A FGAMT-CIG tilda de “prepotente, pouco seria e infantil” a actitude da Xunta diante da folga do transporte

Denuncia que a Administración dá por rotas as conversas e ratifica convocatoria de paro indefinido
Nacional - 05 Xul 2017

O responsábel do sector de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, cualifica a actitude da Xunta de Galiza, diante da folga de transporte de viaxeiros por estrada de “prepotente, pouco seria e infantil”. Denuncia que a xuntanza mantida hoxe foi unha “tomadura de pelo” e que nela se confirmou que de se aplicar o plan da Xunta haberá redución do número de autobuses e, polo tanto, destrución de emprego no sector.

Segundo Pastoriza o texto relativo á subrogación presentado pola Xunta de Galiza “a nos válenos”. Porén denuncia que malia terse comprometido a proporcionar a documentación e copias dos contratos para analizar as condicións reais que se fixan “apareceron sen nada”.

Diante desa situación, “dixemos que así non negociabamos”, explica e engade que a única información que se lles achegou foi que a Xunta estaba disposta a aumentar a partida económica para o salario dos/as condutores/as nun 25%, “pero só dos condutores, do resto non sabemos nada” e que van reducir o número de autobuses nos contratos.

Máis paro

“Por moito que aumenten a partida económica se hai menos autobuses, hai máis paro. O que están dicindo na práctica é que poden mellorar as condicións dos que se subroguen, pero vai a haber máis xente sen subrogar, co cal non nos vale porque é unha diminución do volume de emprego global”.

Sendo isto para a CIG moi grave, máis o é a “falta de seriedade” dunha administración que desconvocou a apenas quince minutos da hora prevista a xuntanza que estaba comprometida para as 17:00 horas de hoxe, para despois volver contactar coas organizacións sindicais, ao cabo dunha hora, vía correo electrónico, e emprazalas a unha xuntanza este xoves pola tarde.

Pastoriza tamén denuncia que desde a consellaría se emitira un comunicado no que se albisca que esa xuntanza á que foron convocados, “no é para negociar nada, senón porque hai Consello da Xunta pola mañá e pola tarde veñen a nos informar do que hai”.

O representante da FGAMT-CIG entende que deste xeito é a consellaría a que dá por rotas as negociacións e confirma a convocatoria de folga indefinida a partir da semana que vén. Adianta ademais que as organizacións sindicais están estudando a posibilidade mesmo de endurecela.

As organizacións sindicais emitiron esta mesma tarde un comunicado conxunto que, de seguido, reproducimos.

COMUNICADO CONXUNTO

Ante a falta de respecto da Xunta de Galiza aos cidadáns e cidadás, traballadores/as e sindicatos, o servizo de transporte de viaxeiros por estrada en toda Galiza vaise ver sumido nun caos aínda máis importante que o instaurado actualmente

A Consellaría de Infraestruturas desconvoca con 20 minutos de antelación a reunión tripartita acordada para esta tarde, tras a reunión que mantivo cos sindicatos na mañá de hoxe, e na cal se chegara a un principio de acordo en canto á blindaxe dos contratos e subrogación dos traballadores/as e demais cláusulas de garantía social.

Esta ruptura unilateral do diálogo por parte da Xunta de Galiza ampara que queren seguir cun conflito aberto o cal están sufrindo todos os cidadáns e cidadás por culpa dun goberno ineficiente que adopta decisións máis propias dunha xuntanza nun bar, que as que debe adoptar un goberno serio.

Unha nova actitude de prepotencia por parte do goberno do PP cando estaba establecendo unha actitude de avance nun conflito iniciado polo mesmo goberno.

As tres organizacións sindicais, CIG, CCOO e UGT, manteñen a súa postura de diálogo para intentar emendar  o desastroso plan de renovación do transporte imposto polo goberno da Xunta de Galiza.

Para afondar máis na confusión, agora nos convocan a unha nova xuntanza tripartita mañá pola tarde, ás 17:00 horas, o que demostra a necesidade de máis sosego, tempo e reflexión para abordar con seriedade unha solución para o desenvolvemento do plan de Transporte de viaxeiros en Galiza.