A FCM-CIG rexeita o despedimento de 11 traballadores/as en NOA Madera Creativa
A Federación de Construción e Madeira da CIG-Ferrol rexeita os 11 despedimentos que se produciron nas últimas semanas en NOA Madera Creativa, alegando a empresa causas económicas, técnicas e organizativas. Na actualidade, a planta conta cun cadro de persoal en torno ás 130 persoas.
A FCM-CIG subliña que as causas argumentadas pola empresa “resultan inconsistentes de cara a levar a cabo despedimentos”, e que en todo caso “de ser certos os motivos aducidos, poden existir outro tipo de medidas menos traumáticas para facer fronte a esta situación”.
Neste senso, o secretario comarcal da FCM-CIG, Marcos Sánchez, denuncia a actitude “de escurantismo” da empresa, xa que non informou ao comité desta decisión, “e tendo en conta as causas alegadas, pode crear unha situación de alarma nas persoas traballadoras en relación coa viabilidade da empresa”. Por iso, a central sindical solicita manter unha reunión urxente coa propiedade de cara a aclarar a situación.
“Tampouco entendemos que se realice este gran número de despedimentos tendo en conta as múltiples afirmacións por parte da empresa sobre a dificultade de atopar persoal cualificado e cando boa parte destas persoas traballadoras contan cunha sobrada experiencia no sector”, asevera Sánchez.
Critica que non se derrogara a reforma laboral do ano 2012 aprobada polo PP e a reforma levada adiante polo actual goberno español, no ano 2021 coa conivencia de CCOO e UGT, “xa que mantén todo os aspectos lesivos en relación cos despedimentos por causas económicas, técnicas e organizativas, o que leva a moitas empresas, como é este caso, a intentar aproveitarse delas para facer despedimentos”.
A FCM-CIG oponse a estes despedimentos e aposta claramente polo futuro de NOA Madera Creativa “polo que loitaremos polo mantemento do emprego e das melloras das condicións laborais das persoas traballadoras”.