A fenda salarial das traballadoras galegas supera o 21%, mentres a das pensionistas o 36%, 15 puntos máis

“Convocamos folga o 8M porque estamos fartas da desigualdade e das agresións”

Nacional -

A secretaría das Mulleres da CIG presentou, en rolda de prensa, o Informe de “Situación sociolaboral das Mulleres en Galiza (ano 2018)”. Un estudo elaborado polo Gabinete de Economía da central sindical no que se evidencia que persiste unha fenda salarial do 21,5% e que esta se afonda no caso das pensionistas, alcanzando o 36,6%, 15 puntos máis. Unha situación provocada polas máis baixas bases de cotización das mulleres ao longo da súa vida laboral, mais tamén por mor do menor tempo cotizado. De feito, as mulleres de menos de 25 anos acumulan xa 2 meses menos cotizados que os homes da mesma idade.

Diante desta situación e porque “non se abriu proceso algún que levase a mudanzas concretas, nin se recolleron as reivindicacións e demandas para que as mulleres teñamos vidas dignas, nin por parte do goberno galego, nin do goberno do Estado”, a pesar de que miles de galegas rebordaron as prazas e vilas do país. Mais tamén porque “asistimos a un rearme do patriarcado nas institucións nas que ostenta o seu poder” a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, afirmou que “cómpre impulsarmos na Galiza unha xornada de combate e de loita” o vindeiro 8 de Marzo.

Unha folga de 24 horas para que, dunha vez por todas “o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos, e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar”.

Unha folga laboral que a CIG ten convocada porque “é o instrumento do que dispomos as mulleres da clase traballadora para exercer presión para obtermos unha mellora nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos” e que Corral estendeu ao eido estudantil, de consumo e de coidados “para concienciar do traballo invisíbel que facemos as mulleres, amosando que o noso papel na sociedade non é subsidiario, senón fundamental para o desenvolvemento”.

Mobilizacións

A secretaria das Mulleres da CIG fixo un chamamento a participar masivamente nas 27 mobilizacións que a central sindical ten convocadas en cidades e vilas do país, ao longo da mañá do propio 8 de Marzo.

Xunto a isto chamou a participar tamén na manifestación que a Asemblea Galegas8M -na que está a participar activamente a Secretaría das Mulleres da CIG- convoca en Lugo para o vindeiro día 3 de Marzo, a partir das 12:00 horas, desde a Porta Falsa. Unha mobilización para a que, lembrou, se están poñendo autobuses desde as distintas comarcas. Isto xunto co chamamento a participar dos distintos actos e mobilizacións convocadas tamén por Galegas 8M, durante o transcurso da xornada de folga.

Día Internacional da Muller Traballadora

Margarida Corral sinalou que para as mulleres da CIG o 8 de marzo é un día de “reivindicación, de denuncia, de combate, de loita”, mais tamén de lembranza dos motíns de subsistencia e os tumultos convocados por mulleres na Galiza o século pasado, desde Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo, contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos, nas labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país que  percorreron as rúas galegas, “tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos”.

Un día tamén para lembrar que foi en 1910 cando na II Conferencia Internacional de Mulleres Socialistas en Copenhague se escolleu o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora sostendo que “as mulleres traballadoras debían librarse da opresión do réxime capitalista, reclamando o dereito ao sufraxio feminino, a redución da xornada laboral, melloras nas condicións de traballo e o dereito á sindicalización”. Unha orixe “revolucionaria” que chamou a non esquecer porque do contrario “corremos o risco de falsificar a historia”.

Asegurou que, por iso se convoca a folga laboral, como “o instrumento de que dispomos as mulleres da clase traballadora para exercer presión, para obtermos unha mellora nas nosas condicións laborais, na reclamación dos nosos dereitos” e chamou a todas as mulleres a negarse a realizar “dun xeito total o traballo que temos encomendado estamos evidenciando as eivas dun sistema que nos discrimina, que nos agride, que nos precariza”.

Unha de cada catro mulleres por debaixo da liña da pobreza

Desa discriminación e precarización falou Natividade López Gromaz, responsábel do Gabinete de Economía da CIG, que foi quen debullou os resultados máis salientábeis do informe (que se adxunta ao pé) e comezou lembrando que a crise provocou que as desigualdades sociais se incrementaran exponencialmente. Por iso manifestou a súa preocupación diante da posibilidade de que a desigualdade de xénero poida pasar por iso desapercibida, porque hai indicadores que melloraron con respecto aos homes.

Unha mellora que, subliñou, “non se debe a que mellorara a situación laboral das mulleres, senón que houbo un empeoramento tremendo da situación laboral dos homes” que perderon o seu posto de traballo en sectores como Industria ou Construción provocando que baixaran as medias “sen que a situación da muller mellore”.

Con esta matización de partida, para medir a situación sociolaboral das mulleres, López Gromaz puxo sobre a mesa a situación de pobreza que, hoxe máis que nunca “ten faciana de muller”. En todo caso, advertiu tamén que como a liña da pobreza se calcula en función da mediana dos ingresos e estes baixaron “hai mulleres que sen mudar os seus ingresos, ou mesmo con ingresos inferiores a hai 10 anos, agora están fóra da liña de pobreza” pero porque “baixou a vara de medir”.

Aínda así sinalou que en 2017 o 22,2% das mulleres en Galiza viviron por debaixo da liña da pobreza, practicamente 1 de cada 4; que segundo datos do Ministerio de Asuntos Sociais o 59% das persoas perceptoras do RISGA en Galiza, foron tamén mulleres, unha porcentaxe que se eleva ao 94%, no caso de familias monoparentais perceptoras do RISGA.

O 37% das traballadoras non chegan ao SMI

Tirando dos datos da Axencia Tributaria, López Gromaz cualificou de “moi preocupante” que    as mulleres en Galiza ingresaran de media, bruto anual, 16.123 €, mentres os homes ingresaron 20.554 €. Un total de 4.431 € menos, o que sitúa a fenda salarial no 21,5%.

Porén salientou que desagregando un pouco máis é “terrible” (tal e como se aprecia na gráfica) que nos tramos de menores ingresos, até 1,5 veces o SMI, o número de mulleres é moi superior ao dos homes. Porén, a medida que se pasa deses ingresos a porcentaxe de mulleres vai descendendo até que, no último tramos, que se corresponde coas persoas que perciben 10 veces o SMI, tan só hai un 17% de mulleres, mentres que o 83% son homes. “A vista destes datos o teito de cristal non precisa de máis explicacións”, concluíu.

Mirando esas porcentaxes polo miúdo a responsábel do Gabinete de Economía chamou a atención sobre o feito de que o 37% das mulleres que declararon ingresos a Facenda no ano 2017 non chegaron ao SMI e, peor aínda, o 20,5% non chegou sequera á metade deste.

Precisamente no colectivo no que máis se incrementou a ocupación foi no de mulleres que ingresaron entre a metade e unha vez o SMI, alcanzando en 2017 o 37% cando, no ano 2009, era do 33%.

Precariedade, contratos a tempo parcial e elevada rotación

Este forte medre da precarización produciuse porque o sector no que máis se incrementou a ocupación foi en Servizos, con salarios máis baixos e, dentro deste, en “Outros servizos persoais e de ocio”. De feito, no ano 2017 o 87% das mulleres asalariadas en Galiza traballaban nalgunha actividade relacionada con este sector, cando no ano 2009 eran o 85%. Entre mentres, no resto dos sectores destruíuse emprego. Estamos falando duns ingresos anuais, en 2017, de 7.823 euros, moi por debaixo do SMI, que foi de 9.906,40 euros anuais para ese ano.

Nesta precarización salarial inflúe tamén o tipo de contrato ou xornada realizada polas traballadoras. Mentres o 21,9% das mulleres teñen xornadas parciais, só o 5,9% dos homes tiveron este tipo de xornada no ano 2018. O resultado é que as mulleres ocuparon o 77,3% do total dos traballos a xornada parcial no ano 2018. Ano no que, ademais, a taxa de temporalidade masculina se situou no 25,6% mentres que a feminina foi do 27,5%, 2,1 puntos superior.

Pero é que ademais en 2018 se asinaron un total de 498.344 contratos iniciais para 117.400 mulleres, o que dá unha media de 4,2 contratos por muller cando no ano anterior eran 3,8 contratos por muller. Xunto a isto, Natividade López salientou que dos temporais asinados o 36,1% duraron menos dunha semana e o 48,6% menos dun mes.

Fenda salarial nas pensións

A fenda salarial dáse tamén nas pensións. En 2017 foi do 36,6%, ou o que é o mesmo, unha pensionista galega ingresou, en temos absolutos, 357,31 euros mensuais menos, isto é, 5.000 euros menos ao ano.

Esa fenda salarial, segundo a economista da CIG vaise agrandando ao longo dos anos e comeza ao inicio da vida laboral das mulleres, porque as menores de 25 anos xa acumulan, con esa idade, 2 meses menos de cotización. Unha circunstancia que, ao seu entender, non se xustifica nin por unha menor formación, porque nesas franxas de idade é superior nas mulleres, nin por maternidade, porque a media de idade na que teñen o primeiro fillo é en Galiza superior.

Por iso Natividade López concluíu chamando a atención precisamente sobre este feito. Porque esa fenda nas pensións prodúcese como consecuencia de que ao final da súa vida laboral as mulleres cotizaron, de media, 10 anos menos o que xunto ás máis baixas bases de cotización provoca que as súas pensións sexan moi inferiores.

Volver