A CIG denuncia que a viguesa Profand intenta desvincularse da morte do patrón dun dos seus barcos

Onte celebrouse o xuízo no que a familia do falecido reclama unha indemnización digna
Pontevedra/Vigo - 10 Dec 2019

A FGAMT-CIG de Pontevedra denuncia que a empresa pesqueira viguesa Profand baseou a súa estratexia de defensa no xuízo celebrado onte en desvincularse do patrón falecido cando traballaba nun dos seus barcos e intentar culpalo a el do acontecido hai tres anos en augas de Senegal. A sesión tivo lugar a instancias da familia do mariñeiro, que reclama unha indemnización digna.

Segundo explica o secretario comarcal da federación, Xavier Aboi, tanto os avogados como os peritos da empresa sostiveron que o informe sobre o sinistro elaborado por expertos contiña erros e polo tanto non era válido, “pretendendo que o único válido era o seu informe, feito polas compañías aseguradoras”. Con esta estratexia pretendían culpabilizar o falecido da súa propia morte e da de dous mariñeiros senegaleses, “algo moi ruín, miserábel e falto de toda ética”. 

A xuíza fixou de prazo até o venres para que as partes acheguen nova documentación

Ademais, segundo indica Aboi, “basta con buscar na hemeroteca para ver que o barco Senefand 1, no que traballaban os tripulantes desaparecidos (xa que os seus corpos nunca apareceron) pertence ao grupo Profand”.

Neste senso, asegura que a CIG ten afiliados no buque Senefand 2 que poden demostrar que cobraban de Senefand en Vigo e que era esta empresa a que lles facilitaba os billetes de avión para desprazárense até Senegal. “Por iso é lamentábel que unha compañía que factura máis de 700 millóns de euros anuais -e que é, por exemplo, un dos principais provedores de Mercadona- intente desligarse agora de calquera responsabilidade”.

Á vista dos novos elementos que ían aparecendo durante a sesión, a xuíza estableceu de prazo até o venres para que as partes fixesen entrega dos novos informes e de toda a documentación que consideren oportuna.

Críticas á Consellaría

Ao mesmo tempo, o secretario comarcal da FGAMT-CIG, Xavier Aboi, criticou a actitude da Consellaría do Mar, “que neste tempo non se lembrou de que hai un cidadán galego desaparecido dende hai anos; pola contra, ben que se move cando a empresa chama para solicitar que lle prorroguen as concesións, e mesmo manda representación institucional ás inauguracións do grupo”.