A FGAMT-CIG de Ferrol apoia a protesta das usuarias/os pola situación caótica do transporte en autobús

Dende que Monbus se fixo coa concesión agravouse a precariedade laboral e o deterioro do servizo
Ferrol - 29 Set 2021

A FGAMT-CIG de Ferrol apoia e participará no acto de protesta que van realizar este xoves día 30, ás 20:00 h, os usuarios e as usuarias da liña de autobús entre Ferrol e A Coruña. A central nacionalista leva tempo denunciando a caótica situación que atravesa o transporte de viaxeiros/as na comarca, agravado dende que a nova concesionaria, a empresa Monbús, se fixo cargo dos servizos.

Aínda que neste sector a precariedade e a explotación laboral xa eran algo habitual, denuncia a FGAMT-CIG de Ferrol, os problemas laborais foron aumentando de maneira progresiva coa chegada de Monbús.

A esta precarización laboral que están a sufrir as e os traballadores hai que engadirlle os incumprimentos dos pregos de contratación, o que está a derivar nun deterioro do servizo, con atrasos, cambios de rutas e modificación dos horarios, "sen importarlles deixar sen servizo ás persoas usuarias do transporte".

A conflitividade laboral e as deficiencias nos servizos de autobús esténdense a todo o país, xa que as empresas concesionarias -con Monbus á cabeza, pois practicamente ten o monopolio do transporte de viaxeiros/as por estrada- incumpren de maneira reiterada o convenio colectivo, non respectan o dereito á subrogación do persoal, están executando despedimentos e non cumpren as condicións establecidas nos pregos.

A FGAMT-CIG xa se mobilizou en diversas ocasións para denunciar esta situación e esixir solucións, así como a intervención inmediata da Dirección Xeral de Mobilidade, que "permanece ausente".

Por iso, a CIG fai responsábel deste caos que está a vivir o sector á Xunta de Galiza, sabedora e cómplice da situación, por eludir as súas responsabilidades ao non esixir o cumprimento da normativa laboral e que se preste o servizo con calidade "e mirar para outro lado mentres as empresas se enriquecen co diñeiro de todos e todas as galegas".