FGAMT-CIG denuncia intentos de descolgue encubertos por parte de varias empresas de ambulancias de Lugo

Ante a entrada en vigor nos próximos días nos novos contratos

Lugo -

A FGAMT-CIG denuncia que, diante da entrada en vigor dos novos contratos para o transporte sanitario urxente da Fundación 061, previstos para o vindeiro día 16 de outubro, as empresas adxudicatarias da provincia de Lugo están a tratar de realizar un descolgue encuberto do convenio colectivo galego para o transporte de persoas enfermas e accidentadas en ambulancia.

O secretario comarcal da FGAMT-CIG, Christian López explica que as empresas entrantes, que terán que efectivizar a subrogación do persoal dos lotes correspondentes á provincia de Lugo, están a ameazar o persoal do sector con modificacións relativas á xornada laboral, incumprimentos no ámbito económico e mesmo de seguridade e saúde laboral. “Ditos feitos son particularmente graves tendo en conta os precedentes, posto que estas mesmas empresas son as actuais prestadoras de servizos dos anteriores contratos, aos que concorreron temerariamente por debaixo dos custes laborais co beneplácito da Xunta de Galiza”, apunta.

"Gran temeridade"

Considera que esta actuación reviste tamén unha grande temeridade “porque na actualidade a lexislación vixente non permite este tipo de falcatruadas, polo que estes anuncios en vésperas da subrogación dos novos contratos pretenden disfrazar un intento de descolgue encuberto do vixente convenio de ambulancias e prender de novo a conflitividade no sector do persoal das ambulancias”.

Por iso, dende a FGAMT-CIG faise un chamamento ás empresas do sector na provincia para que no inmediato se sitúen no carreiro das obrigas contraídas no cumprimento das condicións da subrogación e no marco do actual convenio, así como á Xunta de Galiza “a non mirar para outro lado diante de incumprimentos nas condicións laborais deste sector”.

As empresas e lotes dos contratos son: Lote 7, Área de Lugo: UTE Servicios Sanitarios de Monforte SL, Sanitaria Lucense de Transportes SL, e Luis Iglesias Carreira SL; - Lote 8, Área da Mariña Lucense, UTE Ambulancias Burela SL e Sanitaria Lucense de Transportes SL; - Lote 13, Área Valdeorras/Verín/Lemos, UTE Ambulancias Sil, Sanitaria Lucense de Transportes SL e Servicios Sanitarios de Monforte SL.

Volver