A FGAMT-CIG de Lugo reclama retomar con urxencia a negociación do convenio do transporte de viaxeiros/as por estrada

Lugo - 31 Out 2022

A FGAMT-CIG de Lugo realizou esta mañá unha concentración diante da estación de autobuses da cidade para denunciar a parálise á que a patronal e as demais centrais sindicais teñen sometida á negociación do convenio de transporte de viaxeiros/as por estrada da provincia. A desidia da patronal e de ambas centrais sindicais condena os traballadores e traballadoras a seguir perdendo poder adquisitivo neste momento de forte medre do custe da vida, e a que teñan conxeladas as súa condicións laborais e sociais.

A principios de abril e, novamente, no mes de setembro, a CIG -sindicato menos representativo no sector nesta provincia- instou as partes a retomar a negociación, pero nin a patronal nin as outras dúas centrais sindicais trasladaron a súa disposición neste sentido.

O convenio de transporte de viaxeiros/as por estrada de Lugo está vencido dende o ano 2015. A raíz do conflito xerado no sector a nivel galego en resposta aos novos contratos da Xunta de Galiza, que derivou en varias xornadas de folga, produciuse un Acordo marco en 2017 que, entre outras cuestións, determinou a actualización de táboas salariais deste convenio provincial para os anos 2016 e 2017. Emprazouse entón á negociación do convenio para a súa renovación.

Porén, non foi até marzo de 2019 cando se constituíu a comisión negociadora, "quedando paralizado dende ese ano", denuncia o secretario da FGAMT-CIG de Lugo, Christian López.

López subliña as consecuencias que ten esta parálise para os traballadores e traballadoras, pondo a atención na acumulación do diferencial negativo para o persoal do sector dos IPC reais dos anos 2018 a 2021, "que cando menos supoñen un 8,5% de perda de poder adquisitivo nos salarios", á espera de como quede o IPC deste 2022. Por iso, sostén que na actual situación de medre da carestía da vida, esa porcentaxe "ten que ser un claro obxectivo a superar no proceso da negociación colectiva".

Ante a falta de movementos por parte do resto dos membros da comisión e as negativas consecuencias que esta actitude ten sobre os dereitos laborais e salariais do persoal do sector, a CIG acordou realizar esta primeira concentración na estación de autobuses de Lugo, para demandar as partes da comisión que retomen de maneira urxente a negociación e pode avanzar nun convenio digno.

Máis tamén para sensibilizar o persoal do sector para unha implicación máis activa que garanta retomar a negociación do convenio sectorial "como a mellor garantía para loitar contra a precarización e perda de poder adquisitivo".