A FGAMT-CIG denuncia os intentos de boicotear as protestas dos condutores da liña do aeroporto despedidos

Esta fin de semana estragáronlle dúas bicicletas con mensaxes reivindicativas nas que se despraza un dos traballadores
Compostela - 11 Xul 2022

A CIG quere denunciar que, unha vez máis, estase intentando boicotear a acalar as protestas dos antigos traballadores da liña de autobús Santiago-aeroporto, mentres quen lles tiña que dar unha solución xusta mira para outro lado e lles lanza ameazas por reivindicar os seus dereitos. Esta fin de semana, cando as tiña paradas na rúa, a un dos traballadores esnaquizáronlle dúas bicicletas coas que anda pola cidade e que levan escritas mensaxes alusivas ás súas reivindicacións laborais.

Dende que se iniciou o conflito, este compañeiro, afeccionado ao ciclismo, desprázase por Compostela en bicicletas ás que lle enganchou un carriño con mensaxes (imaxe da dereita) denunciando o despedimento de todo o persoal que facía a ruta de autobús Santiago-aeroporto Rosalía de Castro, apuntando ás responsabilidades do Grupo Monbus e do Concello de Santiago e exixindo solucións inmediatas.

Xa nunha ocasión anterior, unha das bicicleta lle apareceu rebentada e doutra vez, o Concello retiroulla cando estaba correctamente estacionada, pretendendo ademais que abonara unha taxa de 200€ para poder recuperala do depósito. Desta vez, son dúas as bicicletas atacadas, ás que lle romperon os radios das rodas, os manguitos dos freos, as cadeas e as ancoraxes onde van enganchados os carriños cos carteis, entre outros estragos.

Máis de dous anos pelexando por recuperar os seus empregos

Este colectivo de condutores levan máis de dous anos reclamando que se faga xustiza con eles e se lles reincorpore nos seus postos de traballo. Cómpre lembrar que cando se produciu a subrogación do transporte metropolitano en decembro de 2020, o Concello de Compostela non tiña sacado o concurso do transporte urbano, que tiña que incluír a liña de autobús dende a cidade ao aeroporto Rosalía de Castro e que está en precario dende o ano 2015.

Para tentar atallar esta eiva, a Xunta de Goberno acordou entregarlle este servizo á concesionaria do transporte urbano, Tralusa, pero no documento, e así figura por escrito, estableceu que a empresa tiña que prestar a liña cos seus propios medios materiais e humanos. Cando Monbus se fixo coa concesión, aproveitou este subterfuxio do texto para negarse a aplicar a subrogación recoñecida no convenio colectivo e deixar na rúa a estes condutores, algún dos cales levaban máis de 25 anos prestando este servizo.

Os despedimentos foron denunciados nos xulgados e todas as sentenzas emitidas confirman que os traballadores tiñan que ser subrogados en cumprimento do acordo asinado pola patronal do transporte de viaxeiros/as, as centrais sindicais e a Dirección Xeral de Mobilidade, incluso nas situacións de ausencia de contrato.

Malia a firmeza das resolucións xudiciais, a día de hoxe Monbus aínda non os reincorporou nos seus postos de traballo e o Goberno municipal mantense totalmente pasivo. E iso a pesar de que se comprometeu a realizar as xestións oportunas para efectivizar a subrogación, posto que  foi a neglixente xestión do Concello a que provocou esta desfeita laboral.

Neste senso,  Inácio Pavón, da Executiva da FGAMT-CIG, recalca que este conflito e a súa falta de resolución é responsabilidade política do Goberno de Compostela, co seu alcalde á cabeza,  "pola súa submisión aos intereses empresariais do Grupo Monbus, a quen lle ofrecen un descarado trato de favor tanto permitíndolle que incumpra a legalidade como facilitándolle a cesión de terreos públicos".

Diante de todo isto, Pavón exixe "a fin das represalias e do crueldade sistemática contra estes traballadores que son as vítimas en todo este despropósito".