A FGAMT-CIG de Compostela denuncia abusivas condicións laborais no sector de ambulancias da área sanitaria de Compostela

Os traballadores/as chegan a facer 240 horas ao mes, cando o legal son 170 horas, nun servizo público tan delicado como o de atención a emerxencias
Compostela - 29 Xan 2016
A FGAMT-CIG e delegados de persoal de Ambupadrón, Ambuibérica e Ambulancias Casablanca -empresas do sector de ambulancias concesionarias do servizo de atención de emerxencias 061 na área sanitaria de Santiago- compareceron esta mañá, en rolda de prensa, para denunciar as abusivas condicións laborais que padecen os traballadores/as, Condicións que se traducen en quendas interminábeis e horas extra -que non cobran- chegando a facer ata 240 horas ao mes, cando o convenio establece 170.

Inácio Pavón, representante do sector de transportes da FGAMT-CIG de Compostela, explicou que no transporte de urxencias sanitarias do 061 trabállanse 24 horas ao día, os 365 días do ano por quendas. O servizo está xestionado, por concesión administrativa, polas empresas Ambupadrón, Ambuibérica e Ambulancias Casablanca e atinxe ás bases do 061 da Área de Santiago (agás a propia cidade) que están en Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Muros, Noia, Ribeira, Boiro, Padrón, Arzúa, Melide, Teixeiro ou Ordes.

En cada base hai unha media de 6 traballadores/as -que deben de acreditar unha formación específica- e van dúas persoas por ambulancia. Segundo Pavón estes traballadores/as, uns 80, fan máis de 240 horas, sen contar as horas a maiores cando un servizo está iniciado, por traballador ao mes.

O representante da FGAMT-CIG denuncia que nestas empresas “non se contan as horas de presenza, nin as extras, nin as dietas que corresponden, traballo en festivos ou noites e as nóminas están calculadas aleatoriamente en base a salarios impostos e moi por debaixo do Convenio Colectivo”.

Tal é así que, polos cálculos en base aos calendarios laborais reais, cada traballador/a destas bases debería ter cobrado no mes de decembro máis de 3.000 euros, cando os salarios que realmente percibiron oscilaron entre os 1.400-1.600 euro.

Por iso, desde o mes de xullo, os traballadores e traballadoras levan intentando mellorar as súas condicións laborais pero, segundo denuncian, non teñen con quen negociar. A este respecto Pavón sinala que “as empresas que tiñan a contrata naquel momento se negaron a negociar porque non ían continuar co servizo e que as empresas actuais, en 2 meses, non foron quen de poñer unha soa proposta seria enriba da mesa”.

O cambio das concesionarias foi a finais de 2015 e o pasado 1 de decembro produciuse finalmente a subrogación dos traballadores/as, nun proceso de cambio de contrata que o representante da FGAMT-CIG definiu como “esperpéntico, con múltiples retrasos, onde todo eran rumores e navalladas entre as empresas e onde o que menos importou foron os traballadores e traballadoras ou o a calidade do servizo”.

Con todo, denuncia que o peor comportamento co seu persoal é o de Ambupadrón, con bases en Padrón, Noia, Mazaricos, Ribeira e Boiro que, asegura, “se dedica a ameazar aos traballadores e a insultar aos delegados de persoal da CIG, e a ameazar de descolgarse salarialmente do convenio colectivo”. Pavón pregúntase “como se vai poder descolgar do convenio unha empresa que cobra o que pediu e que lle foi concedida unha contrata pública con unha oferta manifestamente mais baixa que os custes reais”.

Responsabilidade do 061, o SERGAS e a consellaría de Sanidade

Para Pavón hai unha responsabilidade manifesta da administración nesta situación, porque este é un servizo xestionado pola Consellaría de Sanidade que, porén, “non fai o máis mínimo control sobre a súa calidade”.

Considera que, lonxe disto, “máis ben parece que exista un interese mútuo de empresas e administración en que sexa o máis opaco posíbel”´. Só así se explica que se permita que nun servizo público “se presenten ofertas que non cobren, nin de lonxe, o que supoñen os custes salariais de cada base”.

Sinala que xa se teñen presentado denuncias na Inspección de Traballo contra algunha destas empresas e adianta que na semana vindeira presentaranse denuncias de cantidades no xulgado.

O persoal destas empresa exixe unhas negociacións inmediatas e rápidas e que solucionen dunha vez a situación de explotación e precariedade laboral nun sector que debera ser especialmente mimado. “Non permitimos que se nos trate así. Os traballadores son os que traballan nas ambulancias do 061 e as empresas veñen e van”.

Advirte que “de non chegarmos a unha solución inmediata imos iniciar un calendario mobilizador que se decidirá en asembleas de traballadores e traballadoras na próxima semana.

Ao seu entender son responsábeis, non só ás empresas que, denuncian, “só están preocupadas polo seu beneficio económico”, senón tamén a administración, o 061, o SERGAS e a XUNTA que permite a precariedade laboral nun servizo tan sensíbel como é o traslado de urxencias sanitarias.