A FCM rexeita que se trate o persoal da construción como "ratas de laboratorio" na volta á actividade
A federación de Construción e Madeira da CIG rexeita que se estea a tratar o persoal do sector como “ratas de laboratorio” na volta á actividade, xa que “ao parecer no resto de sectores non esenciais prevalece a saúde, mentres que na construción prima volver a facturar canto antes”. Ao mesmo tempo, denuncian que os traballadores/as están a ser vítimas dunha segunda “avalancha” de ERTE.
Dende a FCM sinalan que logo de catro días (tres en realidade, pois o luns foi festivo de convenio) de retorno á "actividade normal" no sector “preguntámonos que mudou realmente que xustifique o retorno da construción á actividade baixo unha falsa aparencia de normalidade, unha vez finalizado o permiso retribuído recuperábel, eufemismo co que edulcorar a desregulación de xornada implantada polo Goberno español”.
Neste senso, indican que se ben en certas empresas si se adoptaron medidas, en boa parte do sector continúan exactamente igual que antes da crise, “facendo as viaxes ás obras amoreados nos mesmos vehículos, e sen distribuír os EPI necesarios, sexa por desidia ou por falta de abastecemento”. En consecuencia, e segundo teñen verificado, o sector aínda non reúne os mínimos elementos de seguridade que xustifiquen o retorno á actividade.
Polo que entenden que a volta ao traballo foi precipitada e que ademais levou a que ou ben milleiros de traballadores/as volvesen a estar expostos/as ao virus, ou ben a que as empresas iniciasen o que xa definen coma unha "segunda avalancha de ERTE", pois as comunicacións desta medida volveron a dispararse esta semana.
Ademais, a FCM denuncia que por unha parte os operarios están obrigados a volver ás obras pero debido á paralización da hostalaría non teñen ningún sitio no que parar a comer nin, de ser necesario, a durmir. "Un día cómese un bocata, pero todos os días?". Ademais, vense forzados a comer nos vehículos ou nas obras. enriba de taboleiros, sacos de cemento ou até duunha pedra”.
Por iso cualifican o que está a acontecer como “absolutamente humillante e bochornoso” e rexeitan que se trate ao persoal do sector coma ás “ratas de laboratorio” da crise sanitaria, “pois ao parecer no resto dos sectores non esenciais prevalece a saúde, mentres que na construción prima volver a facturar canto antes".
Incumprimento do calendario laboral
Por último, a Federación da Construción censura a carta enviada pola patronal da construción ás súas empresas asociadas con instrucións claras de traballar o pasado luns 13 de abril, festivo de convenio en todo o país, e usalo para comezar a devolver o permiso retribuído estabelecido polo Goberno español. "Esta orde é ilegal, pois un calendario laboral non pode modificarse sen acordo expreso das partes asinantes", nas que se inclúe a CIG.
Agora, a "touro pasado", convocou ás partes a renegociar un novo calendario laboral o vindeiro martes, reunión coa que desde a CIG entenden que se pretende "branquear" unha decisión empresarial fraudulenta que xa se está aplicando de facto, e denuncian que segundo lles comentou a propia patronal tanto CCOO como UGT xa lles expresaran o seu apoio antes de sequera reunirse a Comisión Negociadora a valorar a proposta.
A central xa denunciara en marzo a insensibilidade da patronal, quen enviara outra misiva ás súas empresas asociadas opoñéndose á paralización total da actividade que esixía daquela a CIG, poucos días antes da paralización finalmente decretada polo Executivo central.