A CIG alerta do progresivo deterioro do servizo de ambulancias na área de Pontevedra-O Salnés

Acusa o xerente da EOXI de mentir e lembra que dos 45 vehículos que había co anterior contrato quedan 38
Pontevedra/O Salnés - 15 Xul 2022

A FGAMT-CIG alertou hoxe do progresivo deterior do servizo de transporte sanitario de Pontevedra-O Salnés como consecuencia da falta de ambulancias e da falta de organización por parte da empresa concesionaria. Dende a central sindical acusan o xerente da EOXI de mentir tras asegurar que a zona conta agora con máis ambulancias e lembran que das 45 que había co anterior contrato quedan 38 na actualidade.

O responsábel da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xavier Aboi, compareceu en rolda de prensa xunto a delegados da central sindical nas ambulancias para dar conta do que está a acontecer co servizo “a raíz rebumbio que se montou nas últimas semanas tras a denuncia dun sindicato médico”. Aboi asegurou que a situación non é nada novo, xa que levamos denunciando ano e medio os problemas existentes no servizo dende que houbo novo concurso de ambulancias. “O que está a pasar co servizo de emerxencias sanitarias é o mesmo que nos centros de saúde e nos hospitais como consecuencia do proceso de privatización salvaxe posto en marcha pola Consellaría de Sanidade”.

Con todo, incidiu en que as deficiencias no transporte sanitaria veñen incluso dende máis lonxe, e lembrou que o concello de Marín quedou sen ambulancia en 2011 durante 12 horas. “Houbo mortos, pero a única consecuencia foi que a Fiscalía chamou a declarar a representantes da CIG por revelación de segredos. Non houbo ningunha investigación sobre o acontecido, e as mortes por chegar tarde as ambulancias seguíronse sucedendo noutras localidades, como foi o caso de Lalín hai catro anos. E no Salnés hai 15 días faleceu outra persoas polas mesmas causas”.

A respecto deste último suceso, asegurou que “é falso o que publicaron os medios de que morreu por covid; faleceu porque non había unha ambulancia medicalizada en Vilagarcía, xa que estaba en Sanxenxo; mándana para a zona vip e a comarca do Salnés queda sen ambulancia medicalizada durante tres meses”.

Neste senso, acusou o xerente da EOXI de mentir cando asegurou que agora hai máis ambulancia ca antes, “algo que é absolutamente falso”. Sinalou que agora hai 38, cando co anterior contrato había 45. “Minte, e polo tanto ten que ser cesado de xeito inmediato”. Tamén fixo fincapé en que ademais de haber máis vehículos o servizo estaba mellor organizado que agora, “que é un desastre”.

Até 47 graos no interior dos vehículos

Tamén aproveitou a comparecencia para repasar algúns dos problemas que presentan as ambulancias, como o feito de que seis delas non conten con aire acondicionado. E amosou unha imaxe do interior dunhas delas na que se podían apreciar de temperaturas de até 47 graos. “Das cinco cadeiras robotizadas para mover doentes que marca o concurso só hai unha. E cos vehículos para trasladar pacientes covid pasa o mesmo, dos cinco que había agora teñen un e por horas”, criticou.

Para Aboi, o que está a acontecer é consecuencia directa de abaratar o concurso (hai unha diferencia de 27.000 euros ao ano por ambulancia con respecto por exemplo a Santiago). O resultado é un servizo cada vez peor e máis desorganizado, porque a coordinación faise dende Valencia. “Non saben nin onde están todas as ambulancias en cada momento, porque teñen un programa informático de baixo custe”.

Por iso instou a empresa a cumprir o prego de condicións no referente ás ambulancias suplentes e a organizar mellor o servizo. E á Administración a velar polo cumprimento dos contratos públicos para rematar co “caos “ existente no servizo na actualidade.