A FGAMT-CIG faise con tres dos nove delegados/as do comité de Autobuses Urbanos de Ourense

A pesar das inxerencias da empresa, que perdeu un laudo por intentar que se votase en dous colexios
Ourense - 22 Out 2021

A FGAMT-CIG logrou 3 dos 9 representantes no comité de empresa de Autobuses Urbanos de Ourense, concesionaria do transporte urbano municipal, a pesar das inxerencias da empresa, que mesmo chegou a perder un laudo arbitral ao intentar que se votase en dous colexios, “cando os números non daban”.

No proceso eleccións sindicais celebrado o pasado 20 de outubro participaron 119 dos 125 traballadores/as, dos que 43 votaron pola CIG (3 delegados/as), 49 por CCOO (4 delegados/as) e 26 pola UGT (2 delegados/as). Contabilizouse ademais un voto en branco.

Trátase do mellor resultado obtido pola central na concesionaria do transporte urbano

Trátase do mellor resultado obtido pola central nunhas eleccións sindicais en Autobuses Urbanos de Ourense, do Grupo Avanza. En 2015 non obtivera representación, mentres que no proceso anterior sumara un único representante.

Dende a FGAMT-CIG valoran moi positivamente o apoio e a confianza amosada polo conxunto do cadro de persoal, “sobre todo tendo en conta a dureza do proceso como consecuencia das inxerencias da empresa, que mesmo perdeu un laudo arbitral por tentar que se votase en dous colexios cando os números non daban”.

Finalmente, dende a representación da CIG na compañía de transportes ourensá adiantan a súa disposición a loitar pola mellora das condicións de traballo e na defensa dos dereitos de todos os traballadores/as da empresa.