A CIG-Construción rexeita que se reinicie a actividade no sector mentres non se garanta a seguridade

Cualifican de precipitada a decisión e denunciarán as empresas que non adopten medidas de protección

Nacional -

A federación da Construción e Madeira da CIG rexeita a “precipitada” volta da actividade no sector da construción para a próxima semana ao entender que non se garante a seguridade dos traballadores/as. Diante disto, anuncian que velarán polo cumprimento da normativa e que denunciarán as empresas que non faciliten as medidas de protección necesarias.

Dende a FCM sosteñen que “todos/as somos coñecedores/as das condicións nas que estaban a traballar no sector sen as medidas de seguridade para os traballadores/as, situación que non mudou dende o último día antes do mal chamado permiso retribuído, polo que unha vez máis tanto a Xunta e o Goberno central como a patronal do sector priman o económico por riba da saúde dos operarios/as”. 

Esta volta ao traballo significa un regreso ao matadoiro para moitos/as traballadores/as

Polo tanto, consideran que se seguirán a dar as mesmas vulneracións no que ten que ver coa seguridade e saúde laborais, como falta de EPI e non cumprimento da distancia de seguridade entre os traballadores/as. “Sumando agora ademais a vulneración na negociación das horas recuperábeis, xa que algunha empresa xa está mandando a traballar o luns 13, día que na maior parte do noso país e día de convenio”.

Segundo sinalan, tampouco existe negociación cos representantes sindicais, “modifican os calendarios provinciais sabendo que non se pode comezar a recuperación das horas até o final do estado de alarma decretado, incumprimento que a día de hoxe xa estamos a denunciar dende a CIG”.

Actividade paralizada

Por todo isto, din non entender a teima dos Gobernos galego e central e da patronal en poñer en risco os traballadores/as deste sector, un dos máis precarizados e castigados con enfermidades relacionadas co aparato respiratorio e pulmonar. “Para nós esta volta ao traballo significa un regreso ao matadoiro para moitos/as traballadores/as”.

En consecuencia, anuncian que non van permitir que ningún empresario/a non dote ao seu persoal das medidas de seguridade necesarias, “e alí onde sexamos coñecedores destas irregularidades denunciaremos diante da Inspección de Traballo e de todos os organismos implicados na seguridade dos traballadores/as”.

Xa que entenden que a actividade da construción ten que seguir paralizada até que se dean as condicións “nas que os operarios/as do sector non se expoñan a un serio problema de saúde e a súa propia vida non corra perigo por falta de seguridade nas empresas”.

Volver