A FCM-CIG reclama a inmediata apertura da negociación dos convenios do sector da madeira de Lugo

Os convenios de Serradoiros e Ebanistería están sen actualizar dende 2014 e 2013 respectivamente
Lugo - 24 Xan 2017

A Federación de Construción e Madeira da CIG de Lugo vai iniciar unha campaña para demandar a apertura inmediata das negociacións dos convenios de Serradoiros e Ebanistería da provincia, sen actualizar dende 2014 e 2013. Esta situación, explica Afonso Losada, Secretario Comarcal da FCM-CIG, é debida en parte á negativa da patronal a sentar na mesa de negociación, mais sobre todo á situación de parálise no convenio estatal da madeira.

Nestes anos, no convenio de Ebanistería deixáronse de percibir uns 700€ de media por traballador/a"

 Un  convenio que negocian en Madrid CCOO, UGT e a patronal e cuxo bloqueo estase a trasladar tamén a nivel provincial, "xa que as tres partes se negan a negociar nada en Lugo, sen que se negocie previamente o convenio en Madrid", critica Losada.

Este bloqueo provoca que o salario no Convenio de Ebanistería permaneza conxelado dende o ano 2013, o que na práctica supón que nestes tres anos, tendo en conta que os salarios medraron na Galiza neste tempo un 2,79%, "deixáronse de percibir uns 700 euros de media por traballador/a e que o salario medio debería estar uns 350 euros por riba do actual".

En canto ao Convenio de Serradoiros e primeira transformación da Madeira, os salarios vixentes son os correspondentes ao ano 2014 e a cantidade estimada que se deixou de percibir nestes dous anos anda nos 440 euros de media. Mentres que o salario medio tería que estar uns 290 euros anuais por riba do actual.

O salario medio no convenio de Serradoiros tería que estar uns 290€ anuais por enriba do actual"

 “Son cantidades importantes que estarían nos petos dos/as traballadores/as se os convenios medraran na media galega estes anos e que, polo de agora, están nos petos dos empresarios” declara Afonso Losada.

Campaña informativa nas empresas

Para atallar esta situación, a Federación da Construción e da Madeira da CIG vai pór en marcha unha campaña informativa polas empresas dos sectores da madeira  de Lugo “a fin de concienciar a clase traballadora da importancia de renovar estes convenios e estudar a viabilidade de medidas de  presión que axuden a rachar coa inercia actual: só se asina o mesmo que en Madrid. Se en Madrid asinan cero, cero asinan aquí tamén…”, conclúe Losada.