A FCM-CIG mobilízase na estación de tren de Ourense contra a escravitude e a explotación laboral nas obras do AVE

Desenvolveu unha concentración de delegados/as para denunciar a fraude nas horas extras

Ourense -

A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG desenvolveu hoxe unha protesta na estación de tren de Ourense para denunciar situación de escravitude e explotación laboral que padecen centos de traballadores nas obras do AVE e a fraude millonaria á Seguridade Social que supón a realización ilegal de milleiros de horas extra nesta obra pública.

Ducias de delegados/as sindicais da FCM-CIG participaron na concentración que tivo lugar a partir das 11:30 horas diante da estación Ourense-Empalme, onde despregaron unha faixa na que se podía ler 'Non á escravitude nas obras do AVE! Traballo digno e con seguridade' e berraron consignas contra a explotación laboral.

Ao remate da protesta, o secretario nacional da Federación, Plácido Valencia, leu un comunicado no que se lembraba que a central leva máis dunha década denunciando a vulneración masiva de dereitos laborais nas obras das novas vías do AVE entre Ourense e Lubián, en concreto no tramo máis próximo á Gudiña, onde se dan condicións de traballo de escravitude e explotación laboral.

“A nosa central presentoulle á Inspección de Traballo un informe no que se detallan as preto de 70 mil horas extras abusivas nun ano, coa conseguinte fraude á Seguridade Social; estes abusos acontecen ante a mirada impasíbel do Ministerio de Transporte e da Xunta, que unicamente se preocupan polos anuncios electoralistas dos prazos de remate das obras, mentres que as empresas adxudicatarias FCC, Ferrovial e unha chea de subcontratas de Galiza, Portugal e do Estado español están a facer o seu agosto a conta dos obreiros que nalgún momento foron explotados salvaxemente nestas obras, véndose obrigados a desenvolver unhas xornadas infinitas nunhas condicións absolutamente miserentas”. 

De media fanse 4,56 horas extra ao día, 12,5 horas seguidas de traballo. Tamén hai quen fai 21 horas, triplicando a xornada legal

Valencia incidiu en que a CIG fixo público un informe, extracto doutro máis amplo presentado á Inspección, sobre a xornada laboral nestas obras, “cunhas conclusións completamente demoledoras”: os operarios veñen desenvolvendo unha media de 4,56 horas extras ilegais ao día, é dicir, 12 horas e media seguidas de traballo. Mais tamén hai traballadores que chegaron ás 21 horas, duplicando e case triplicando a xornada legal, sendo a excepción os que cumpriron coas 8 horas fixadas no convenio.

Esta fraude acumula só desde maio de 2019 máis de 68 mil horas extras ilegais que as empresas nunca aboaron aos seus operarios nin cotizaron á Seguridade Social, coas que gañaron preto de 900 mil euros, suficientes para contratar 44 oficiais de primeira durante un ano enteiro. “Podemos imaxinar o alcance desta fraude tendo en conta que as obras comezaron no 2007, polo que levamos 13 anos nesta situación”.

Diante disto, esixiu que as empresas fagan o abono íntegro das cotas defraudadas á Seguridade Social, pois lonxe de se reducir medraron” e sinalou que a FCM puido comprobar in situ as condicións de “completa miseria e precariedade” ás que están sometidos os traballadores.

Denuncia penal

Ao mesmo tempo, advertiu que este exceso de xornada está a provocar un aumento da sinistralidade, con accidentes moi graves e mesmo mortais. “Con esas condicións non é de estrañar o altísimo índice de sinistralidade na obra; moitos deses accidentes producidos unha vez superadas as 8 horas de traballo”. Segundo detallou, a CIG ten rexistrados cando menos 21 sinistros nestas obras, que deixaron máis de 10 operarios mortos e preto dunha trintena de feridos, incluíndo varias amputacións e atropelos graves.

De feito, a central xa denunciara polo Penal no Xulgado de Verín en 2018 a elevada sinistralidade nestas obras, tras o que se iniciaron dilixencias previas das que a CIG fai parte como acusación particular. “Non se pode seguir de costas ao que está a acontecer nas obras públicas, nas que se vulneran os dereitos dos traballadores, cando tiñan que ser o referente en canto a cumprimento dos dereitos e de seguridade e saúde laboral”.

Nesta liña, fixo fincapé en que as Administracións tampouco poden seguir tolerando esta situación, “xa que estamos a falar que poderían contratarse case 50 obreiros máis durante un ano co exceso de xornada que se produce, nun sector castigado polo desemprego desde a última crise; por iso seguiremos a denunciar, tanto ante as Administracións e as empresas como publicamente, até que rematen as vulneracións de dereitos, a escravitude a a explotación laboral nas obras do AVE”.

Volver