". E por non ter, engade, "non teñen nin vacacións pagadas, xa que a empresa desconta estas contías sistematicamente das nóminas".

Obriga expresa do convenio

A este respecto, o responsábel da FCM-CIG aclara que  Convenio da Carpintería da Coruña obriga expresamente no seu artigo 37 a que todas as empresas que poñan traballadores/as a disposición doutras empresas lles aboen exactamente o mesmo que se traballaran directamente nas empresas para as que prestan os seus servizos.

Ademais, Maceiras cre que detrás desta relación pode existir unha cesión ilegal de persoal, "xa que Montajes Nobre SL non ten instalacións, maquinaria e nin sequera administración propia, limitándose tan só á captación e manutención dos operarios e operarias que logo cederá a Malasa".

A CIG xa presentou denuncia na Inspección de Traballo por todos estes feitos e tamén está a preparar demanda xudicial. Ademais, aproveitando a concentración deste xoves, a central fixo entrega dunha táboa reivindicativa á dirección do Grupo Malasa como responsábel subsidiaria de todas as cuestións laborais, salariais, de cotización e de seguridade relacionadas co persoal da subcontrata.

Neste senso, a FCM apunta á responsabilidade de Malasa que "non só consiste, senón que se beneficia deste esquema de explotación, que lle permite ter sempre a súa disposición sen límite de horas e sen relación laboral algunha un cento de operarios".

Impunidade do empresario

Mario Maceiras salienta tamén o papel do polémico empresario luso, Américo José Pinto da Cunha, "que está a financiarse millonariamente a base de explotar os seus operarios e tamén roubarlles cada mes cantidades arbitrarias das súas nóminas, que camufla coma falsos "anticipos" que nunca lles paga, obrigándolles a asinar un recibín baixo a ameaza de que, de non facelo, cesarán na sociedade e non volverán nunca a traballar para Malasa".

"A impunidade deste empresario é tal que durante a pandemia aparecéronlle pinchadas as rodas dun coche e ese mes decidiu descontar das nóminas dos seus operarios 60€ coma castigo e para tentar que se autoinculparan", critica. Por iso, na protesta deste xoves, a modo simbólico entregáronselle unha ducia de rodas ao empresario para que lles devolva os traballadores os cartos substraídos ilegalmente.

Volver